Un dos temas centrais da axenda feminista desta cuarta onda do feminismo é a explotación reprodutiva das mulleres e a compravenda de crianzas. A mal chamada “xestación.
subrogada”, tamén coñecida popularmente como “ventres de alugueiro”, converteuse nas últimas décadas nun negocio multimillonario a escala global; un negocio de extraordinaria opacidade, no que é imposible saber cantos cartos se moven, e que inclúe desde clínicas de fertilidade ata axencias de viaxes, pasando por bufetes de avogacía, axencias publicitarias ou entidades financeiras, entre outros. Todas estas empresas obteñen un lucro considerable a costa da saúde das mulleres máis vulnerables economicamente.
Nos últimos tempos este poderosísimo lobby económico está intensificando as campañas dirixidas á normalización social desta práctica, de xeito que se favoreza o proceso da súa
legalización a nivel global para así incrementar as súas xa desmesuradas ganancias. As
universidades organizan xornadas, congresos e seminarios louvando as marabillas do que se presenta falazmente como unha técnica de reprodución asistida, ademais dunha interesante oportunidade de desenvolvemento profesional para o estudantado universitario en ramas tan diversas coma a Medicina, o Dereito ou as Ciencias Empresariais. Tamén captan estudantes universitarias con necesidades económicas para que se convertan en “doadoras” de óvulos.
Pola súa banda, os medios de comunicación presentan historias emotivas de persoas, con frecuencia famosas, que, imposibilitadas para teren crianzas propias, conseguen formar
unha familia grazas ao “altruísmo” dunha muller marabillosa que decide xestar por encargo e entregarlles o bebé. Pero os medios só dan voz ás persoas compradoras e nunca falan destas nais: ocultan o seu nome e condición socioeconómica, así como os motivos que as
levaron a aceptar someterse a un embarazo e un parto para despois desprendérense da criatura. Tampouco mencionan nunca os medios as terribles condicións do contrato que estas nais se ven obrigadas a asinar, contratos que regulan ata os aspectos máis íntimos da súa vida durante os meses que dura o proceso; non falan tampouco das prácticas médicas e psicolóxicas ás que son sometidas ás nais, prácticas que entrañan graves riscos para a súa saúde e mesmo para a propia vida. Na linguaxe deshumanizadora dos medios, estas
mulleres son reducidas a “xestantes”, meros instrumentos no proceso reprodutivo, meras incubadoras.
Nada din tampouco os medios sobre os numerosos casos en que as crianzas que nacen
acaban abandonadas por non cumpriren as expectativas das persoas compradoras, ben por non seren do sexo desexado, ben por teren enfermidades ou malformacións. As crianzas son cousificadas e convertidas nun mero obxecto de comercio, nunha mercadoría que se deseña ao gusto de quen paga e se desbota se non satisfai as súas esixencias, e os medios de
comunicación son cómplices desta aldraxe.
Entrementres, gobernos de toda ideoloxía legalizan a explotación reprodutiva das mulleres e a compravenda de criaturas: desde Estados Unidos, paradigma do neoliberalismo máis exacerbado, ata a propia Cuba, que no seu recente Código das Familias legalizou a versión
“altruísta”. Mais, como demostra a experiencia, ese suposto altruísmo é unha gran mentira, unha máscara que oculta a explotación das mulleres que se prestan a xestar condicionadas pola falta de alternativas e a necesidade económica, especialmente as mulleres do Sur global. Cando en Reino Unido se legalizou a versión “altruísta”, non había mulleres suficientes para satisfacer a demanda de compradores de bebés, que seguiron recorrendo a países como India. A diferenza é que, cando a práctica é legal no país de orixe das persoas compradoras, éstas atopan moitas máis facilidades para inscribiren os seus bebés cando chegan de volta ao país. Así, esta suposta versión “altruísta” é en realidade unicamente a porta de entrada para a versión comercial.
No Estado español, malia que os contratos que impliquen xestar para terceiras persoas son nulos de pleno dereito, isto é, a explotación reprodutiva é ilegal, a Instrución de 2010 da Dirección Xeral dos Rexistros e o Notariado permite inscribir no Rexistro Civil criaturas nacidas mediante explotación reprodutiva no estranxeiro, sempre que se presente unha resolución xudicial do país de orixe que acredite a filiación. Esta instrución, aprobada polo goberno de Zapatero, legaliza de facto unha práctica prohibida pola lei, o que constitúe un delito de prevaricación que xa dura quince anos e varios gobernos de distintas cores, sen que a súa derrogación semelle estar preto.
Dende o feminismo, denunciamos que a explotación reprodutiva é un dos maiores ataques contra as mulleres por parte do patriarcado neoliberal. É unha práctica que atenta contra o concepto de dignidade humana e vulnera gravemente os dereitos humanos das mulleres e das crianzas, que son mercantilizadas e cousificadas. Esiximos a súa abolición universal para que ningunha muller pobre, en ningún lugar do mundo, poida ser explotada por persoas con cartos que pretendan converter en dereitos os seus desexos de reproducirse. A vida humana non pode ser obxecto de compravenda. As mulleres non se alugan, as crianzas non se mercan!

1 Trackback / Pingback
Comments are closed.