O CF Cañiza en disposición de ascender de categoría

A pasada tempada o equipo masculino sénior do CF Cañiza logrou clasificarse para a fase de ascenso á 2º categoría autonómica, pero non a puido superar. Este ano as cousas seica van bastante mellor, e no momento de escribir esta crónica marchan invictos en 2º posición da táboa da súa categoría de terceira autonómica. Tendo en conta que os dous primeiros ascenden directamente, sen necesidade de disputar ningunha promoción, parece verosímil pensar que o obxectivo do ascenso é esta temporada máis que realista. En calquera caso cando se produza, ese ascenso non sería máis que o primeiro paso. Un equipo dunha localidade da realidade económica e social como A Caniza non pode conformarse coa 2º categoría autonómica e debe e de aspirar a construír unha base de canteira o suficientemente sólida que lle permita ascender, e logo consolidarse na primeira autonómica. Achegámonos ata a capital da Paradanta a conversarmos con Mónica, unha muller natural de Crecente, pero residente desde hai moitos anos na Caniza, que é a incombustible presidenta do equipo de fútbol da súa localidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Mónica Almuíña, presidenta do CF Cañiza.

A 1º autonómica é a categoría na que debemos aspirar a consolidar os equipos sénior”

Este verán tivestes eleccións á directiva?

Si, presentamos unha candidatura de consenso na que repetimos as persoas do anterior mandato e incorporamos a algunha máis.

Xa levas cerca de 15 anos como directiva .Non estás cansa?

Este 2025 fago 15 anos. Comecei no ano 2010.Estou cansa si, claro que si. De feito eu as fins de semana non teño vida persoal. Vivo no campo de fútbol. E durante a semana todos os días que podo tamén teño que ocuparme da xestión do día a día do equipo. En calquera caso gústame moito o que fago. Estou absolutamente implicada e comprometida emocionalmente co equipo e de momento vou tratar de seguir dando o mellor de min para que o club teña a mellor situación posible.

Como é o teu día a día?

Entre a vida persoal e o fútbol estou permanentemente ocupada. De feito teño dúas nenas que xogan ao balonmán en Tui, e un fillo que é porteiro dos sénior no equipo de fútbol que presido. Os partidos son a fin de semana. E ás veces toleo para poder facer todo compatible.

A última ve que falaramos, no 2023, o club tiña oito equipos. Cantos tendes na actualidade?

Temos 10. Algo medramos. Neste momento temos máis de 200 licencias. E ao ter máis nenos practicando fútbol con nós, son máis os pais e as nais que colaboran, o que incide positivamente na dinámica do equipo.

Os rapaces e rapazas son da Caniza?

Hai de todo. Hainos da Cañiza si, pero tamén de Arbo de Covelo, Padrenda, Cortegada, Melón, Quines, Crecente..

O cambio de nome do Concello que pasará en breve de ser A Cañiza a A Caniza, vai ter algún efecto no nome do equipo de fútbol?

Non, o nome do equipo non vai cambiar. Vai seguir co seu nome actual CF Cañiza.

Como está a vinculación do pobo da Caniza co equipo?

Moi ben. Estamos realmente satisfeitos do apoio popular que recibimos e da implicación da sociedade da Cañiza co seu equipo de fútbol.

Malia que na Caniza tendes unha competencia moi forte co balonmán?

Si, é certo. No noso pobo hai paixón polo balonmán pero hai sitio para todos.

Na conversa que tiveramos no 2023 comentáchesme que non estabas contenta da relación que tendes co goberno encabezado por Luis Piña. Como están as cousas na actualidade?

Están parecidas. As relacións son manifestamente mellorables. Sempre se queixa dos cartos cando lle pedimos algo, e é necesario insistir moito para que nos faga caso.

O problema é só económico, ou o teu descontento se refire a algunha cuestión máis?

A máis cuestións.

Por exemplo?

A limpeza dos campos de fútbol facémola nós. No que é a xestión dos campos de fútbol o concello desenténdese.

Quen limpa entón?

As persoas da directiva.

Cantas persoas sodes na directiva?

Somos 10. A maneira que temos de organizarnos é basicamente facermos todo o que podemos, cando podemos.

Alén da limpeza que tal están as instalacións en liñas xerais?

Eu creo que deixan bastante que desexar. É certo que no de herba artificial mudaron o céspede o ano pasado, pero estivo un ano sen cepillalo. Eu creo que é desleixo.

Segues pensando que a 1º autonómica é a categoría natural na que os equipo sénior masculino e feminino se deben consolidar?

Si,ese é o noso obxectivo para ambos equipos.

Como vai a cousa este ano?

No que se refire aos rapaces estamos en 3º.O ano pasado xogamos a fase de ascenso pero non puidemos subir. Esta temporada imos de segundos na táboa, os dous primeiros ascenden directamente, e o obxectivo deportivo é claramente é o ascenso directo. No que se refire ás mozas estamos en 2º galega e esta temporada aspiramos a consolidarnos nesa categoría. Teño que dicir que conseguir xogadoras resúltanos moi difícil.

Acabades de renovar mandato. Aínda che quedan mínimo catro anos na presidencia. Serán os últimos?

Sempre digo o mesmo, que é a última vez. Pero non sei que pasa que ao final volvo tirar para adiante. Serán os últimos?..pois non o sei, só o tempo o vai poder dicir. O que si digo con absoluta certeza é que o día que deixe a presidencia do equipo vouno botar moito de menos.