Globalización e novas cidadanías

Artigo de opinión A Nova Peneira
Óscar Lomba

Nunha sociedade marcada pola mobilidade global, os Estados-nación enfróntase a unha contradición estrutural: mentres as persoas cruzan fronteiras na procura de dignidade, as estruturas legais e simbólicas seguen defendendo fronteiras de exclusión. O estado español, como moitos outros estados do sur de Europa, converteuse nun espazo receptor de migracións diversas, e con iso, nun escenario de transformación silenciosa. Mais a presenza crecente dos chamados “novos cidadáns” non garante, por si soa, a súa integración efectiva nin a súa influencia real no deseño da vida colectiva.

O termo “novo cidadán” oculta, en moitos casos, un paradoxo: a condición formal de cidadanía non implica necesariamente unha pertenza real ao corpo político. Acceder á nacionalidade pode ser, e con frecuencia é, un proceso longo, desigual e condicionado por criterios históricos e coloniais. Porén mesmo aqueles que obtiveron o DNI español seguen atopando barreiras invisíbeis para exercer plenamente os seus dereitos políticos e sociais. A participación electoral, por exemplo, vese limitada por factores como a desinformación, a desconfianza no sistema ou a falta de representación nos partidos tradicionais. A democracia representativa presume de universalidade, mais está construída sobre exclusións selectivas. Quen ten dereito a decidir? Quen aparece nas campañas electorais como interlocutor lexítimo? Os partidos políticos, en moitos casos, seguen operando con marcos nacionais excluíntes, onde o suxeito político “lexítimo” continúa sendo home, branco, autóctono e de clase media.

No terreo económico, a narrativa oficial tende a presentar aos inmigrantes como forza de traballo útil, mesmo imprescindíbel, para manter sectores produtivos que a poboación autóctona abandona: coidados, hostalería, agricultura… Porén esta “utilidade económica” non se traduce en recoñecemento social nin en dereitos laborais garantidos. Ao contrario: a economía española sostense, en boa parte, sobre o traballo precario e mal remunerado dunha man de obra racializada, moitas veces sen contrato e sen protección legal efectiva. A contribución económica dos novos cidadáns é, pois, unha contribución invisibilizada ou instrumentalizada. Celebramos a súa presenza cando convén ao mercado, mais silenciamos as súas demandas cando poñen en cuestión o statu quo. Esta lóxica utilitarista perpetúa unha desigualdade estrutural, xa que o suxeito migrante é benvido como traballador, porén non como cidadán pleno.

A integración, termo amplamente utilizado no discurso político, adoita formularse como un proceso unilateral: os que chegan deben adaptarse, aprender, asimilar. Porén rara vez se formula como un proceso bidireccional, onde a sociedade receptora tamén se transforma, se cuestiona e se reconfigura. A diversidade cultural, en lugar de ser recoñecida como un valor democrático, é frecuentemente tratada como problema a xestionar ou risco a neutralizar. As linguas, as prácticas relixiosas, os corpos e as facianas que non encaixan no modelo normativo da identidade nacional e cultural, seguen sendo obxecto de sospeita. A islamofobia, o racismo institucional, o clasismo e a violencia simbólica constitúen mecanismos permanentes de exclusión, mesmo cando non son explícitos. O multiculturalismo sen equidade convértese nun decorado hipócrita, que oculta a persistencia dunha lóxica colonial no corazón das democracias europeas.

Se queremos pensar en serio o papel dos novos cidadáns na política e na economía, cómpre abandonar a visión asistencialista ou benintencionada, e avanzar cara a unha comprensión radical da cidadanía. Isto implica recoñecer que a cidadanía non é só un status legal, senón un proceso político en disputa. Non se trata só de integrar a quen chega, senón de reconstruír o propio suxeito político desde a pluralidade. A economía non pode seguir funcionando sobre a precarización estrutural de millóns de persoas racializadas. A política non pode seguir excluíndo sistematicamente a voces que cuestionan os marcos herdados. O suxeito democrático do século XXI xa non é o cidadán abstracto dos manuais, senón un suxeito concreto, real, diverso e en movemento.

A nova cidadanía reclama non só novos dereitos —como poder residir sen condicións nin ameazas de expulsión, participar politicamente en todos os niveis, contar cun sustento vital básico e vivir libres de persecución, estigmatización ou control por motivos raciais ou culturais. —, senón tamén unha transformación profunda da imaxinación colectiva. É necesario abandonar a ollada que percibe os novos cidadáns como ‘outros’ que deben ser integrados, para comezar a recoñecelos como parte constituínte dunha comunidade política esencialmente plural, diversa e poliédrica. A forza emerxente dos novos cidadáns non reside só na súa capacidade numérica ou no seu peso económico. Reside, sobre todo, no potencial transformador que encerran as súas loitas pola dignidade, participación, voz e pertenza. Se o estado español quere ser unha democracia real e non só unha ficción institucional, debe abrir os seus espazos de decisión, redistribuír os seus recursos e pluralizar os seus símbolos. Non abonda con tolerar a diversidade: cómpre construír igualdade. Non chega con recoñecer o esforzo das persoas migrantes: cómpre garantirlles poder efectivo. Porque sen xustiza migratoria, non hai xustiza social. E sen xustiza social, non hai democracia.