
Un dos días de reparto de ANP do pasado mes de setembro trataba de levarlle uns periódicos a un cliente dunha vila de cuxo nome non me quero lembrar. Era a primeira hora dunha soleada tarde de setembro, e non había ninguén pola rúa. O negocio do noso anunciante estaba pechado, e eu dei media volta en dirección ao lugar no que estacionara o meu coche. De súpeto lembrei que algo antes de onde estaba o meu vehículo había unha lavandería, e decidín volver sobre os meus pasos para deixar as dúas Peneiras nese local. As lavanderías son lugares moi adecuados para repartir prensa, pois sempre hai algún usuario ou usuaria que a le mentres agarda pola súa roupa. Xusto no momento no que dou a volta para entrar na lavandería coincide que unha moza entra no mesmo negocio. Fagamos o esforzo de poñernos en situación desde a óptica da muller: Non había ninguén na rúa, e unha rapaza nova ve como un home dá media volta e entra case ao mesmo tempo ca ela nun espazo pechado. Sen querelo ningún dos dous, as nosas miradas cruzáronse e o medo pintado nos seus ollos e a súa incomodidade manifesta foron evidentes para min. Deixei os periódicos na lavandería o máis rápido que puiden, e marchei de inmediato do local para que ela se tranquilizara o antes posible. Pero mentres ía para o meu coche pregunteime se no canto de ter coincidido cunha muller nun espazo pechado, nun momento no que non había ningunha outra persoa, o tivera feito con outro home, este teríase asustado coa miña presenza?.
A resposta é que non, non se tería asustado de ningunha maneira. Os homes temos unha serie de privilexios sobre as mulleres, adquiridos despois de milenios nos que as formas de organización social constrúense en función dos intereses do patriarcado. Un deses privilexios, non precisamente pequeno, é o de podermos camiñar tranquilos, a calquera hora do día ou da noite por calquera espazo por apartado que estea, sen medo a sufrirmos unha agresión sexual.
E agora toca facermos o esforzo de poñermos na perspectiva dun home para nos preguntar se podemos facer nós mesmos algo para evitar que calquera muller que se cruce no noso camiño nun lugar afastado, no que non haxa ningunha outra persoa ou nunha hora intempestiva, sinta medo pola nosa presenza. E si, claro que hai cousas que podemos e debemos de facer os homes. Aínda que pareza que os actos dun individuo non abondan para provocar cambios sociais substanciais, o certo é que a suma de moitas vontades individuais si que os poden facer realidade. Así por exemplo a marabillosa vaga de solidariedade co pobo palestino que amosou unha parte significativa da sociedade nos pasados meses logrou un resultado tan relevante como o de paralizar varias etapas da máis importante competición ciclista do estado español.
O primeiro que se me ocorre é que calquera home decente, que queira unha sociedade na que os dous sexos que formamos a humanidade vivamos en igualdade, debe de asumir o feminismo, practicalo na súa vida diaria e defendelo sempre. Incluso nos contextos que só estean formados por homes, tratar de convencer a outros homes de que vivir en igualdade é máis xusto que vivir con privilexios e que é a única opción para aspirarmos a unha sociedade decente.
Non estaría de máis traballarmos na construción de novas masculinidades de modo que o perfil tan desagradable de macho alfa sexa cada vez máis reducido,e as persoas que o teñan acaben por se decatar de que o auténtico problema para unha convivencia en igualdade e paz son eles mesmos.
E por último, no caso concreto de episodios análogos aos que describo neste artigo, entendo que debemos de ter a sensibilidade suficiente para que a muller que se cruce con nós nun lugar apartado poida sentirse tranquila e marcharnos canto antes. Cambiar nós de beirarrúa se fose necesario, deixar sempre unha distancia de seguridade e se fose imprescindible, só se fose imprescindible, interactuar con ela facelo a unha distancia segura, con calma e acougo de maneira que a nosa interlocutora poida sentirse tranquila.
