Soraya Domínguez Portela
Docente e membro do Consello Local do BNG do Porriño
A primeiros do mes de xuño, o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sorprendíanos cunha nova ocorrencia. Os centros educativos deben ser neutrais. E todas e todos nos preguntamos que quería dicir con iso. Falounos de preferencias culinarias, de bandeiras incómodas e outros supostos colocados na ambigüidade que só se explica porque el mesmo se dá de conta do inconcreto, inadecuado e desafortunado da esixencia.
Cada vez que na sociedade detectamos un problema grave, sempre se busca a mesma resposta e esta non é uns institutos ou escolas “neutrais”, asépticas, inconcretas, illadas, colocadas fóra da propia sociedade. Hai 7 anos, un grupo de homes novos violaron unha rapaza nunhas festas e, a partir de aí, comezouse a amosar que estes casos non eran tan illados. Todas as voces especializadas ou que actúan como tal daban a mesma proposta de solución: o sistema educativo. El debería reconducir, formar e concienciar as camadas de mozos na necesidade de que non obxectualicen as súas compañeiras de aula e de mundo. Cando se evidencia que o consumo de pornografía en idades temperás, especialmente, dunha pornografía violenta cara á muller está a traer consigo un aumento da violencia dos homes cara ás mulleres, a resposta que todas e todos encontran sempre é a formación nas escolas.
Ante casos de acoso, homofobia, racismo, violencia gratuíta no ámbito deportivo ou de lecer, consumo de drogas, malestar emocional, índices de suicidio na mocidade… a mirada sempre se dirixe cara ás escolas. Cada vez que aparece algo que nos preocupa ou avergoña como colectividade, a resposta é sempre que as escolas e institutos deben reconducirnos ó civismo e á civilización. Como imos poder tentar cambiar algo, se agora se nos esixe que non podemos saír de explicar as ecuacións de segundo grao ou a función sintáctica do suxeito?
A sociedade, a nivel global, estase movendo en augas escuras. O discurso do odio está a imperar en todos os lugares. A rede, os gobernos, as rúas… todo favorece ou potencia a lei do máis forte. Aquel ou aquela que se atreve a discrepar ou ser diverso terá que cargar coas consecuencias que esa disidencia trae consigo. Ata o de agora, practicamente, o sistema educativo, as profesoras e profesores somos as únicas pequenas chalanas que avogan pola cooperación, o respecto, a consciencia da diversidade, o pensamento crítico fronte a ese discurso homoxeneizador e arrasador da riqueza humana que se tenta erradicar. E navegamos nun océano bravo e poderoso de odio; son augas fortes que fan moito ruído e non deixan escoitar case a nosa voz. Pero, aínda sendo débil, parece que ó PP de Galicia, ó goberno da Xunta de Galicia, lle molesta.
Os contidos e as competencias académicas son moi importantes e teñen o lugar que lle corresponden nas escolas e nos institutos. Pero o noso traballo vai máis alá. Debemos axudar o noso estudantado a ser cidadás e cidadáns de pleno dereito. Deben poder pensar, libremente, o que queiran, pero para iso é necesario que escoiten tódolos discursos. Esa é, xustamente, a grande potencialidade do sistema público de ensino: o profesorado é diverso e os ollares que van amosarlle ó seu estudantado tamén o é. Elas e eles escollerán o seu propio, pero dende o coñecemento; non dende o dogmatismo simplista e simplificador. O estudantado, en moitos (en demasiados) casos, nos únicos lugares en que oe falar con propiedade da diversidade de identidadade, da situación actual no mundo sen simplismos intencionados, da consciencia da clase á que a maioría pertence, da capacidade organizativa das persoas fronte ós grandes poderes… é nos centros educativos. Non hai outros lugares. Isto fai que a capacidade que temos de ser escoitadas e escoitados sexa moi reducida, mais tamén queren quitarlles esta posibilidade? Que é o que buscan?
Afortunadamente e para sorpresa do presidente Rueda, a sociedade non estamos aínda tan adormecida. Os sindicatos do profesorado saíron a alzar a súa voz ante a tentativa de silenciar e controlar ideoloxicamente as docentes, seguindo o puro modelo de caza de bruxas de McCarthy. Mais tamén as familias, baixo a Confederación de Anpas Galegas, se pronunciaron en contra desta tentativa absolutamente impropia dun país democrático.
“Que a vida non me sorprenda xamais/ desprevenido calado e neutral” escribía Lois Pereiro. Esta proclama pode agora representarnos a todo o profesorado que consideramos que o noso traballo tamén é amosar ese outro mundo mellor que a sociedade estamos a dicir que é na que desexamos vivir. Ou, acaso, é unha falacia? Ou é que non queremos un mundo máis igualitario, respectuoso, cordial, amigable e humano? Ou que pensa o señor conselleiro que é o que lles ensinamos ás nenas e nenos no sistema educativo?
