Cando tiven a primeira conversa acougada e extensa con Xabier Pérez Igrexas, falo de memoria pero coido que foi no ano 16, escribín en ANP que Xabier acabaría por ser alcalde de Vigo. Naquel momento o BNG de Vigo era unha forza que carecía de representación municipal, e aínda teño gardadas media ducia de mensaxes nas que se burlaban da miña “ocorrencia”. Hoxe o BNG é a auténtica oposición ao goberno de Abel Caballero, o PP de Vigo son como a procesión dos caladiños,e Xabier consolídase como a alternativa máis sólida ao actual alcalde vigués. Na actualidade, arredor de nove anos despois daquela conversa, volvo dicir o mesmo: Non sei canto tardará pero Xabier Pérez Igrexas vai rematar sendo o alcalde de Vigo. E dígoo en base a dúas razóns:
-Non hai político na cidade coa súa solidez, o seu rigor, a súa solvencia e a súa capacidade de traballo.
-Non hai organización política na nosa cidade coa penetración social que a que ten o BNG de Vigo.
“Un BNG determinante en Vigo fará que a cidade se converta no motor de todo un País”
Facemos esta entrevista un día antes de rematar as festas do Nadal. Cal é a túa valoración do impacto económico realista, que a máis grande aposta do goberno local puidera ter na realidade económica viguesa?
A diferenza do que fai o alcalde, que se inventa as cifras para xustificar o seu relato, vasme permitir que sexa prudente e para poder emitir unha valoración rigorosa e seria espere a coñecer os datos que nos permitan trasladar a nosa opinión baseada en cifras realistas concretas.
Cales son eses datos que queres coñecer?
A recadación de IVE, que coñeceremos nas próximas semanas, os datos da EPA (enquisa de poboación activa) e os datos do paro rexistrado.
Nos Nadais anteriores ese tipo de datos que retorno económico indicaban?
Un retorno ben cativo. De feito houbo algún exercicio no que se aumentou o investimento en luces e fachendas e houbo menos recadación que o ano inmediatamente anterior.
E no que se refire á creación de emprego, desde o ano 19 ata hoxe no mellor dos anos falamos dunha creación neta de emprego de menos de 200 postos de traballo no sector servizos. O que adoita acontecer é que xaneiro remata con máis desemprego do que había en novembro.
Crease unha cantidade moi limitada de emprego de carácter estacional, boa parte a tempo parcial, ligado á actividade comercial e á hostalaría.
Porén, o alcalde fala de magnitudes astronómicas que, di el, xeraría o Nadal en Vigo?
Si, ten mencionado un abano de entre 500 e 1.000 millóns de €, pero sexamos serios por favor: de onde tira eses datos? De ningún sitio, eses datos non existen, quítaos da súa imaxinación. E o máis terrible é que a persoa que actúa desa maneira seica é catedrático de economía.
Podes dicir con absoluta rotundidade que esas cifras que espeta o alcalde dun impacto económico de centos de millóns de € xerados polo Nadal de Vigo, son pura fantasía?
Son parte dun relato fantasioso. E a demostración empírica da natureza fantasiosa deses números é que cada vez que se lle pide ao alcalde a fonte da que proceden , Caballero foi absolutamente incapaz de dar un só indicador oficial e concreto.
Danos a túa valoración de como está indo este mandato que pronto alcanzará o seu ecuador?
Estamos ante un goberno instalado nunha inercia paralizante que xa non ten nada que ofrecer á sociedade viguesa. Non hai ningún tipo de proxecto estratéxico de modelo de cidade máis alá de seguir alimentando ese permanente ronsel de anuncios, propaganda e promesas incumpridas.
Concrétanos iso de “ promesas incumpridas”?
Non o digo eu, dio a propia conta xeral do Concello de Vigo: O ano 2023 rematou con 115 millóns de € do orzamento sen executar. Este ano van ser máis.
Xa estás en condicións de afirmar que a a non execución orzamentaria no ano 24 vai superar os 115 millóns do ano 23?
Si, estou en condicións de afirmalo porque así o apuntan os informes de execución dos tres primeiros trimestres. Estamos ante un goberno especialista en propaganda e anuncios de actuacións, que en moitos casos quedan sen executar. Hai un dato relevante: 6 de cada 10€ que están orzamentados no capítulo 6, o dos investimentos, que é onde está a obra pública, quedan sen executar.
Cando falades co goberno sobre esa cuestión que argumentan?
“Vuelva usted mañana”
Así?
Si, así. Dinnos que son obras que se executarán no exercicio seguinte. Pero o certo é que entre os anos 19-24 a inexecución do goberno local superou os 500 millóns de €.
Cal é o motivo ao teu xuízo?
Que unha cidade do volume e a dimensión de Vigo non se pode gobernar só coa figura dun único concelleiro plenipotenciario dedicado á propaganda e o autobombo: o alcalde-tertuliano Abel Caballero.
Recentemente tirastes unha nota na que informabades sobre as 324 propostas que lanzou o BNG no ano 2024.Cantas desas 324 foron atendidas polo goberno municipal?
Ningunha, absolutamente ningunha.
Parece asombroso
Pois é a triste realidade e tendo en conta o feito agravado de que algunha delas eran parte de mocións que foron aprobadas formalmente polo Pleno.
Por exemplo?
A que se aprobou no pasado mes de marzo que era unha batería de medidas concretas para enfrontar o gravísimo problema social de acceso á vivenda.
No debate dos orzamentos cantas emendas presentou o BNG?
152.
Cantas aceptou o goberno?
Ningunha. E boa parte delas eran resultado da permanente comunicación que temos co tecido asociativo de Vigo ao que o goberno négase a escoitar.
E o PP cantas presentou?
Unha.
Só unha?
Si, unicamente unha emenda de devolución. O PP de Vigo vive instalado na preguiza. O único que fan é xustificar o maltrato da Xunta coa maior cidade galega.
Cal é a túa opinión sobre a política tributaria que aplica o Concello?
É absolutamente inxusta en termos sociais. A súa política é unha suba xeral do 4% que non ten a máis mínima xustificación. A alternativa do PP era unha baixada lineal. Nós dicimos que no debate sobre impostos o máis xusto é que as políticas tributarias sexan o máis progresivas que se poidan: que pague máis quen máis ten, e que pague menos quen dispoña de menos recursos.
O grave é que se lle cobra máis aos vigueses e ás viguesas pero que non se lle devolve en forma de actuacións e programas. Isto orixina un inmenso remanente de tesourería, de preto de 200 millóns, que cando se retomen as regras fiscais, suspendidas desde a pandemia, é máis que probable que sexan incautados polo Estado e non se poidan utilizar en beneficio da veciñanza.
A escasa execución orzamentaria incide na inadecuada atención aos colectivos máis vulnerables?
Si, claro que si. As axudas sociais recórtanse cada vez máis. E isto é especialmente grave nunha cidade que segundo o índice AROPE ten 60.000 persoas en risco de exclusión social, con máis de 20.000 persoas rexistradas como desempregadas, con máis de 200 persoas sen teito, con centos de familias que teñen que acudir aos bancos de alimentos para poderen comer…
Pois ante esta realidade o goberno de Abel Caballero non fai outra cousa que políticas de aparencia en lugar de converter o Concello, como vimos demandando o BNG, nun verdadeiro parapeto social para que ninguén quede atrás. O problema parece que é que combater a pobreza non se pode inaugurar.
Antes apuntabas algo ao respecto da dificultade do acceso á vivenda. Como valoras a política neste campo que desenvolve o goberno de Vigo?
A situación do acceso á vivenda é dramática. Nos últimos cinco anos os alugueiros encarecéronse arredor dun 30%.Os prezos son disparatados: pisos pequenos a 700 €, habitacións en vivendas compartidas a 350€… e unha oferta cada vez máis restrinxida. Isto obedece a un fenómeno que o alcalde acabou por alentar: os pisos turísticos. Nos últimos tres anos o número de vivendas de uso turístico en Vigo aumentou un 217% e xa son 5 veces máis que as dispoñíbeis para alugueiro convencional.
E diante desta situación que fixo o goberno municipal?
Nada, absolutamente nada
Aquela promesa do alcalde de que en catro anos ía construír 6.000 vivendas protexidas en que quedou?
Como moitas outras quedou en nada. Non é que non fixera esa cantidade é que non fixo ningunha. O acceso á vivenda é un problema gravísimo, nunha cidade que ten 22.000 vivendas baleiras e arredor de 6.000 persoas inscritas como demandantes dunha vivenda de protección oficial. E fronte as medidas de acción concreta que propón o BNG o goberno municipal négase a facer nada. Esta política de brazos caídos do alcalde de Vigo o único que fai é agravar a nefasta política de vivenda do PP desde a Xunta.
Cal é o motivo das vosas críticas á política sobre o benestar animal que practica o Concello?
Nunha cidade cun goberno que practica o arboricidio permanente, a sensibilidade cara ao benestar animal tampouco existe. Por exemplo, no canto de converter o antigo zoo nun espazo de recuperación de fauna e de sensibilización ambiental, o que se busca é un parque multiaventura.
Por outra parte na antiga canceira da Madroa estase a vivir unha situación límite e temos indicios de que se estaría a abusar da eutanasia veterinaria sen xustificación.
Como está a saúde política do BNG de Vigo?
O BNG de Vigo está en plena forma. Vimos de pechar neste 2024 un intensísimo ciclo electoral con resultados extraordinarios en todos e cada uns dos procesos, destacando o fito histórico de febreiro 2024 cando por primeira vez o BNG foi a forza máis votada na cidade de Vigo nas eleccións galegas, derrotando ao Partido Popular e case duplicando en votos ao PSOE. Estamos nas mellores condicións para seguir avanzando cara a acadarmos que o nacionalismo galego volva ser unha forza política determinante na nosa cidade. E se ollamos para atrás vemos como cada vez que o BNG avanzou a Vigo foille ben, moi ben. Un BNG determinante en Vigo fará que a cidade se converta no motor de todo un País.
