Non nos merecemos isto

Carme santos
Carme Santos, EX SX de Podemos Galicia

Estamos conmocionadas polo asasinato de Teresa, traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en O Porriño. Foi asasinada mentres facía o seu traballo. Mentres coidaba. Mentres pedía deixar un servizo no que sufrira acoso. Sentíase soa, desprotexida, en perigo. Como tantas outras mulleres que traballan cada día en condicións precarias, cun alto risco persoal, e sen respaldo institucional.

Non é por ir de vítimas. Non é por repetir mantras. Pero a realidade é teimuda: as mulleres seguimos sufrindo violencia polo feito de sermos mulleres, especialmente cando nos atopamos en sectores feminizados, empobrecidos, sen recoñecemento social e institucional. Non é casualidade. É estrutura.

O SAF é un servizo esencial. Coida de persoas maiores e dependentes. E faino grazas ao traballo, mal pagado e mal recoñecido, de mulleres que poñen o seu corpo, o seu tempo e a súa saúde ao servizo dos demais. Mulleres que traballan con contratos precarios, con salarios que non chegan aos 1.000 euros, sen compensación polos desprazamentos entre domicilios, sen substitucións cando collen unha baixa, e sen protocolos claros de actuación en caso de risco. Mulleres que nin sequera denuncian o acoso que sofren, por medo a perder o emprego.

E non o digo eu. Lévano denunciando sindicatos e traballadoras durante anos. A FEGAMP alertou xa de que os concellos están asumindo ata o 90 % do custo real do servizo, mentres que a Xunta de Galicia apenas achega o 10 %. E moitos deses concellos non teñen capacidade orzamentaria suficiente para garantir un SAF de calidade, con persoal protexido, con medios e coidado.

E logo? Logo pasa o que pasou. E voltamos empezar: minuto de silencio, palabras baleiras e discursos sen consecuencias.

Os concellos son titulares do servizo. Son os que deciden como se presta, con que empresa, con que condicións. E nin en O Porriño nin en Mos, onde goberna o Partido Popular, se puxeron en marcha mecanismos reais de protección fronte ao acoso. O alcalde do Porriño convocou un minuto de silencio e anunciou que o Concello se personaría na causa. Pero, a estas alturas, iso non chega.

Non queremos máis compromisos baleiros, nin actos simbólicos para tapar a inacción. Queremos accións. Queremos medidas estruturais, reais, valentes. Queremos protocolos que garantan que, ante unha denuncia de acoso, unha traballadora non ten que volver ao mesmo domicilio. Queremos que o dereito á protección sexa automático, non opcional. E queremos que se obrigue ás empresas adxudicatarias a actuar con responsabilidade, e non a mirar para outro lado.

En Gondomar, polo menos, tomouse a iniciativa. Está en proceso de aprobación un protocolo pioneiro que permitirá a suspensión inmediata do servizo cando exista unha denuncia de acoso. Esa é a vía. Iso é o que debería estar xa aprobado en todos os concellos. E non porque sexa unha medida “radical”, senón porque é o mínimo que se lle debe a quen traballa coidando doutras persoas.

E mentres os concellos esquivan, a Xunta de Galicia tampouco actúa con responsabilidade. É a que marca a normativa, a que autoriza as empresas, a que define os estándares de calidade… pero nin dota aos concellos de medios, nin fixa protocolos obrigatorios fronte á violencia, nin actúa cando se vulneran dereitos fundamentais. A Xunta non xestiona o servizo, pero ten responsabilidade política e normativa directa. E leva anos facendo como se non fora con ela.

E as empresas? As empresas tampouco escapan. A que xestionaba o SAF no caso de Teresa sabía do acoso. Ela mesma advertira da situación. A empresa non fixo nada. E obrigárona a volver. Esa pasividade, esa falta de reacción, tamén é violencia. E ten que ter consecuencias.

E aí, neste panorama tan duro e desigual, hai que recoñecer tamén a labor das organizacións sindicais. Neste caso, a CIG foi quen levou o maior peso, alertando, denunciando, protexendo e acompañando as traballadoras. Nun mundo no que todo se critica e nada se recoñece, menos mal que hai quen dá a cara. Menos mal que hai quen empurra para que as cousas cambien.

Pero o que non pode seguir pasando é que se dilúan as responsabilidades. Que cada administración se limite a dicir que fixo o que puido. Que as empresas sigan actuando como se o risco non existise. Que se volva poñer o foco na vítima, mentres o sistema que a deixou soa continúa intacto.

E, por favor, non máis frivolidades. Xa abonda de politizar só cando convén. Porque tamén lembro —coma se fose onte— cando sendo deputada no Parlamento de Galicia alcei a voz por casos coma este e preferiron atacarme por un chío, por unha coma, por un ton. Frivolizaron. Manipularon. Desviaron. En vez de falar do fondo, falaron de min. Como fan sempre que unha muller molesta ou incomoda. Pero a realidade colle forza, e cando non se actúa, a morte convértese en denuncia.

Quero enviar un abrazo forte á familia de Teresa. E a todas as traballadoras do SAF. E ás persoas usuarias. Porque isto non só é unha traxedia individual. É un fallo colectivo. É unha responsabilidade política. E é unha débeda social que temos que saldar.

Non nos merecemos isto. Nin as mulleres. Nin os coidados. Nin a sociedade galega que aspira a ser máis xusta e máis segura. Porque esta non é unha guerra de ideoloxías, é unha cuestión de humanidade. De valentía política. De facer o que toca.

Non imos permitir que nos calen, mentres sigamos sendo ameazadas, vulnerables, maltratadas institucionalmente. E aquí imos dicilo con forza: imos seguir denunciando mentres exista esta pasividade que nos mata.

Coidarnos entre nós é un deber colectivo. E os servizos públicos, financiados cos nosos

impostos —que tanto traballo nos custa pagar— teñen que servir para iso: para coidar, para protexer, para dignificar. Non para permitir que mentres prestamos eses servizos se nos mate. Nin para mirar cara outro lado cando o servizo público que debería protexernos falla. E falla con consecuencias tráxicas.