Aarón Franco, presidente da AC Almuinha de Marín

Aarón Franco, presidente da AC Almuinha de Marín

O noso colaborador Aarón Franco ven de ser nomeado presidente da Asociación Cultural Almuinha de Marín. Este colectivo nace hai 17 anos cos obxectivos de promover e defender os sinais de identidade do país , alén de exercer a solidariedade internacionalista cos pobos asoballados do mundo. O seu nome xorde en homenaxe a un Marín que foi e que a voracidade especulativa do capitalismo depredador fixo que xa non sexa, pois Almuinha era unha praia que estaba en pleno corazón da Vila, onde agora hai unha estrada. Aarón accede ao cargo con moita ilusión e con todas as gañas de espetar un Que se fodan¡ inmenso, a todos aqueles que pensen que o tecido social marinense só está formado polos segmentos rancios e casposos das partes máis conservadoras da sociedade, que representa a actual alcaldesa María Ramallo. Hai unha segmento importante do pobo de Marín; digno, rebelde e vivo que quere seguir amosando que ten conciencia de seren pobo galego. Como sempre foi un pracer conversar con Aarón.

O Concello de Marín precisa con suma urxencia democratizar as súas relacións co tecido asociativo local”

Aarón que é a Asociación Cultural Almuinha e cando nace?

A AC Almuinha nace no ano 2008 co obxectivo de promover, divulgar e difundir todo o que está vencellado con este país. Coa lingua, coa cultura e coa xustiza social, sen deixar de lado o concepto de solidariedade internacionalista e moi vencellada á defensa dos dereitos dos pobos oprimidos como os palestinos ou os saharauís, etc.

Quen fundou a asociación?

Entre os seus fundadores é preciso destacar o papel tan relevante que tivo Xurxo Agra Do Pazo, que foi o anterior presidente.

Que campos de actuación abrangue?

Neste momento a nosa actuación está mantendo as ideas orixinais, así por exemplo o próximo 12 de maio temos unha charla de Palestina que impartirá un médico palestino. Estamos intentando ir un pouco máis alá, nun momento de crise onde todos os elementos identitarios da nosa lingua e da nosa cultura en xeral estanse a perder, e queremos facer unha forte aposta pola literatura galega e por todos aqueles elementos que forman parte da nosa música tradicional. Comezamos o ano pasado con talleres de pandeireta, baile galego …

Onde os desenvolvedes?

Estamos facéndoo na casa da Veiguiña, no local de BNG .

E só tedes presenza en Marín ou estades fora do termo municipal ?

Somos unha asociación de carácter galego e temos colaboracións con outras asociacións do país.

O nome de “Almuinha” ten un vínculo moi concreto con Marín, en que consiste?

Marín foi unha vila que cedeu moitos espazos ao mar, a xente nova non sabe que cando vai camiñando entrando por Marín, antes nese espazo había unha praia chamada Almuinha. E o nome desa asociación xorde como recordo dese espazo que era tan importante en Marín.

Xa non existe este areal?

Non, esta praia estaba onde está agora a Avda. Ourense.

Entón houbo un momento na historia no que o mar de Marín chegaba xusto ata a Alameda?

Si, o nome da asociación e por facerlle unha homenaxe ao Marín que xa non é.

Cando chegas á presidencia da asociación?

De maneira oficiosa comezo alá polo mes de abril do ano pasado. Xa organizamos o primeiro festival do Día das Letras Galegas no ano 24, pero o meu nomeamento oficial foi no mes de outubro do pasado ano.

Aarón, ti es un activista político e social, tes un negocio do que vives, es colaborador de A Nova Peneira e tes unha vida persoal. De onde sacas o temo para presidir a asociación cultural a parte das túas múltiples facetas vitais?

Os días deberían ter 30 horas para min, traballo moito diante dun café con leite para estas cousas.

Cantas persoas sodes na directiva?

Acompáñanme catro persoas: Davinia, Helena, Laura e o proio Xurxo, que é fundamental que non deixara de estar na xunta directiva. Estou moi satisfeito porque hai persoas que me teñen manifestado o seu interese por participar en Almuinha e colaborar nos actos que facemos.

Cales son as actividades principais que tedes previsto desenvolver no futuro inmediato?

De aquí a final de curso teremos na nosa vila a charla sobre Palestina á que antes me referín, teremos tamén en Marín unha colaboración coa plataforma Ulloa Viva e faremos un acto sobre Altri. Faremos o II festival das letras, que para nós é fundamental e continuaremos con diversas presentacións de libros.

É dicir: tes previsto manter unha actividade regular?

Si, agora mesmo estamos case a acto por semana, pero a ese ritmo non podemos seguir moito tempo máis. Non temos estrutura para organizar un acto todas as semanas, temos moitas gañas, moita ilusión, pero a realidade é a que. Imos intentar meternos nun mínimo dun acto ao mes.

Como vos financiades?

Auto financiamento puro e duro.

Sufragades vós os gastos de carteis e publicidade dos actos que organizades?

Absolutamente todo. No anterior festival das letras montamos unha barra a prezos populares e algo de cartos puidemos quitar.

O Concello de Marín non vos fai ningún tipo de achega económica?

Efectivamente, non nos dá absolutamente nada. Pero non é só iso, é que ten unha actitude hostil cara a nós que chegou ao punto de negarnos unhas botellas de auga nun acto. O Concello de Marín precisa con suma urxencia democratizar as súas relacións co tecido asociativo local.