
Marín, 29 de novembro de 2025.
“O fetichismo da legalidade foi e segue sendo unha das características definitorias do “socialismo” que favorece a colaboración de clases. Isto implica a crenza na posibilidade de transformar a orde capitalista sen entrar en conflito coas súas clases privilexiadas.” O que todo revolucionario debe saber sobre a represión, Victor Serge.
“Na sociedade burguesa, o poder exércese pola minoría rica contra a maioría pobre. Un goberno non é máis que o comité executivo dunha oligarquía de financeiros apoiada polas clases privilexiadas.” Karl Marx.
A recente condena ao Fiscal Xeral do Estado polo Tribunal Supremo escandalizou a máis de un. Moitos botáronse as mans á cabeza ante tamaña falcatruada da xustiza española, un golpe de estado xudicial onde os xuíces fan política desde os estrados para derrubar un goberno.
É evidente que a xustiza española está escorada á dereita. Unha menos dereitosa, a que se chama progresista, e outra máis ultra denominada conservadora. A xustiza xunto co estamento militar e policial, o empresariado e a Igrexa Católica son garantes dun réxime nacido da violencia dun golpe militar xenocida; para que a España de señoritos latifundistas, empresarios sen escrúpulos, banqueiros cheos de cartos poidan espremernos sen límite.
Porén, isto non é de hoxe, o Poder Xudicial non se transformou dun día para outro en gardián das esencias do máis rancio españolismo franquista. Non se transformaron dun día para outro en fachas ansiosos por perseguir á muller do Presidente do Goberno ou por cargarse a un Fiscal Xeral, nunha loita entre faccións do réxime.
A maioría de eses señores e señoras, fillos e netos do réxime franquista, sempre foron así, venlles de familia e tradición. O problema é que agora non precisan disimilar. Para que? Están amparados pola súa legalidade e pola impunidade que lles dan os medios de comunicación.
Mais desde a morte de Franco até hoxe o historial xurídico policial no estado español está cheo de actuacións políticas contra o “inimigos” de España.
Algúns exemplos témolos na Galiza.
- Non dubidaron en expulsar a tres deputados nacionalistas dos seus escanos no Parlamento Galego, con carácter retroactivo, por negárense a xurar a sacrosanta constitución española.
- O dirixente nacionalista Francisco Rodríguez foi condenado inxustamente a dous anos, catro meses e un día por queimar unha bandeira española, chegando a estar en prisión máis de 20 días. E tivo que esperar dez anos até que o Tribunal Constitucional anulara esta sentenza.
- O sindicalista da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, foi sentenciado a seis meses de prisión por unha suposta agresión a un axente da autoridade durante unha concentración, na que foi detido e sometido a malos tratos.
- A montaxe máis elaborada en Galiza foi a denominada Operación Jaro, na que o estado español tentou incriminar ás organizacións Causa Galiza e ao colectivo anti-represivo Ceivar-OPAR vinculándoas con Resistencia Galega.
No estado español a in-xustiza é a norma.
Antes de destacar algúns casos de actuacións xudiciais, claramente represivas e que cuestionan os dereitos fundamentais de calquera persoa, temos que salientar a guerra sucia que o estado español organizou desde o final do franquismo: o Batallón Vasco Español, a Triple A ou os GAL, organizacións que chegaban onde non podía chegar oficialmente o estado.
Nomes distintos cos mesmos métodos e os mesmos fins, levar adiante unha guerra pola porta de atrás para combater a disidencia, fora ou non armada. Só os GAL asasinaron a 27 persoas, moitas delas sen conexión directa con ETA.
- Operación Garzón. Antes da celebración do Mundial do ano 1992 o estado español da man do Xuíz Baltasar Garzón organizou unha operación policial onde se detiveron a 45 persoas vinculadas co movemento independentista catalán. Os detidos denunciaron detencións indiscriminadas e torturas.
- Garzón, o mesmo que no 1998 ordenou o peche do diario Egin e de Egin Irratia, o pai de “todo é ETA” para xustificar os peches e as ilegalizacións de partidos, e que hoxe percorre as radios e televisións progres denunciando o atropelo ao Fiscal Xeral do Estado.
- Son famosas as fotos da face de Unai Romano toda denegrida e con colar despois de pasar polas dependencias da Garda Civil. Esa evidencia non foi suficiente para que o daquela maxistrado Marlaska, hoxe Ministro do Interior, vise indicios de torturas.
- Os 6 Da Suiza, sindicalistas da CNT de Xixón,son condenados por facer sindicalismo e denunciar o acoso laboral contra unha traballadora. Un caso onde queda ven clara a conexión entre a patronal e a xudicatura para facer calar ao sindicalismo combativo, o que non se fai nos despachos.
- Outro caso similar é o dos 6 de Zaragoza. Seis mozos foron condenados por participar nunha manifestación antifascista convocada para protestar por un mitin de Vox. Unha condena baseada unicamente en testemuñas policiais sen ter en conta as probas aportadas polas defensas.
- En Altsasu unha pelexa nun bar, cuns axentes da garda civil de paisano, transformase en terrorismo para condenar a oito persoas nun proceso escandaloso e desproporcionado.
- O Proces catalán provocou a utilización de todo o aparato xurídico, político e policial do estado español, sen fisuras e indo da man todos os partidos españois, contra unha nación que reclamaba o seu dereito á libre autodeterminación. Prisión, exilio, manifestacións masivas e represión para impedir un proceso electoral onde o pobo catalán quería decidir o seu futuro.
Ser artista nun país como España é perigoso.
- Suso Vaamonde foi condenado por cantar a 6 anos de prisión por un delito de inxurias á patria. Exiliouse para non entrar na cadea, aínda que despois regresou e foi encarcerado.
- “Titiriteros etarras”, detidos e procesados despois dunha actuación con monicreques por poñer unha pancarta en euskera.
- Pablo Hasél, catro anos encerrado nunha cadea polo “delito” de dicir a verdade nas súas cancións sobre a monarquía e os Borbóns.
- O cantante Valtónyc atópase exiliado en Bélixica despois de ser acusado e condenado por enaltecemento do terrorismo, apoloxía do odio ideolóxico e inxurias á coroa española.
En definitiva a Xustiza neste sistema está ao servizo do capital para sufocar e impedir que os pobos levanten a cabeza. É un instrumento máis de control e represión ao servizo dos que mandan. Por moito que nós vendan a idea de que a xustiza é imparcial e non partidaria a realidade neste estado é outra, unha realidade que cada día é máis evidente.
