Marcos Santos.
Un ano máis a Arte Lixo volve a asolagar as rúas de Redondela de compromiso coa vida: coa arte, a paz,o coidado do medio ambiente, a liberdade e con todas as causas xustas polas que paga a a pena comprometerse. E, un ano máis, é unha honra para este humilde cronista da vida redondelá darlle espazo nas nosas páxinas a un colectivo formado por un tipo especial de persoas, refírome a ese tipo de xente que fai mellor á humanidade. Falamos con
Fran Larri, Quico Amoedo, Irene Campelo, Ánxela Hernández e Iria Míguez
“ Arte Lixo é un espazo aberto para a cultura, a liberdade, a vida en comunidade e o respecto entre persoas e colectivos”
Arte Lixo é unha marca de enorme prestixio, xa asentada na psique colectiva de Redondela, pero este ano vai ser “ Altri lixo”, por que ?
Si, así, é. E a resposta é obvia. Arte Lixo é un colectivo implicado coa vida, concienciado co coidado da casa na que vivimos todos os seres humanos e non humanos, o planeta Terra, que ama a Redondela e que se sinte parte deste pobo, o pobo galego. Altri está nas antípodas da nosa realidade: é un proxecto de morte, sen ningún tipo de conciencia a non ser a do beneficio económico, para uns poucos, para os de sempre, que non ten escrúpulos en arrasar a contorna e en negarlle o futuro ao pobo galego só para gañar diñeiro. É unha vergonza, un atentado sen precedentes na historia de Galicia, e Arte Lixo non pode permanecer calado. Mirar para outro lado é complicidade.
Aínda que esta entrevista vaise publicar a finais de marzo, facémola o venres 14,e anunciamos que proximamente ides facer unha concentración de protesta. Explicádenos as circunstancias?
Si, vai ser o domingo 16 ás 12 da mañá diante do Concello de Redondela, para expresar o noso frontal rexeitamento a ese atentado terrible contra o corazón de Galicia.
Vexo que esta vai ser unha das edicións máis reivindicativas da Arte Lixo?
A arte non só debe de ter unha finalidade estética, non se pode desentender da realidade na que vive, debe de servir tamén para denunciar os abusos e as inxustizas. E Altri é un abuso e unha inxustiza.
Queremos ser parte do clamor social contrario a ese atentado salvaxe contra Galicia e contra o pobo galego. Oxalá consigamos paralo.
Cando comezamos este ano?
O 4 de abril.
Cunha exposición no multiuisos da Xunqueira, como todos os anos?
Si
Quen ven?
Eduardo Núñez, un artista que para nó foi todo un descubrimento. Convidamos a todo o pobo de Redondela a que o coñeza porque estamos seguros de que as súas obras van chamar poderosamente a atención.
Ata cando vai estar a Exposición?
Ata o día 19.
Que máis teremos nesta edición?
Na inauguración teremos música e leremos un manifesto
E petiscos?
Ha, ha ha, ha..si claro, os petiscos non podían faltar. Tamén teremos algunha sorpresa máis
Cando colocaredes as obras na rúa e nos escaparates?
Entre o venres 4 e o sábado 5 de abril contamos que estea todo montado.
Aínda que as feiras no noso pobo son o 6 e o 21, coido que este mes imos ter feira un día antes do habitual?
Ha, ha ha,si, o sábado 5 teremos unha Feira “ Altri non” con diversas actuacións como por exemplo: unha mostra de segunda man, actividades para os cativos e cativas , música e unha mesa redonda sobre Altri.
Este ano repite “ A arte non ten cancelas” e “ A Poesía de peóns”?
Si,repetimos ambas actividades.
Cando remata o prazo de inscrición para quen teña interese en achegar algunha peza?
O 24 de marzo. A inscrición realízase a través un formulario google
Rematamos o día 12.Que faredes ese día?
Repetimos con Millo Verde, saíu moi ben o ano pasado e temos gañas ambos colectivos de volvernos xuntar. Tamén teremos un obradoiro infantil, e faremos de novo o micro aberto: todo aquel ou aquela que queira subir ao escenario a cantar, bailar , interpretar… poderá facelo. Aínda que previamente terán que apuntarse para podermos manter unha orde e que todos nos respectemos,
Teremos caras novas este ano?
Abofé que si. E é algo que nos ilusiona especialmente porque amosa que estamos vivos e moi presentes na sociedade redondelá.
Xa estades tan presentes que case non fai falta convidar aos lectores e lectoras que vos visiten?
Iso sempre fai falta, si. Convidamos a todas as persoas a que nos coñezan porque nós somos un colectivo que cre que a forza da sociedade civil organizada é imparable, e é tanto a forma máis xusta de vivir en comunidade , como a maneira de combater os abusos e inxustizas con máis probabilidades de éxito. Arte Lixo é un espazo aberto para a arte, a cultura, a liberdade a vida en comunidade, e o respecto entre persoas e colectivos.
