Andrés Couñago Laxe, directivo da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas.
Este 2025 preséntasenos como un ano para varias celebración en Reboredada (Redondela): as festas patronais do 14, 15 e 16 de agosto; a inauguración das obras de reconstrución da cúpula do campanario da igrexa de Santa María, desfeita por unha chispa no mes de marzo do ano 2022; o ano Castelao, que tamén celebraremos en colaboración entre a Sociedade Cultural e a asociación de Amigos do Carballo; as Letras Galegas, que conmemoramos o día 16 de maio na Sociedade Cultural; o 25 de xullo, Día da Patria, no que se xuntarán todos os colectivos de Reboreda coa alocución da directora do colexio público da nosa parroquia sobre o texto _Alba de Groria_ de Castelao… e, como non, o 50 aniversario da Sociedade L. Cultural de Reboreda ao longo do mes de novembro.
En todas estas efemérides, esenciais para a creación de comunidade, habemos ter a oportunidade durante este ano de compartir, con alegría de festa, o sentido de pertenza a unha terra e a unha fala. A festa da patroa é un referente na vida social da parroquia, por tanto, propicia para fomentarmos o uso dos nosos símbolos: himno e bandeira. Tamén, para pór de relevo os valores patrimoniais (materiais e inmateriais) que son abundantes e valiosos, e así concienciarnos na súa defensa e divulgación. Non abonda con facermos festa. O esforzo sen visión é
rutina, aburrimento.
A inauguración das obras do campanario e do tellado da Igrexa vai ser un especial motivo de celebración. Ese día, as tres campás do seu campanario han tanxer o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día a toda a parroquia. Nese intre, poderiamos facer un exercicio de imaxinación para evocar a _Alba de Groria_ de Castelao. “Si no abrente deste día puideramos voar sobor da nosa aterra e percorrela en todas as direccións, asistiriamos á marabilla dunha mañá única (…) O día de festa comeza e deseguida una muiñeira de campás anuncia algo máis que una festa litúrxica…”
Outro festexo fundamental, xa celebrado, foi o Día das Letras Galegas (o ano enteiro debería de ser). Nesta ocasión dedicado ás cantareiras tradicionais. A Real Academia Galega acordou dedicar a xornada á muller, a muller anónima que canta, aos centos e centos de mulleres que cantan na casa, nos seráns, nos rueiros, nas esfolladas, no día grande do patrón, despois de comer, nas foliadas… quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. Nós, a Asociación Amigos do Carballo das Cen Pólas, coa colaboración da Sociedade L. Cultural de Reboreda, así o fixemos o pasado 16 de maio na Casa da Sociedade, cunha conferencia a cargo do sacerdote da nosa parroquia don Carlos Rodríguez e o profesor Xosé Couñago, seguidos da actuación das nosas cantareiras, O Carballo das Cen Pólas. Rematamos a xornada compartindo un viño e uns petiscos. Como remate, habemos celebrar cara ao final de ano, con toda a veciñanza, as cinco décadas de vida da Sociedade Cultural, un traballo colectivo a prol da cultura, do asociacionismo e da dinamización social da nosa parroquia que merece ser festexado.
Con este espírito de memoria, festa e identidade, convidámosvos participar activamente en todas as celebracións deste 2025. Que sexa un ano de alegría, de reencontros e de reafirmación no noso amor por Reboreda e Galicia.
