Tino Lago
O BNG de Pontevedra ven de escoller unha nova responsable local. Ela é Sabela Bará, unha moza de 31 anos que leva desde o 2017 dando clases de galego no ensino secundario. Atopar mozas tan formadas, e intelectualmente tan sólidas como Sabela, en postos de responsabilidade desminte a aqueles que estigmatizan á mocidade, como se non tiveran interese nos asuntos públicos. E por outra parte fai agromar a esperanza de que non todo está perdido, e que a conciencia de sermos pobo galego vai poder seguir existindo nas xeracións futuras. Velaí vai o que dei de si a nosa conversa
“Vexo ao alcalde Lores moi forte, e con moita ilusión”
Comecemos polo principio;coñecerte un pouco: De onde es? Que anos tes? A que te dedicas? E como e cando comezou a túa relación coa política?
Son natural de Pontevedra, teño 31 anos e son profesora do ensino secundario no IES de Poio.
De que dás clase?
De lingua galega.
Gústache a docencia?
Si, gústame moito. É unha forma moi útil para construír sociedade desde a base, e de intentar que as cousas muden a mellor .A gramática e a ortografía son moi importantes, pero tratar de axudar a que os alumnos e alumnas aprendan a formar un pensamento crítico, libre e autónomo é, ao meu xuízo, esencial.
En que abano de idade impartes aulas?
Dede os 12 ata os 17 anos.
Os alumnos e alumnas de onde son?
Son de distintas parroquias do Concello de Poio.
En que idioma falan, na súa maioría, os nenos e as nenas?
Case na súa totalidade falan en español.
Quedounos atrás saber como e cando iniciaches a túa relación coa política?
A miña relación coa política como ferramenta de cambio social estivo na miña vida desde sempre. Foi no ano 2012 cando me afiliei ao BNG.
Esta é a primeira responsabilidade quer tes?
No BNG si. En Galiza Nova xa ocupara responsabilidades orgánicas, estiven na súa permanente e fun responsable comarcal.
E con que ánimos encaras esta nova etapa?
Chego con todos os ánimos e con toneladas de ilusión por dar o mellor de min mesma para contribuír a fortalecer o nacionalismo galego na nosa cidade.
Que tal está a saúde da organización local do BNG en Pontevedra?
É realmente boa. Temos unha organización moi forte que acolle xente de todas as idades, incluso persoas moi novas. Somos, dentro da comarca a localidade que suma máis militancia, e os máis de 25 anos que levamos gobernando en Pontevedra nótanse na solidez e na solvencia do Bloque local.
Tamén tendes persoas novas de idade que participan activamente en política?
Si, si que as temos. Na mocidade hai inquedanzas políticas e sociais. Esta xeración non é diferente ás anteriores, é como calquera outra, e cando se lles dá a oportunidade non eluden o interese nos asuntos que lles rodean. Se cadra o maior obstáculo que ten a mocidade para participar en política é a inadecuada forma de canalizar as súas inquedanzas e problemas.
Despois de tantos anos de goberno, e despois de terdes construído unha organización local tan sólida, aínda quedan cousas por realizar para facer máis forte ao BNG local?
Si, abofé que si. Principalmente temos a teima de lograr unha maior participación da militancia, tanto nas asembleas como no traballo orgánico. O BNG é unha organización viva, radicalmente democrática, que debe de construír o seu corpus teórico e a súa praxe política a partir da escoita e o debate do conxunto da súa base de militantes e de simpatizantes.
O BNG leva 25 anos gobernando Pontevedra, e o alcalde Lores xa non é un rapaz. Queda Lores para tempo?
Eu creo que si. Véxoo moi forte, con moitas gañas e ilusión e absolutamente entusiasmado polo que fai: seguir convertendo a Pontevedra nun modelo de cidade recoñecida en todo o mundo.
E cando Lores xa non estea na primeira liña política, hai relevo para que o nacionalismo siga conservando esa alcaldía?
Si, si que hai. Hai persoas con potencial suficiente para asumir o relevo cando toque. En calquera caso teño a convicción de que o BNG ten unha grande cantidade de voto en Pontevedra para o seu proxecto político, non só para Miguel Lores como persoa.
De todas maneiras nas últimas municipais fostes superados en votos polo PP?
Si, é certo. Eu non dixen que fora fácil, pero si digo con toda a contundencia da que son capaz de expresarme que o BNG protagonizou un cambio substancial en positivo na nosa cidade, e ese aval non o cuestiona ninguén. Seguiremos traballando con humildade pero con firmeza, para que a maioría social de Pontevedra así o recoñeza. Nós últimos 25 anos de goberno do Bloque en Pontevedra o nivel foi elevadísimo, somos conscientes de que mantelo require unha exixencia superlativa. Niso estamos.
Rematamos Sabela: Ves algún concello da túa contorna con opcións realistas de que no 27 pase a ter alcaldía nacionalista?
Si, Moraña. Xa estivemos moi preto de logralo no 23 e temos a ilusión e a esperanza de que no 27 vai ser un Concello BNG.
