
Xa estamos afeitos a ver a nosa alcaldesa, e ao seu séquito, vestida con mantilla e acompañada de uniformados nas diversas procesións que ao longo do ano se fan en Marín. Gosta desa estética e deses valores propios dunha España rancia e reaccionaria. E como non podía ser doutro xeito, as Festas do Carme desta ano foron unha volta ao pasado, mistura vintage de música anticuada e desfiles militares; unha combinación entre Cine de Barrio e Luar, bailes de longo e uniformes ao son de Camela.
A programación fíxose aproveitando os descartes de Luar, facendo unha combinación de artistas moi propia dos venres a noite na TVG: folcloradas, Dilleis e popurrís de cancións antergas e artistas do pasado. Inauguradas como se fosen un mitin do Partido Popular, ao ritmo de Juan Pardo, a apoteose pepeira chegou coa interpretación de Xuntos, a sintonía oficial do partido.
Como se poden cualificar unhas festas que incorporan como un evento da programación a “entrega de Reais Despachos na Escola Naval Militar” e a declaración de filla predilecta de Leonor? Pediríanlle permiso á Casa Real para incluír estes actos no programa das festas?
Aproveitase as festas para exaltar e promover a monárquica, institución caduca e antidemocrática, que representa os valores máis rancios dunha España facha e centralista. A mesmo para fomentar un militarismo rancio, pero moi acaido para os tempos que corren de exaltación guerreira e recortes sociais para gastos militares.
E entrando en temas máis mundanos temos que resaltar a dificultade para mover un vehículo estes días de festa. Queixa que xa é habitual escoitar todos os días na nosa vila pese ao incremento exponencial dos aparcadoiros disuasorios. Quedando patente que non son unha solución real aos problemas de mobilidade, que só poden arranxarse cunha mellora do deteriorado transporte público que nós une con Pontevedra e que practicamente non existe para comunicarse co resto dos concellos do Morrazo.
As persoas que tiveron a mala sorte de aparcar no Cantodarea nas horas de maior calor, comprobarían o resultado do modelo de “humanización” urbana que o PP impón en Marín. Un modelo de deshumanización e deforestación, rúas sen árbores e sombra polas que non se pode camiñar sen pillar unha insolación.
Marín merece unhas festas de calidade con actividades e actuacións para todos os gustos, e onde se lle de cabida aos grupos e artistas galegos que temos en cantidade e calidade. Unhas festas onde se promovan valores democráticos e de paz, máis necesarios que nunca nos tempos que corren. Porén, en Marín, un ano máis, repítese o modelo das “grandes” orquestras, as mesmas de sempre.
Onde está a capacidade e a imaxinación de quen fai o programa das festas? Por que non unhas festas participativas onde se recolla a opinión dos veciños e veciñas, das asociacións, da mocidade… Iso non vai co “xeito de ser” de quen nós goberna, que só queren como mérito artístico a submisión política.
Marín, 30 de xullo de 2025.
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago
