
Unha vez que a bioloxía me permitiu superar a etapa da adolescencia, e comezar a pensar cun mínimo de rigor e seriedade, sempre procurei buscar as motivacións profundas dos comportamentos e dos actos, tanto propios como alleos. Cando observo un feito que me parece asombroso, inexplicable ou moralmente censurable, trato de poñerme no lugar de quen o fai, intento comprender as súas razóns e non prexulgo ningún tipo de inmoralidade sen documentarme previamente, porque son unha persoa susceptible de ser convencida a través de argumentos, xa que sempre cabe a posibilidade de que o equivocado poida ser eu.
Por exemplo; se vexo que alguén acusa a outros de algo que o acusador practica con frecuencia, no primeiro que penso é no fenómeno psicolóxico da proxección. Este dáse cando alguén no seu subconsciente rexeita unha característica do seu proceder habitual, porque no seu eu consciente asume a súa percepción social negativa, e atribúe aos demais o defecto que el mesmo padece. Cando proxectamos nos demais as nosas deficiencias vemos neles os nosos propios defectos nun espello, pero non somos quen de vernos a nós mesmos nese espello.
E si,a proxección foi o primeiro que veu á miña mente cando vin ese lamentable cartel, que ilustra este artigo, no que o PP acusa ao BNG de seren “ O partido do Non”.Recoñezo que a primeira vez que caeu nas miñas mans fiquei abraiado, estupefacto, asombrado,impresionado , pasmado e encandeado de que o PP ,que cando non goberna ten o costume de facer unha oposición tan destrutiva e desleal que chega ata o punto de cuestionar a lexitimidade dos gobernos que non son seus, tivese a ocorrencia de acusar a outros de ser “ O partido do Non”.
Fagamos un pouco de memoria:
-O 31/10/1978 o parlamento español votaba a constitución do estado e os populares( daquela AP), tan constitucionalistas eles, naquel momento tiñan 16 deputados dos que 8 votaron Si, 5 Non e 3 abstención. A metade dos deputados que os populares tiñan naquela lexislatura non votaron a favor da constitución. O PP o partido do Non.
-En 1981 os populares( daquela AP) votaron Non ao divorcio. É que eles non se divorcian?.O PP o partido do Non.
-No ano 2005 o PP votou Non ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. É que as persoas homosexuais do PP non casan?.Neste caso chegaron incluso a recorrer a lei ao TC. Que lles farían os homosexuais para tratar de restrinxir os seus dereitos con tanta insistencia?.O PP o partido do Non.
-No ano 2006 o PP votou Non á lei antitabaco. A liberdade das persoas fumadoras para envelenar aos que non o son, estaba para o PP por diante do dereito á saúde e á vida de quen non desexa respirar o fume do tabaco. O PP o partido do Non.
–No ano 2007 o PP non votou a favor da lei de igualdade( abstívose).Entre outras cousas esa lei recoñecía o permiso exclusivo de paternidade de 15 días e a paridade nas listas electorais. O PP o partido do Non.
-No ano 2007 o PP votou Non ao cambio rexistral de nome e sexo sen necesidade de cirurxías xenitais. O PP o partido do Non.
-No ano 2010 o PP vota Non á Lei de de Saúde Sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Se cadra as mulleres do PP non abortan. O PP o partido do Non.
-No ano 2020 o PP vota Non á Lei Orgánica para a regulación da Eutanasia. Se estás sufrindo unha situación de agonía existencial e desexas poñerlle fin de maneira digna, fódete. Ao PP non lle gusta. O PP o partido do Non.
E así poderiamos seguir ata o infinito: Non á suba do salario mínimo( o PP tíñao en 736€, o que deixaba aos perceptores desta miseria nunha situación de traballadores e traballadoras pobres), Non á memoria histórica, Non ao feminismo, Non ao lobo nos nosos montes, Non á quita da débeda ás comunidades autónomas( Galicia renuncia a unha quita de 4.000 millóns de € porque o goberno galego di Non)……
E agora vexamos algúns dos Non dos que o PP acusa aos nacionalistas galegos. Coido que se poden dividir en tres grupos:
Grupo 1) Estupideces. Vexamos algúns exemplos:
-”Non ao bilingüismo”. Esa afirmación é unha imbecilidade estratosférica. No mundo hai arredor de 195 estados recoñecidos pola ONU e máis de 5.000 linguas vivas. Dicir Non ao bilingüismo é como dicir Non á chuvia, ou Non ao vento. Non se pode. O Non real é: Non á morte do idioma galego, e si á súa suficiente e necesaria protección institucional.
-”Non a Ucraína “.Non saio do meu asombro con tal cantidade de disparates que aparecen nese cartel. Non á guerra, e si á paz, á vida e a soberanía de todos os pobos do mundo( o pobo galego tamén).Velaí está a posición real do nacionalismo galego.
Grupo 2) Trolas. Vexamos algúns exemplos:
-”Non ao turismo”.Onde sacan iso?.En que sitio o BNG di Non ao Turismo?. Si ao turismo, pero Non ao turismo masivo e desregulado que só busca sumar visitantes a calquera prezo, sen ter en conta as consecuencias que as inmensas cantidades de turistas poidan ocasionar nas zonas visitadas. Esa é a posición real do nacionalismo. É que a veciñanza do Morrazo ten que asumir que no verán non poida vivir en paz?.É que a veciñanza do centro de Vigo ten que asumir que no Nadal non poida vivir en paz?..Seica para o PP, si.
-”Non aos eólicos”.Claro, por iso cando o BNG estaba na Xunta desenvolveu un concurso eólico, anulado despois por Feijoo. Anulación que a xustiza declarou ilegal. Si ás enerxías renovables. Non a arrasar co territorio metendo torres de 200 metros en zonas tan sensibles como por exemplo a Serra da Groba ou a Serra do Suído.
Grupo 3) Modelos diferentes. Vexamos algúns exemplos
-”Non á Mina de Touro,
Non á Mina de Litio, Non á Altri…..”
Ao longo da súa historia, véxase por exemplo o caso das Encrobas, o nacionalismo defendeu que debe de ser o pobo galego o que se beneficie dos seus recursos naturais, explotándoos de maneira racional, sostible e respectuosa coa contorna.
Pola contra ao centralismo españolista que representa o PP gústalle outra cousa: prefire o curto prazo, e a explotación inmediata dos recursos por parte de quen teña os cartos necesarios e a posición política adecuada para podelo facer.
Cada un que escolla o modelo que máis lle guste, pero dicir a quen defende un modelo diferente ao teu que “es o partido do Non” é un modus operandi propio dun tafur.
Remato, queridos amigos e amigas, dándovos as grazas pola paciencia de terdes chegado ata aquí, e coa convicción de que a miña teima de buscar na psicoloxía ou na filosofía explicacións a todo, ás veces é un erro. Casos coma este son moito máis sinxelos, non se trata de proxección psicolóxica nin de nada que se lle pareza. Trátase de algo tan fácil como o de ser máis lavado có caldo dos venres, é dicir trátase de ter moito PaPo.
