O amor romántico: a trampado patriarca do (Asociación feminista As Silveiras)

Silveiras Asociación feminista
O amor foi o opio das mulleres, como a relixión o das masas. Mentres nosoutras amabamos, os homes gobernaban.

(Kate Millett)

Chega febreiro e, un ano máis, os escaparates, a publicidade e as plataformas de contidos audiovisuais énchense de corazóns vermellos e mensaxes edulcoradas. Xa está aquí outra vez San Valentín, a celebración intensiva do amor romántico. Mais nosoutras, que vemos o mundo a través das lentes violetas do feminismo, sabemos que non é todo tan bonito como nolo presentan.

O amor romántico, tal como o coñecemos, non é unha experiencia universal nin atemporal, senón unha construción cultural que foi moldeada polas estruturas do patriarcado e do capitalismo. Dende a literatura medieval ata as comedias románticas de Hollywood, promoveuse unha visión do amor baseada na idealización, na dependencia e no sacrificio, especialmente das mulleres. Esta narrativa funcionou como un mecanismo de control social, fomentando a idea de que a felicidade feminina só se pode acadar a través da parella e relegando outras formas de realización persoal.

Dende ben pequenas, recibimos mensaxes sobre o amor, o matrimonio e a maternidade. Os adultos bromean con nosoutras sobre quen é o noso mozo, pregúntannos con quen nos queremos casar cando medremos… Instrúesenos, dende o nacemento, en que o noso principal obxectivo na vida debe ser atopar unha “alma xemelga” (masculina, por suposto) á que coidar e coa que vivir felices para sempre. Os contos infantís reforzan esta mensaxe cos seus relatos de princesas en apuros rescatadas por príncipes protectores.

Hai séculos, as mulleres eran controladas a través da economía; estaban obrigadas a ser economicamente dependentes do patriarca: primeiro o pai, despois o marido. Esta forma de control segue existindo, pero na sociedade contemporánea precisa dun reforzo sólido, dado que cada vez máis mulleres poden gañar un salario digno grazas á súa propia formación, educación e habilidades.

Ese reforzo son os mitos románticos. A idea de que hai un home aí fóra para cada unha de nosoutras, que nos amará, protexerá e coidará para sempre. Como acontecía na infancia cos contos de fadas, recibimos constantes reforzos desta mensaxe a través dos diferentes produtos culturais que consumimos: revistas, cancións, películas…

Todas nos devolven a imaxe de relacións heterosexuais felices e exitosas. Nas raras ocasións en que isto non sucede, déixase claro que son excepcións, non a norma.

No patriarcado, o amor romántico serve para xustificar a división desigual do traballo na parella: mentres os homes son incentivados á autosuficiencia e ao éxito profesional, as mulleres son educadas para investir tempo e esforzo no coidado emocional e doméstico dos seus compañeiros. A frase de Kate Millett que escollemos de epígrafe para este artigo resume á perfección como a exaltación do amor feminino serviu historicamente para manter ás mulleres distraídas das estruturas de opresión que lles impedían acceder ao poder e á liberdade real.

Non esquezamos que, ademais, este concepto patriarcal do amor está sustentado nunha serie de mitos, naturalizados a través da cultura, que con moita frecuencia levan as mulleres a soportar situacións de violencia no seo da parella: mitos como “quen ben te quere farate chorar”, “se non hai ciúmes non é amor” ou “o amor todo o pode” favorecen a tolerancia de relacións de control, posesión e maltrato que se poden mesmo chegar a ver como manifestacións normais de amor.

Ademais, o capitalismo converteu o amor nun motor de consumo, mercantilizando as relacións a través da industria das vodas, do Día de San Valentín ou das aplicacións de citas. O amor xa non é só un sentimento, senón un produto que se debe demostrar con agasallos, ceas e experiencias custosas. Mesmo o concepto de “alma xemelga” foi explotado pola cultura de masas para xerar expectativas inalcanzables que manteñen as persoas nunha constante procura da parella “perfecta”.

Nestes últimos anos, podemos observar un reforzo do mito patriarcal do amor romántico con dúas vertentes moi preocupantes. Por unha banda, volveron con forza as narrativas de princesas e príncipes azuis e os estudos indican que as xeracións máis novas teñen dificultades para identificar como violencia os comportamentos de control nunha relación de parella. Por outra banda, o fenómeno das tradwives, ou esposas tradicionais, vinculado ao avance da ultradereita global e impulsado nas redes sociais por influencers que seguramente nas súas vidas privadas están moi lonxe dese modelo, promove unha volta a estereotipos de xénero rancios, máis propios da Sección Feminina que do século XXI. Nun momento histórico de empobrecemento da clase traballadora en todo o mundo, co desmantelamento do estado do benestar, este reforzo do amor romántico está deseñado para facer máis tolerable o obrigado regreso ao fogar e a conseguinte dependencia económica que están sufrindo cada vez máis mulleres.

Aplicar a perspectiva feminista ao amor romántico pon en evidencia como, ao longo da historia, o amor foi representado como o eixe central da felicidade e a realización persoal feminina, mediante a perpetuación de estereotipos de xénero que reforzan a desigualdade estrutural, a subordinación das mulleres e a violencia machista. Desafiar o amor romántico dende unha perspectiva feminista e anticapitalista implica recoñecelo como un relato que pode ser transformado para construír outros modelos de relacións baseadas na autonomía, no respecto mutuo e na equidade.

1 Trackback / Pingback

  1. O amor romántico: a trampa do patriarcado – As Silveiras

Comments are closed.