
O capitalismo é salvaxe, depredador. Necesita depredar os recursos naturais até o límite da existencia do planeta, do mesmo xeito que non ten problema en sacrificar miles de persoas en guerras para manter a súa taxa de ganancia. A guerra é necesaria para resetear o capitalismo cando está en crise.
Isto pode aplicarse ao xenocidio palestino, ao que asistimos en directo sen que os defensores dos valores da “democracia e a liberdade” se despeiteen, á deforestación do Amazonas ou a transformación de Galiza nunha enorme plantación de eucaliptos.
Ricos sen escrúpulos en luxosos despachos deseñan unha guerra no Congo para que teñamos teléfonos móbiles baratos, ao tempo que planifican a instalación de macrocelulosas ou minas para converter Galiza nunha esterqueira. Presidentes, Ministros, Conselleiros, e unha longa lista de cargos institucionais son os encargados de levar adiante este deseño macabro, coa inestimábel colaboración da Xustiza encargada de quitar do medio “legalmente” calquera traba.
Máis madeira, é a guerra!
Necesitamos unha boa guerra para meterlle o medo no corpo aos pobos de Europa. Deste xeito será máis fácil que traguen coa desaparición definitiva do “estado do benestar”, coa liquidación de todo o público en beneficio do privado. E de paso aumentamos os xa grandes beneficios da industria militar española e estadounidense, que é a onde van ir os nosos cartos.
Como as galiñas no galiñeiro os goberno dos países da Unión Europea máis o británico organizan xuntanzas cada semana para maior lucimento de “napoleonciño” Macrón. Pretenden facernos crer que son importantes e pintan moito no escenario internacional mentres Rusia e EEUU fan que negocian a fin da guerra, unha guerra que rematará cando Rusia acade o seus obxectivos.
Co mesmo ardor guerreiro, o Pedro Sánchez pon cara de compunxido e interesante no Congreso para xustificar o inxustificábel: que van gastar en tanques, avións de combate e bombas uns cartos que deberían ir a mellorar o noso nivel de vida. Non é mellor investir en escolas, centros de saúde, hospitais ou residencias de maiores?
Porén, están atope coa guerra cando militarmente non teñen capacidade real e saben con certeza que Rusia non é unha ameaza para Europa. Desde os medios de comunicación, desde os gobernos, partidos políticos de todas as cores, todos tentando que merquemos o kit de supervivencia por “se veñen os rusos”. Cando llo conten aos rusos van alucinar, eles xa teñen abondo limpando de nazis a ucraína e non parecen ter ningún interese en vir conquistar Compostela. Deixémolos terminar o traballo, no 1945 fixeron ben.
Que mellor madeira que a de eucalipto, a favorita do Partido Popular.
Na Galiza tamén estamos en guerra, unha guerra de resistencia contra a eucaliptización dos nosos montes e a desfeita dos nosos ríos e rías por unha empresa portuguesa, que ten detrás moito capital “galego”, tanto político como económico. O mesmo apoio que teñen as empresas mineiras dispostas a sacar da nosa terra un beneficio económico que se van levar petos alleos (que novidade!) deixando un rastro de desolación e desfeita no medio ambiente.
Que máis da se o ríos teñen unha cor marrón e cheiran mal, en Marín xa estamos afeitos ao fedor e ao fume de Ence, que grazas ao Tribunal Supremo (ese que fai tándem co Tribunal Constitucional para deixar todo arranxado no estado español) imos ter eternamente botando merda na ría.
Hoxe é difícil distinguir se as Conselleiras e o Presidente Rueda son parte do consello de administración de Altri ou se os portavoces de Altri forman parte do goberno galego. Os mesmos argumentos nunha mesma campaña de propaganda coordenada entre empresa e administración. Hoxe coas portas xiratorias isto pode converterse en realidade, e mañá quizais vexamos ao Sr. Rueda sentado nun consello de administración cunha boa remuneración polos servizos prestados.
Estamos en guerra, nunha guerra sen fin contra os que pretenden desfacer a nosa terra.
Marín, 2 de abril de 2025.
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.
