Gran velada de boxeo o vindeiro 31 de maio en Baiona

Boxeo Baiona

O vindeiro 31 de maio a partir das 19:30h no pavillón municipal de deportes de Baiona , vaise disputar unha velada de boxeo na que os afeccionados a este deporte poderán gozar de 11 combates, nos que boxeadores do equipo “ Luciano Team de Vigo” competirán contra rivais de distintos conxuntos de Galicia.

O combate estrela da noite vai ser o que disputen o vigués Adrián Conde, e o ourensán Diego Céspede, para dilucidar o título de campión galego neoprofesional. Nós quixemos coñecer algo máis dun deporte, case descoñecido nas páxinas de ANP, e mantivemos unha extensa conversa con Luciano, o adestrador do Luciano Team, e con dous dos seus pupilos, Roberto, e Adrián” metralleta” Conde.

Luciano, adestrador, Roberto e Adrián,boxeadores.

O boxeo é un dos deportes máis completos que existen”

Faládeme das características da velada.

Trátase dunha velada que durará unhas catro horas con once boxeadores que compiten do noso equipo.

Todos homes ou boxea algunha muller?

Nesta velada son todos homes.

A que hora e onde se celebra a velada?

Ás 19:30 horas no pavillón municipal de Baiona.

Os outros once boxeadores son dun só equipo ou de varios?

De varios equipos de Ourense, Goián, Porriño e algún de Vigo.

Luciano,canto tempo levas con este equipo de boxeo ?

Sobre seis anos.

Onde estades situados?

En Vigo, na rúa Doutor Marañón.

Cantas alumnas e alumnos tes no equipo?

Arredor de corenta.

Cantas son rapazas e cantos son rapaces?

Hai tres rapazas de entre 15 e 19 anos, o resto son mozos.

De que idade son?

Desde os 15 ata os 40 e pico.

Cal é a idade recomendable para comezar a practicar boxeo, e ata que idade se pode practicar?

Calquera idade é boa para practicar este deporte, non hai límite.

As persoas que practicades boxeo, sodes xente violenta?

Non, ao contrario, somos xente tranquila que necesitamos descargar a nosa enerxía. Este é o deporte que nos gusta para facelo.

Que vantaxes ten a practica do boxeo?

Estar en forma, estable mentalmente, tranquilo, etc.

É un deporte fisicamente completo?

Penso que a nivel físico e mental é dos máis completos. Para practicar boxeo necesitas correr, facer pesas, nadar, saltar á corda.

Roberto, como te apelidas, cantos anos tes e de onde es?

Son Roberto Alonso, de Vigo, concretamente do barrio do Calvario e teño vinte anos.

Que fas ademais de practicar boxeo?

Estudo e traballo. Traballo no Porto de Vigo, na descarga e estou opositando para Bombeiro.

Cando comezaches a practicar boxeo?

Algo menos dun ano.

Xa comezaches no equipo de Luciano?

Si. Coñezo a Adrián do traballo, comentoume que facía boxeo e propúxome probar para ver se me gustaba e poñerme en forma para afrontar as probas físicas de bombeiro. Probei e gustoume.

Non che deu medo?

Ao principio algo cando facía de sparring, logo xa che entra o ruxe ruxe e cóllelo con máis ganas.

Disputaches algún combate neste ano?

Si, hai pouquiño en Meaño contra un rapaz de Paradelo.

Era amigable ou velada?

Era velada.

Cóntame, ganaches, perdiches, foi por KO ou por puntos?

Gañei por puntos.

Que tal foi o primeiro combate, gustouche, estabas nervioso, foi emocionante?

Foi moi emocionante, ao principio estaba nervioso pero logo a adrenalina sobe de tal maneira cando estás enriba do ring, que foi unha experiencia inesquecible. Supoño que a primeira é a que máis impacta.

Que che di a túa familia?

Aos meus pais ao principio non lles gustou moito a idea, agora xa están afeitos.

Foron verte ao combate?

Foi a miña nai, estaba moi nerviosa na velada.

Tes expectativas de seguir neste deporte?

Si, é algo que me gusta, descargo adrenalina, pásoo ben, é emocionalmente san e a miña intención e seguir.

Vas a boxear nesta velada?

Si.

Contra quen?

Contra un rapaz que se chama Jaime do Esparta.

Como ves o combate, posibilidades de gañar?

Penso que si, ou polo menos iso espero. Antes deste combate do 31 de maio teño outro en Marín, o de Baiona será o meu terceiro combate, espero gañalos os tres.

Adrián, cantos anos tes ti?

Eu teño 26 anos e vivo en Vigo tamén, pero no barrio de Coia.

Ti xa es campión galego, canto tempo levas practicando boxeo e por que comezaches?

Levo dous anos e dous meses. Comecei aquí por practicar deporte, poñerme en forma e baixar a tripa.

Pero a ti este deporte xa che ven de familia non? O teu pai ten pedigree no boxeo. Influíu a carreira do teu pai para animarte a practicar este deporte?

Non, de pequeno si que practiquei algo con el, pero deixeino para facer bicicleta ata agora de maior que me decidín por este deporte.

Comezaches xa no equipo de Luciano ?

Si, desde o inicio estiven con el.

Cantos combates levas?

Quince.

Cantas vitorias e cantas derrotas levas?

Levo doce vitorias e tres derrotas.

A tres derrotas foron por puntos ou algunha por KO?

Foron as tres por puntos.

Que é o que máis che gusta deste deporte?

O compañeirismo, pasalo ben cos compañeiros, desfrutar adestrando e competindo.

Pódese ser moi amigo de alguén, ir de troula xuntos, despois de darse puñadas hai uns intres?

Si, claro. Eu teño algún amigo, concretamente un da Coruña, que xa me batín seis veces con el, e despois tan amigos coma sempre.

Cando gañaches o campionato galego?

En novembro do ano pasado.

Era a primeira vez que te presentabas?

Non, gañei o campionato galego dous anos seguidos, o que gañe en novembro foi o cinto neoprofesional.

E iso que significa?

O boxeo neoprofesional esta entre medias de pasar de púxil afeccionado a profesional. É como ascender de división. Agora xa fago boxeo neoprofesional, a diferencia con profesional é que non se cobra tanto e a onzas dos guantes, as de neoprofesoinal son de doce onzas e as profesionais de dez.

Canto cobra un profesional por combate?

Un mínimo de 600€ e un neoprofesional cobra sobre 200€.

Eses 200€ son por combate?

Son se gañas o título, se non gañas cobras 60€.

Entón podemos dicir que non combatedes polos cartos, senón pola afección ao deporte?

Si, claro.

Dicías que o que máis che gusta deste deporte é o compañeirismo, que é o que menos che gusta, Adrián?

As dietas de comida para poder competir.

Son estritas?

Si, e privarme coa comida non me gusta nada.

Cando comezaches neste deporte contaches co apoio da túa familia?

Si, teño o todo o apoio dos meus pais, a miña nai non lle gusta tanto porque que me peguen non o leva ben, pero o meu pai compréndeme e apóiame.

Vives con eles?

Non, cando comecei hai dous anos xa non vivía con eles.

E a túa moza, que opina?

A miña parella axúdame moito coas dietas e acompáñeme sempre.

Os teus pais tamén van a verte?

Si, a todos os combates.

Entón levas tres títulos en dous anos, os dous campionatos galegos e o neoprofesional?

Si, o primeiro campionato galego gañeino ao ano de comezar.

Que título vas a defender o vindeiro 31?

O neoprofesional.

Con que vas a competir?

Cun aspirante de Ourense.

Coñécelo?

SI, xa pelei contra el.

E como foi?

A vez que competimos perdín.

É un rival difícil entón, que aspiracións tes para este combate?

Vou a gañar.

Obxectivamente Luciano, Adrián ten posibilidades de gañar?

Si. A outra vez xa lle gañou o combate pero os árbitros déronlle o combate ao contrincante, pero eu esa decisión non a comparto. Para a gran maioría Adrián foi o que máis puntuou e o que mellor o fixo. Os árbitros tamén se equivocan de vez en cando.

Algún dos dous que están aquí hoxe teñen opcións para chegar a profesionais?

Si, teñen posibilidades realistas e as condicións técnicas necesarias para poder chegar. Aínda que están comezando demostran que serven. Roberto comeza a demostralo agora e Adrián é un dos mellores de Galicia.

Iso é así, Adrián é un dos mellores de Galicia?

Si, con rotundidade. Hai boxeadores que levan máis anos e non queren pelexar con el.

Adrián, o teu alcume é Metralleta, por que ?

Por unha tatuaxe que teño, comezou o adestrador a chamarmo e ao final quedou.

Que queres facer no futuro da túa vida Adrián?

Quero chegar a profesional e ser alguén neste deporte.

E se non o consegues, tes un plan B?

Non, loitarei sempre para conseguilo.

Roberto, cales son as túas expectativas de futuro?

Para min de momento é unha distracción e un deporte, eu quero ser bombeiro, pero se chego a ser alguén no boxeo tamén me gusta a idea y espero poder compaxinalo.

Y que é o que máis e o que che menos che gusta a ti, Roberto, de este deporte?

Pois o mesmo, o compañeirismo o que máis e a dieta o que menos, penso que a dieta non lle gusta a ningún compañeiro.

Adrián, algunha vez pasáchelo mal de verdade nalgún combate, de pensar que che están dando unha tunda?

Desa maneira non, pero de subir mal ao ring por estar enfermo e pasalo mal si.

Luciano, ti cantos combates disputaches na túa vida?

Eu corenta.

Cantas vitorias e cantas derrotas?

Unhas dez derrotas e o resto vitorias, tamén teño algún empate técnico.

Hai algún combate ao que lle teñas especial cariño por ser un combate intenso ou espectacular?

O que tiven contra Fran Farrapeira. Eu admiraba a este rapaz, tiña nas súas costas moitos campionatos de King Boxing, Full Cotact e moi boas marcas en boxeo. Eu pasaba por un mal momento, acababa de morrerme un can e mentaliceime para dedicarlle a vitoria.

En que ano foi isto?

Sobre o 2015, exactamente non me lembro.

Luciano, polo teu ximnasio pasou algunha vez algunha alumna ou algún alumno que pensaras que as súas condicións son tremendas para chagar ao máis alto e ser unha estrela?

Estes dous que están ao meu carón, por exemplo. Eles teñen as condicións necesarias, e hai que telas, pero se logo non traballas nunca chegarás a nada, o traballo é o máis importante.

Un boxeador, nace, ten que ter condicións innatas, ou pode facerse?

Eu penso que se fai, con moito traballo e adestramento constante, pero se queres, podes facerte. Hai xente que nace coas calidades pero non as traballa e non chega a nada, sen esforzo non hai mérito, vai un da man do outro, a vagancia non é apta para este deporte.

Calquera persoa sen talento pode chegar ao máis alto?

Iso tampouco, para chegar arriba, a parte de moito traballo hai que ter algunha calidade, sobre todo corazón, valentía, temperanza e constancia, se nos as tes non te podes dedicar a isto. Se levas o primeiro golpe e caes ao chan, non podes boxear, tes que ter aguante e ser duro.

Luciano, algún boxeador profesional que admires e te marcara neste deporte?

O español Gabriel Campillo. Un loitador ao que inxustamente non lle deron combates e sempre seguiu loitando. Foi campión do mundo varias veces e é unha persoa moi humilde.

E a ti Roberto?

A min o que máis me gusta, ao que máis vexo e o que me parece máis duro é Mike Tyson.

Adri, cal é o teu?

O ucraíno Vasyl Lomachenko.

Aínda está en activo?

Si, é campión do mundo.

En que peso estades?

En 75K., na categoría de peso medio.