
Non fai moito tempo era habitual que en Galiza se fora a luz e tivéramos que pasar horas e horas iluminándonos con candeas ou lanternas. Normalmente isto acontecía cando había mal tempo e a choiva e o vento facían das súas nunhas liñas deterioradas que non chegaban a todos os recunchos do noso país. Por iso que o apagamento acontecido o pasado 28 de abril a moitos xa nos colleu adestrados e sen necesidade de mercar as presas un kit de supervivencia.
A pesares de ter os nosos vales asolagados para producir electricidade en grandes encoros, a prioridade non era nen é darnos servizo senón enviar esta enerxía a Madrid. Niso non cambiou moito o conto e fomos dos últimos en volver a ter enerxía. A electricidade e os beneficios seguen indo para fóra.
Porén, hoxe o tempo dos asolagamentos dou paso á especulación da renovábeis que encheu os nosos montes de muíños de vento e a meseta española de placas solares. Algúns entendidos na materia din que o “pelotazo” renovábel e a súa proliferación descontrolada poden estar detrás do colapso do sistema eléctrico do pasado 28 de abril. Desconectar as plantas de produción solar e eólica non pasaba pola cabeza dunhas empresas que teñen unhas ganancias garantidas, aínda que o prezo da enerxías sexa de cero euros no mercado.
Se o acontecido é preocupante e alterou por unhas horas as nosas vidas, creo que tamén o é escoitar ao Presidente do Goberno Español na súa comparecencia ante os medios dicir que non ten nin idea do que pasou. Como é preocupante que Red Eléctrica de España (REE), onde o estado ten o 20% das accións, e as compañías eléctricas non lle dean información, cando teñen os datos e saben o que pasou realmente.
Quen manda no estado español? As eléctricas? Parece que si, que mandan e mandan moito. E os que obedecen son recompensados con postos nos consellos de administración e grandes remuneracións, como os ex-presidentes Felipe González e Aznar. E estas empresas non lle fan ascos a ningún partido, sexan PSOE, PP ou o PNV.
O sector eléctrico no estado español está repartido entre unhas poucas trasnacionais: Iberdrola, Natugy, Endesa, EDP e Repsol. Estas empresas aumentaron as tarifas entre o ano 2018 e 2021 nun 500%, convertendo o recibo da luz nun problema máis para a subsistencia da maioría. Con total impunidade baleiran embalses, para producir electricidade barata, poñendo en perigo o subministro de auga á poboación e á agricultura.
A encargada de controlar o subministro da electricidade polas liñas de alta tensión é unha empresa privatizada, Red Eléctrica de España (refuxio de personaxes do PSOE e do PP), e aínda que o 20% pertence ao estado por medio da SEPI, o 80% restante das accións cotizan nos mercados financeiros. E xa sabemos que o único importante nunha empresa privada é encher os petos dos accionistas.
Cada vez que prendemos a luz pagamos os “servizos” de Red Eléctrica de España, as peaxes que aparecen nas facturas, e de paso facemos un pouco máis rico a Amancio Ortega ou aos propietarios de BlackRock (o maior fondo de especulación do mundo).
A privatización e a nosa dependencia son o problema.
O problema é a privatización do sistema eléctrico no estado español, as empresas privadas non están para satisfacer as nosas necesidades, nin para garantir a seguridade do subministro eléctrico. Están para gañar cartos, e cantos máis mellor. Por iso non lles importa se as liñas e as instalacións están en condicións, ou se meten na rede moita produción para seguir gañando cartos.
O problema é que Galiza non ten capacidade para planificar a sua produción e distribución de enerxía. A que temos está deseñada desde os tempos de Franco para subministrar enerxía barata a outras zonas do estado español. Os encoros e os parques eólicos non se colocan en función das nosas necesidades, fanse para aumentar os beneficios de grandes empresas ás que non lles importan as nosas aldeas, os nosos vales, os nosos montes e as nosas rías.
Seguimos sendo unha colonia e o noso papel é de subministradores de cousas baratas a España, sexa enerxía, materias primas ou persoas. Por iso temos que apandar con eólicos e celulosas mentres fechan explotacións gandeiras e despezan barcos pesqueiros.
Vai sendo hora de que organicemos os nosos apagamentos, nacionalicemos as eléctricas e desconectémonos de España.
Marín, 2 de maio de 2025.
Asdo: Pedro M. Cortegoso Gago
