Lucía Ramonet, responsable de prensa do Millo Verde

millo verde lucia ramonet
Marcos Santos.

O Millo é un elemento esencial na idiosincrasia do pobo galego. En tempos de negra necesidade e miseria podre, o pan de millo saciou a fame de milleiros de galegas e galegos. E o Millo verde, que este ano faise maior de idade, comeza xa a ser tamén indispensable na idiosincrasia cultural de Redondela para calmar a fame de boa música do exixente público choqueiro. Unha nova edición do seu concurso de maquetas, previo ao propio festival, asoma xa no horizonte, pois terá lugar o vindeiro mes de abril. Nós falamos con Lucía, a responsable de prensa do festival.

Estou enormemente agradecida ao pobo de Redondela pola acollida que lle dá ao Millo Verde”

Seica temos unha cita imperdible o 12 de abril na Feira do Gando?

Gústame que digas iso de imperdible Marcos,porque sei que o dis porque en realidade é así como o sentes. Si, ese día temos unha cita que para nós é emocionalmente moi importante, temos o XVII concurso de maquetas.

No que atinxe ás maquetas seguides o procedemento habitual?

Si, así é. De feito xa fixemos as votacións e xa saíron as dúas bandas finalistas: Sustanciados, de Mos e Alterazión, de Melide. Como sempre debateranse nun concurso de maquetas e a banda desas dúas que resulte gañadora formará parte do cartel oficial do festival.

Hai algunha actuación xa confirmada?

Si, pero é un pouco pronto para podelo confirmar. Dicirche que teremos grupos moi importantes e que nos fan moita ilusión.

Hai colaboración con Arte Lixo, verdade?

Si, o día de abril que mencionamos antes comezamos as actividades ás 16:00h con distintos obradoiros, logo teremos o SonaLixo, que como sabes convida á xente a subir ao escenario para amosar as súas habilidades. Isto sería ata ás 21:00 que é a hora na que comezamos coas maquetas.

Como decidides a orde de actuación dos dous grupos que chegan á final do concurso de maquetas?

A verdade non hai ningún criterio determinado a priori. Iso fálase alí no momento e depende da súa dispoñibilidade.

Este ano ides ter postos de Artesanía?

Non, nas maquetas non. Algún ano, que eu lembre, montouse algo de gastronomía, pero despois xa non moito máis. Non desboto que a asociación Paxaretas queira montar algo, pero tampouco o podo afirmar con certeza.

En Canto ao Millo propiamente dito temos datas confirmadas e algún grupo que xa nos poidas adiantar?

Si, o festival vai ser os vindeiros 5, 6 e 7 do mes de Xuño e xa temos adianto de cartel no que aparecen os primeiros grupos confirmados.

O Cartel está pechado?

Si, en principio si que está, pero o que podemos confirmar ao cen por cen de momento é os grupos que aparecen no cartel que che envío.

Como foi a venda de abonos?

Pois nos primeiros dous días esgotamos todos os que sacamos. Estamos moi contentos e enormemente agradecidos ao pobo de Redondela pola resposta .Quitamos 250 abonos á venda e en dous días vendéronse todos.

Agora xa temos dispoñibles a venda de entradas por día, por se alguén non pode ou non quere vir os dous días, para o venres e para o sábado. O xoves, como sabes, é de balde.

Este ano termos algunha novidade salientable?

Si, introducimos as pulseiras recargables tanto para control e para non saturar. Logo teremos as actividades habituais como o “escala birras”, ou as actividades de día para a xente que non queira vir á noite que poida gozar igualmente con nós.

O Festival será onde sempre ?

Si, na área recreativa da praia da punta de Cesantes

Por suposto que volveremos a falar en maio para que xa estea todo pechado e nolo poidas confirmar

Abofé que será así, Marcos. Sempre é un pracer falar contigo.