O BNG reclama o Goberno do PP que retome as negociacións co Estado sobre corenta novas transferencias a Galiza

Iago Tabares BNG

Autoestradas, meteoroloxía, tráfico e seguridade viaria, inspección laboral, salvamento ou emigración, entre as competencias paralizadas desde 2008

Tabarés denuncia que, aínda co litoral, Galiza está no penúltimo vagón de cola, xunto á Rioxa e Castela-A Mancha, de traspasos recibidos en 17 anos

Santiago de Compostela, 10 de abril, 2025.

O portavoz de Presidencia do BNG no Parlamento, Iago Tabarés, emprazou ao Executivo de Rueda a retomar as negociacións co Estado sobre corenta novas competencias a Galiza, paralizadas dende que o PP accedeu á Xunta. “É unha boa nova que logo de dezasete anos Galiza retome o camiño de incrementar o autogoberno, pero sería moito mellor que non sexa un feito episódico”, asegurou en relación á formalización, no día de onte, do traspaso das competencias sobre ordenación do litoral.

“Xa deixamos o vagón de cola de transferencias recibidas nos últimos 16 anos, que ocupabamos con Murcia, para estar aínda no penúltimo vagón con A Rioxa e Castela-A Mancha”, manifestou, para destacar a continuación que a sequía competencial nestes últimos anos foi debida á “contumaz oposición da Xunta, máis pendente da estratexia partidista que lle marca Génova que de atender os intereses dos galegos e as galegas”.

Subliñou, neste punto, que o Goberno do Estado xa se tiña comprometido co BNG formalmente a negociar a transferencia de competencias previstas no Estatuto ou acordadas no Parlamento, máis o PP optou durante todos estes anos por frear o nivel de autogoberno de Galiza prexudicando así os intereses dos galegos e as galegas e o seu benestar.

É por iso que o BNG reclama agora ao Goberno do PP que sexa “coherente” e, recoñecendo que un maior nivel de autogoberno é positivo para os intereses de Galiza, para unha mellor xestión dos recursos públicos e para tomar decisións máis acertadas, reclame a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para negociar co Estado corenta novos espazos competenciais.

Incluíu, entre estes, a transferencia da AP-9 e a AP-53, da xestión do Ingreso Mínimo Vital, e Meteoroloxía e Investigación Oceanográfica. Máis tamén, engadiu, aquelas transferencias que xa se estaban negociando en 2008 co ministro Jordi Sevilla, como Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña, e Tráfico e Seguridade Viaria, que considerou especialmente importante polas circunstancias específicas de Galiza en canto a dispersión de poboación, quilómetros de estradas, orografía ou climatoloxía. “Galiza é a cuarta comunidade en número de mortos en accidentes de circulación e a segunda en accidentes con animais”, salientou.

Do mesmo xeito, destacou a importancia que tería para Galiza as competencias sobre Inspección laboral —as taxas de sinistralidade laboral do País seguen a ser das máis altas do Estado— e as de Emigración e Inmigración, para a determinación de continxentes, a xestión de autorizacións de traballo ou políticas de integración.

Xunto a estas, que xa se negociaban no 2008, o BNG considera “esencial” negociar as transferencias sobre as que xa existe un acordo parlamentario, como as relativas a portos e aeroportos de interese xeral e institucións penitenciarias —nomeadamente de saúde penitenciaria—. Tamén, as de Servizos e Infraestruturas viarias e ferroviarias que permitirían ter en Galiza, subliñou, unha rede de proximidade como xa teñen outros territorios; ou os activos da Sareb, importantes para a promoción de vivenda pública.

O BNG demanda para Galiza, así mesmo, as competencias en materia de planta de demarcación xudicial, que Tabarés tomou como exemplo de por que é importante xestionar dende o País. Referiuse así á decisión do Goberno do Estado de crear unidades xudiciais de violencia contra a muller en Vigo ou en A Coruña a costa dun xulgado de instrución, o que supón “vestir un santo para espir outro”. Criticou, no mesmo sentido, a decisión de centralizar nun xulgado único en Santiago os casos de violencia de xénero do partido xudicial de Ribeira.

“O que lle pedimos ao PP é que continúe a reclamar máis autogoberno, máis transferencias e maior capacidade de decisión para Galiza, porque iso é bo para a cidadanía, para a xestión eficaz dos recursos públicos e para acertar nas decisións que se toman”, concluíu.