O Goberno de Nigrán renuncia definitivamente ao proxecto de acondicionamento das marxes do río Muíños

Resolve de mutuo acordo coa adxudicataria o contrato administrativo de obras tras abonarlle máis de 73.000 euros á empresa en concepto de liquidación

O alcalde considera que o investimento xa non é necesario e destina a partida aínda restante, por importe de 231.744 euros a financiar outros gastos

O BNG reclama que os fondos restantes do aproveitamento urbanístico de Porto do Molle, máis de 4 millóns de euros, se destinen a rexeneración dos ríos Muíños e Nespereira, a mellorar as conexións do polígono e a favorecer a construción de vivenda protexida

O goberno municipal aprobou no pleno ordinario do mes de xuño unha modificación de crédito de case 860.000 euros para financiar diversos gastos, realizada con cargo a baixas por anulacións de partidas e novos ingresos que provén do aproveitamento urbanístico de Porto do Molle aínda pendente de aplicación.

O BNG non discute a necesidade destes investimentos, especialmente de algúns como a reparación da cuberta do pavillón de Panxón ou diversas obras de saneamento, pero si o seu financiamento cos recursos procedentes do desenvolvemento urbanístico de Porto do Molle e a anulación de partidas para a mellora ambiental do entorno do polígono. Máis tendo en conta que o goberno acaba de aprobar un orzamento sen contemplar consignación orzamentaria suficiente para acometelos.

A resolución do contrato para o acondicionamento das marxes do río Muíños supón dar carpetazo a un “proxecto clave para este goberno cuxo obxectivo primordial é devolver ao río o seu equilibrio natural”, en palabras do alcalde de Nigrán, Juan González, cando anunciaba o inicio das obras de recuperación das marxes do río e a creación de núcleos de ocio e deportivos totalmente integrados na paisaxe.

Esas obras adxudicáronselle a Audeca por algo máis de medio millón de euros no ano 2018 e un prazo de execución de 10 meses. Sete anos despois e logo de innumerábeis suspensións, paralizacións e diversas incidencias, resólvese o contrato de mutuo acordo coas marxes sen acondicionar e a suposta zona deportiva convertida nun ermo.

A este respecto o BNG reclama que o crédito restante pendente de aplicación polo aproveitamento urbanístico de Porto do Molle, superior aos 4 millóns de euros, se destine a rexeneración ambiental dos ríos Muíños e Nespereira, que bordean o polígono, así como a resolver a deficiente comunicación do parque empresarial coa Rúa dos Pazos. Tamén a actuacións destinadas a favorecer a promoción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, que é o primeiro dos destinos que contempla a lei para os bens procedentes do patrimonio público do chan.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.