O pasado 12 de abril Esquerda Unida celebrou a súa asemblea nacional na que renovaron os seus órganos de dirección. Para suceder á viguesa Eva Solla competían dúas candidaturas. A gañadora co 58% dos votos estaba encabezada por Lino Costas, ex concelleiro de Esquerda Unida en Ponteareas e un histórico traballador do sector do metal. Nós achegámonos a Ponteareas para coñecer ao que será o vindeiro líder desta organización política en Galicia.
“ Cando a miña etapa como coordinador nacional remate, estarei satisfeito se conseguimos deixar unha Esquerda Unida máis forte, con máis base social e con maior penetración no tecido asociativo galego.”
Queremos coñecerte mellor. De onde es ti e a que te dedicas?.
Eu nacín en Matamá, crieime en Camos, e levo máis de 20 anos vivindo en Ponteareas.
Por que chegaches a Ponteareas?
Porque naquel momento nesta vila se podía acceder a unha vivenda a un prezo máis ou menos accesible. Son caldereiro e traballo no sector do metal nunha empresa de Tui.
Como e cando comezou a túa relación coa política?
Foi a principios deste século. Cando aconteceu a 2º guerra de Iraq. Naquel momento sentín a necesidade de participar en política. Fun ao local de Esquerda Unida en Vigo e afilieime.
Por que motivo en Esquerda Unida?
É a organización que máis se parece á miña forma de entender a realidade. Sempre tiven moi clara a conciencia de clase, e considero a Izquierda Unida como o instrumento máis adecuado para a defensa dos intereses da clase traballadora.
A túa militancia foi ininterrompida todos estes anos?
Si.
Custou moito convencerte para encabezar a candidatura que resultou gañadora na vosa asemblea nacional?
Un pouco si que me custou. Implica moita responsabilidade e a verdade decidirme si que foi resultado dun intenso proceso de reflexión.
A candidatura derrotada quitou unha considerable porcentaxe de apoios, un 42%.Existe risco de que do congreso do 12 de abril saia unha esquerda Unida fracturada?
Non debería. De feito estou traballando con absoluta vontade integradora para que a coordinadora que saíu do congreso, formada por 12 persoas da nosa candidatura, e 8 da candidatura que encabezaba a compañeira Alba,resulte un órgano político no que exista absoluta comodidade e que todos rememos na mesma dirección: fortalecer a Esquerda Unida.
Todos os afiliados e todas as afiliadas debemos de sentirnos representados por igual. Esa é a miña intención e porei o mellor de min mesmo para que sexa así.
E que percibes nas persoas que conformaron a outra candidatura?
Indicios moi positivos de que van polo mesmo camiño de unidade. A confrontación interna sería mala para todos. Estou convencido de que así o entendemos todos e que desta asemblea sairá unha Esquerda Unida máis sólida e forte.
Cal é a túa opinión ao respecto de como se debera artellar, no estado, o espazo político que está á esquerda do PSOE?
Na miña opinión nos anteriores procesos de confluencias houbo escaso respecto cara a nosa organización por parte doutras que acaban de chegar, que carecen de corpo militante e que son pouco máis que organizacións virtuais.
Nós temos que fortalecer a nosa organización sobre os valores que nos caracterizaron ao longo da nosa historia. Acordos e confluencias si, pero con respecto cara a nosa organización. De feito iso foi o que aprobou Izquierda Unida a nivel federal.
Tendo en conta que Podemos xa anunciou que a súa candidata á presidencia do goberno vai ser Irene Montero, ves posibilidades realistas de casar todo ese espazo co respecto que demandas para a vosa organización?
Eles poden dicir o que lles pareza oportuno. Pero os tempos dirán o que acontece en realidade.
Cal é a túa posición ao respecto da cuestión nacional no estado español?
A mesma que a de Esquerda Unida.
Recoñeces o carácter plurinacional do estado ?
Indiscutiblemente si. Agora ben eu, como esquerda unida, considero o modelo federal do estado como o máis adecuado.
Yolanda Díaz é un activo político para o futuro, ou está amortizada?
Ela vai por libre. Non sei que quere nin que pensa. Xa che digo que se cre que pode manexar a nosa organización desde fóra, non ten posibilidade algunha de éxito.
Segue sendo militante de Esquerda Unida?
Non.
Do PC?
Creo que si.
Cal é a túa valoración global da acción política de Sumar no goberno do estado?
Hai algunha cuestión que é positiva. Aínda que non sexan medidas de grande calado si que melloran as condicións da clase traballadora.
Por exemplo?
A reforma laboral. Non foi a que agardabamos nós pero si que mellora o anterior. Eu estou de acordo en que ás veces pódese facer o que se pode facer, pero hai que seguir avanzando e non estancarse.
Como valoras o traballo político do secretario de estado, e militante de Esquerda Unida, Ruben Pérez?
Non coñezo o seu traballo en profundidade como para poder opinar con rigor.
En relación a Galicia, hai espazo para Esquerda Unida?
Galicia é un territorio complicado para unha organización como a nosa. Pero espazo si que hai,sempre que sexamos capaces de medrar en base social e de facelo a través dos concellos.
E ves posible a captación de novos militantes e simpatizantes que poidan ensanchar a vosa base social e en consecuencia facer máis grande o voso espazo?
Estou convencido que si. De feito a experiencia que temos en Ponteareas coa coalición Ponteareas en Común, ensínanos que se estamos nos conflitos do día a día, se traballamos cóbado con cóbado coa sociedade e se facemos política sen esquecer os valores históricos de esquerda unida, a nosa incidencia real na sociedade aumenta significativamente.
Unha persoa de esquerdas que habitualmente vote ao BNG que diferencias pode atopar en Esquerda Unida?
Hai unha diferencia fundamental: O BNG prioriza a cuestión nacional e nós dámoslle máis importancia á cuestión de clase.
Antes falabas de Ponteareas. Neste concello tedes un concelleiro de Esquerda Unida, que se presentou na coalición Ponteareas en Común. El é Manoel Ucha. Como valoras o seu traballo?
Manoel é un cadro político de enorme relevancia na nosa organización, e un exemplo do que debe de ser un político de esquerdas. É un home que procede dos movementos sociais, e un tipo que dignifica á política no sentido de que o seu único obxectivo é contribuír ao ben común.
Está facendo un traballo soberbio no concello e, sen ánimo de molestar a ninguén, dígoche que a oposición rela ao goberno de Ponteareas é el.
Ves perspectivas de crecemento electoral en Ponteareas?
Si, arredor do proxecto de Ponteareas en Común foise achegando unha mocidade moi activa que nos ilusiona e que nos ensina onde está o camiño para podermos medrar.
E o traballo de Aurora, a vosa concelleira en Cangas, como o valoras?
Cangas sempre foi unha vila de enorme complexidade política para a esquerda, pois houbo momentos históricos nos que estaba todo tan atomizado que era verdadeiramente difícil tecer alianzas para a construción de espazos sólidos. Eu estou moi orgulloso dos compañeiros e compañeiras de Esquerda Unida en Cangas, pois nun contexto de moita dificultade política para nós souberon manter a representación nesa localidade. E en canto ao traballo da compañeira Aurora no goberno de Cangas, ten todo o meu apoio e respecto.
Cal é a posición política de Esquerda Unida ao respecto de Altri?
Necesitamos unha nova planta de Celulosa? Non, claramente non. A finalidade de Altri é beneficiar ao conxunto da sociedade galega ou facer que se lucren uns cantos?.Claramente é unha empresa que vai beneficiar ao capital, non ao pobo galego. E aínda por riba cun impacto demoledor na zona na que se pretende instalar. A conclusión é evidente: Estamos en contra do proxecto de Altri.
Nós estamos a favor da creación de industria, sempre que sexa necesaria, beneficiosa para a clase traballadora e respectuosa coa contorna. No caso de Altri non se dan ningunha desas tres condicións.
Estivestes reunidos coa plataforma Ulloa Viva, verdade?
Si, veu o compañeiro Antonio Maillo, coordinador federal de Izquierda Unida, e tivemos ocasión de expresarlles o total apoio da nosa organización a esa plataforma da sociedade civil.
Facemos esta entrevista o 30 de abril, supoño que mañá irás a algunha das manifestacións do 1º de maio?
Si, claro.
A cal das tres?
Irei como sempre á de CCOO.
Ben, houbo un tempo que estiveches na CIG
Xa choveu moito daquela.
Por que cambiaches da CIG para COO?
Por determinadas posturas e contradicións que no seu momento vin na CIG e non me gustaron.
O ano pasado, a federación de industria de CCOO quitou un comunicado apoiando ao proxecto de Altri. Cal é a túa opinión ao respecto?
Ese comunicado foi inmediatamente desautorizado pola dirección do sindicato. Non é a posición de CCOO. A miña opinión ao respecto é a mesma que expresei cando me preguntaches por Altri.
En que situación che gustaría que deixar a Esquerda Unida cando remate a túa etapa como Coordinador Nacional?
Estarei satisfeito se conseguimos aumentar en todo o posible a nosa base social e a nosa penetración no tecido asociativo galego.
