Vía Galega, unha plataforma da sociedade civil en defensa dos dereitos da nación galega

Vía Galega, Adrián Rodríguez

Neste medio de comunicación temos defendido en innumerables ocasións que a forza imparable da sociedade civil organizada é o único camiño para afrontar con algunha garantía de éxito as enormes dificultades ás que se enfrontan as maiorías sociais para poder vivir con dignidade,e para poderse defender dos abusos das elites económicas. Dificultades que nun país colonizado como o noso sempre son substancialmente maiores. Xa que logo desde ANP saúdamos con simpatía a calquera colectivo de persoas que se organice para a defensa do ben común, e se o motivo que inspira o nacemento dese colectivo é a defensa dos dereitos nacionais de Galicia a nosa simpatía se multiplica ata o infinito. Conversamos con Adrián Rodríguez Bravo, responsable nacional de finanzas de Vía Galega, para coñecer o seu funcionamento, organización e o tipo de campañas que desenvolven. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa cun home novo en idade pero cunha ampla experiencia no activismo social.

Adrián Rodríguez, responsable de finanzas.

Vía Galega é necesaria para combater as políticas de dependencia colonial das que é vítima o noso país”

Que é Vía Galega? Cando nace e por que?

É unha plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza. Nace no 2016.Vía Galega aglutina a máis de 50 asociacións e colectivos de todo o país e conta con arredor de 2.500 adhesións de persoas a título individual.

Que é o que facedes en concreto?

Ao longo de todos estes anos temos desenvolto múltiples actos e campañas, entre outras cousas para reivindicar efemérides que por parte das administracións públicas están esquecidas, e tamén campañas reivindicativas como a do dereito á autodeterminación ou a do dereito a termos seleccións deportivas galegas

Ponme algún exemplo concreto?

Os mártires de Carral, ou como vimos de facer o 20 de decembro nas 7 cidades do país a conmemoración do aniversario da primeira vez que soou o himno galego no grande teatro de A Habana, a celebración do aniversario da primeira Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala en Lugo, ou termos desenvolto actos simultáneos en máis de 250 puntos do país de colocación ou extensión de bandeiras galegas…

Para facer actos simultáneos en 250 sitios cómpre ter un elevado corpo militante

Como antes che mencionei, Via Galega conta con máis de 2.500 persoas adheridas. E como é público é notorio o nacionalismo galego conta cunha importante penetración social neste país.

Por que é necesaria Vía Galega?

Para combater as políticas de dependencia colonial das que é vítima o noso país. Galiza é un país con enormes potencialidades e Vía Galega non se vai resignar a un escenario no que sexamos un país colonizado no que os nosos recursos sexan explotados por outros, e que o noso futuro se basee en recibir turismo de maneira masiva. Vía Galega reivindica o que fomos, o que somos e o que queremos ser.

Como é a organización interna de Vía Galega?

Estamos organizados nas diferentes comarcas do país. As asembleas comarcais desenvólvense de maneira periódica. E temos unha coordinadora nacional na que 3 persoas diferentes exercen a portavocía: Anxo Louzao, María Xosé Bravo e Bruno López. E logo na coordinadora hai outras responsabilidades así por exemplo eu mesmo son o responsable de finanzas.

Como se escolle a dirección nacional?

A través do plenario. Cada ano facemos en Santiago un plenario nacional de todas as asociacións e colectivos que forman parte de Vía Galega.

Ti, como responsable nacional de finanzas, supoño que poderás responder á seguinte pregunta: Como vos financiades?

Ha, ha, ha, ha… O financiamento ven fundamentalmente polas cotas que pagan as asociacións que constitúen Vía Galega, e tamén optamos a algunha subvención.

Chega?

Chega para facer as actividades que facemos.

Que receptividade atopades na sociedade galega cando facedes algún tipo de acto ou campaña?

A receptividade é moi boa. Por exemplo cando a selección galega de fútbol masculino xogou o último partido en Vigo, fixemos un intenso traballo previo, reivindicando que non só queremos xogar partidos amigables senón tamén participar coas nosas propias seleccións en torneos oficiais, e as sensacións que pulsamos, tanto neses momentos previos, como no propio estadio de Balaídos foron absolutamente positivas. Por outra parte hai campañas nas que repartimos milleiros de folletos informativos polas rúas e a reacción abafadora da xente é a simpatía, e desde logo hai unha total ausencia de hostilidade.

Temos a convicción colectiva, e eu mesmo teño a convicción persoal, de que hai unha parte maioritaria do pobo galego que se sente pobo galego aínda que non se sinta nacionalista. Vía galega quere ser a plataforma para canalizar ese inmenso caudal de sentimento de amor por Galiza que existe na sociedade galega.

O voso traballo chega a todo tipo de segmentos sociais, ou só aos que xa están previamente situados no espazo do nacionalismo galego?

Inicialmente, como calquera colectivo, chegamos aos segmentos que poden sentir simpatía previa polo que nós defendemos. Pero a nosa intención e o noso traballo van dirixidos a tratar de conquistar os corazóns da parte da sociedade que aínda non viu a necesidade de que sexa o propio pobo galego o que xestione os intereses do pobo galego e o que decida cal vai ser o seu camiño.

E a mocidade?

É un público no que estamos moi interesados. Nós facemos numerosas campañas nas Universidades Galegas, e realizamos un traballo moi intenso nas redes sociais.

Na campaña que fixestes polas seleccións nacionais participaron deportistas galegos de primeiro nivel: Alba Cuba, Fernando Vázquez, Álvaro Pino… Por que ningún xogador galego do Celta?

Ben, digamos que para poder obter declaracións dos xogadores do Celta, ten que haber unha autorización previa por parte do club.

Non a pedistes ou non vola quixeron dar?

Non a pedimos porque,francamente non tiñamos moitas expectativas de éxito.

Vía Galega veu para quedarse?

Si, radicalmente si. Sen ningún tipo de dúbida si. Vía Galega vai seguir existindo ata que careza de sentido a súa existencia, que será cando academos a liberación nacional e social do noso pobo.