A dimisión do ex alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez e da concelleira Pilar González supuxo a entrada de dúas novas concelleiras nacionalistas na corporación, Rocío Barreiro e Alba Casas, e que o concelleiro Óscar González asumira a responsabilidade de ser o novo portavoz do grupo municipal.
Óscar é un rapaz de Taboexa, de 42 anos de idade, informático de formación que está moi implicado no tecido social das Neves, de feito é o presidente da CM da súa parroquia. Quixemos coñecelo mellor e falamos con el.
Óscar González voceiro municipal.
“O goberno actual é moi pobre,e está levando a As Neves a un evidente retroceso”
Hai poucos días produciuse un importante relevo no voso grupo municipal. A dimisión de Xosé e de Pilar provoca que entren dúas concelleiras novas: Rocío e Alba, e que ti asumas a responsabilidade de ser o portavoz do grupo municipal. Con que ánimos encaras este cambio tan importante?
Os ánimos non poderían ser mellores. Estou tremendamente agradecido e honrado pola confianza que temos recibido de maneira unánime da militancia das Neves, e coa intención de dar o mellor de min mesmo para podermos obter a confianza da maioría social da nosa localidade.
Queremos coñecerte un pouco mellor, Óscar
Ben, pois eu son natural de Taboexa, teño 42 anos, a miña formación é a de informático, e neste momento traballo en funcións de encargado nunha empresa de obra pública. Desde sempre tiven interese nos asuntos públicos, e procurei participar no tecido social da nosa comunidade. Agora mesmo son presidente da CM de Taboexa e activista contra a instalación de eólicos nos nosos montes.
Canto tempo levas como Concelleiro?
Desde o 2011. No mandato do 11 ao 15 estiven na oposición, entre o 15 e o 23 formei parte do goberno,e no actual mandato estou de novo na oposición.
Como valoras a dimisión de Xosé Manuel Rodríguez?
Ben, el foi consciente de que o seu proxecto non recibiu a confianza necesaria para seguir gobernando e tomou a decisión de dar un paso atrás. Unha decisión honesta e valente que eu valoro de maneira moi positiva.
Por que non obtivo a necesaria confianza nas eleccións do 23?
A campaña sucia que desenvolveron tanto o PP como a Agrupación de Electores, que tiña por obxecto atacar á imaxe persoal do anterior alcalde, tivo unha parte importante de culpa sen dúbida algunha.
Danos o perfil das dúas novas concelleiras, Rocío e Alba?
Rocío é doutora en Químicas, foi concelleira de cultura e mocidade no mandato 19-23 e desenvolveu un magnífico traballo sen percibir ningún tipo de retribución económica. Só por amor ao seu pobo. É un luxo que nos poida acompañar de novo.
Alba é doutora en Arte, e unha persoa moi implicada no tecido social das Neves. Era unha das organizadoras do Urban Fest, e é un reforzo de primeiro nivel para o noso grupo municipal.
Como valora o BNG ao actual goberno das Neves?
É un goberno moi pobre que está levando ao noso concello a unha situación de evidente retroceso.
A xestión é moi deficiente, a realidade económica moi preocupante, vemos como os orzamentos do concello non deixan de baixar, e o que é especialmente grave é que carecen de modelo de vila. Non saben a onde queren ir, e polo tanto non hai ningún tipo de camiño político deseñado. O goberno das Neves limítase á xestionar como poden o día a día, e para iso mal.
A estafa de 8.000€ que sufriu o Concello das Neves foi unha cuestión de mala sorte, ou de neglixencia?
Imos ver: cando alguén está a xestionar cartos públicos ten que e ser moi escrupuloso pois manexa diñeiro que non é seu. É para o ben común.
Nese asunto polo que me preguntas hai unha vontade de estafar por parte de quen envía o correo. Pero tamén hai unha evidente neglixencia por quen o recibe. Se un suposto provedor do concello envía un correo dicindo que a partir de agora as facturas deben de ser abonadas a un novo número de conta, o concello está na obriga de comprobar que a mensaxe sexa veraz e debe de exixir á empresa un certificado de titularidade bancaria.
Se non o fai e paga sen máis, a neglixencia é notoria. E esa neglixencia fixo que 8.000€ que eran da veciñanza das Neves foran roubados.
Antes me dicías que ao teu xuízo o actual goberno carece de modelo de Vila. Ter un modelo e un plan deseñado para chegar a el é, segundo o meu punto de vista, o que diferencia a un bo goberno dun malo. Podes dicir con rotundidade que o goberno das Neves non está a facer nada para tratar de combater os graves problemas estruturais que ten As Neves?
Si, podo dicilo. E lamento moito dicilo, pero é a realidade. Non nos consta que o goberno estea a facer nada para abordar as deficiencias estruturais que existen no noso Concello. E iso que todos os concelleiros teñen dedicación, maior ou menor, pero todos cobran. E aínda así a súa ineficacia é manifesta.
Algún exemplo desa suposta ineficacia?
A xestión do SAF. Este goberno vai ter un oco na historia; vai ser o goberno cuxa incompetencia levou á primeira folga de persoal que traballa para o Concello .Polo menos que eu recorde nunca se deu un caso parecido na nosa historia. Non parece que vaiamos ter un novo contrato do SAF ata despois do verán.
A relación da Xunta co goberno actual é a mesma que a que tiña co goberno do BNG?
Non, de ningunha maneira. A colaboración da Xunta co noso goberno foi ningunha. Houbo proxectos que presentamos nós aos que se nos dixo reiteradamente que non, e que poucos días despois de que o PP recuperase o goberno do Concello recibiron o visto bo da Xunta.
Por exemplo?
O enlace de Setados. Nós pedimos que se arranxase ese grave problema viario en diversas ocasións e a resposta foi sempre a mesma:Non. A conselleira Ethel Vázquez chegounos a dicir que iso non era unha prioridade porque alí non tivera habido mortos. E esa mesma conselleira foi a que anunciou, pouco despois de que o PP gañase a alcaldía das Neves, que a Xunta se ía implicar na solución dese asunto.
O PP trata de maneira diferente ás persoas segundo vivan en concellos gobernados por eles ou non. E esa forma de gobernar é a todas luces lamentable.
Rematamos Óscar: que pode esperar un veciño ou veciña das Neves do BNG nestes dous anos que faltan para o vindeiro proceso electoral?
O BNG ten un aval histórico non só nas Neves senón en todo o país galego: Somos unha forza pegada á realidade social do noso pobo, que non obedece a ningún outro interese que ao do ben común do pobo galego. O BNG das Neves está ao dispor de toda a veciñanza para axudar a solucionar problemas e a mellorar a vida diaria. Convido a calquera veciño ou veciña das Neves que teña interese en que no noso pobo haxa servizos, oportunidades e se trate a todas as persoas de maneira escrupulosamente xusta a que nos coñeza.
Temos un equipo marabilloso e, con toda a humildade,digo que aspiramos a obter a confianza da maioría da sociedade nas eleccións do 2027.
