Quen controla á policía local de Porriño?

Imos falar da policía local. As súas funcións segundo a lei, son abondo coñecidas: manter a `orde pública´, controlar o tráfico e seguridade viaria, ollar polo cumprimento das ordenanzas municipais, previr e investigar delitos menores e custodiar probas ata a chegada doutros corpos policiais, facer patrullas preventivas, colaborar con outros corpos, facer controis de alcoholemia e drogas, atender á veciñanza en emerxencias e situacións de vulnerabilidade ou recollida de denuncias e atención en violencia machista, etc.

Estas son algunhas das súas funcións, tal e como aparecen nas leis, pero sabemos perfectamente para que están as diferentes forzas represivas no estado español.

Que acontece realmente coas policías locais? Pois que, coma todas, está para usar a forza e hai queixas, denuncias e causas xudiciais relacionadas coas súas actuacións e patróns recorrentes. E non o dicimos nós, senón os propios organismos tan funcionais na maquillaxe do sistema, eses que sempre branquean aos corpos represores. Aquí tedes datos, os propios do sistema.

Os temas máis comúns en todo o Estado español, baseándose en fontes coma o Defensor do Pobo, Amnistía Internacional (2023/2025) ou o Consello de Europa e SOS Racismo: controis de identidade discriminatorios, falta de transparencia para acceder a identificación de axentes ou gravacións durante incidentes, tramitación lenta de denuncias contra policías ou causas por suborno. O Defensor del Pueblo recibe 1.214 queixas en 2023: 46%: abuso de autoridade/trato humillante, 30% neglixencia en actuación, 24%: irregularidades en multas ou procedementos.

Aquí na Galiza, o Valedor do Pobo recibiu o ano pasado 78 queixas contra policías locais (↑15% 2022). Foron por controis de identidade discriminatorios, uso excesivo da forza ou retraso en atención a vítimas de violencia machista. O Tribunal Superior de Xustiza fala de 14 imputados en 2023 (torturas e prevaricación).

Por se o panorama, que nos pintan os propios medios “oficiais” non asustara, segundo o Instituto Galego de Estatística, di que só o 18% dos concellos publican datos de actuacións policiais. E mesmo así, calquera sabe que só se rexistran casos con recursos e sen medo para litigar. Por desgraza, a maioría cala.

Quen controla á policía local? Ninguén. Non o dicimos nós, dío o Informe Anual do Valedor do Pobo (2023). Denuncia a “falta de transparencia en sancións a axentes” e esixe “rexistros públicos de expedientes”. O 80% de denuncias arquívanse.

Ata as mesmas ONGs, tan servís ao sistema ao que amparan e manteñen, mesmo como ferramenta de disidencia controlada, din que sendo a maioría das actuacións `lexítimas´ non hai mecanismos de control suficientes. As denuncias aumentan en contextos de tensión e crise, cando nos mobilizamos.

No Concello de Porriño, á policía local non só non a controla ninguén, senón que ten dominado ao goberno local que toque. Cal é a explicación? Os distintos gobernos municipais non son quen de pararlle os pés ao seu responsable e algún dos seus fieis. Eles saberán o motivo, nós témolo claro.

Esquílmanse as contas públicas, os cartos da veciñanza, a base de horas extraordinarias que o propio xefe do corpo, xustifica tamén a si mesmo (chegou a cobrar máis que o alcalde de Vigo), e para que non lle chamen a atención alega que se compensa recadando con multas a esgalla. Téñense mercado automóbeis dos que se fai uso particular, outros desfanse en persecucións fóra do concello. Practícase o enchufismo en colaboración co concello de Mos. Contrátanse para formación e subministracións empresas amigas. Isto sábeno quen estiveron e están na alcaldía.

Pero o peor é a actitude de `matóns´ que gastan algúns. No 2021 un veciño do concello, de orixe saharauí, denunciou o abuso dun axente de paisano que non se identificou e o detivo, acusándoo de resistencia á autoridade. Todos coñecemos o caso. Foi absolto e a policía recorreu. Daquela esixiuse a apertura dun expediente disciplinario ao policía e o goberno municipal de Eva García, perante a gravidade do caso e a presión popular, non tivo máis remedio que facelo.

O expediente quedara en suspenso ata que non se resolvera o asunto xudicialmente. Agora que se abriu, sabemos que a intención co actual goberno de Alejandro Lorenzo, é arquivalo. Pasan uns e pasan outros, deixando facer a unha policía guiada con chulería e desprezo pola veciñanza. As queixas na rúa pola súa impunidade e a maneira de queimar cartos, son moitas. Pero lamentabelmente, a poboación ten medo a denunciar.

O Comité Antifascista da Lourinha non vai calar. Non imos mirar cara outro lado perante ningún tipo de abuso nin conduta fascista e de rapiña como as que vimos padecendo dende hai anos. Iso xa o fan todos e cada un dos partidos que estiveron ou están no goberno municipal do Porriño, todos teñen moito que agochar.

Esiximos a tramitación do expediente disciplinario do axente que detivo e agrediu ao viciño “presuntamente” e a súa expulsión definitiva. Seguiremos a sinalar todos os desmáns de quen non tendo suficiente con vixiar o tráfico ou botar unha man á veciñanza, exerza de `matón con placa´.