Un premio vivo para unha lingua viva

O xurado do III Premio das Letras Galegas Vivas, outorgado pola Biblioteca Sabela Labraña (que forma parte da Asemblea Cultural Galega de Barcelona), decide homenaxear a poetisa galega Olga Novo, recoñecemento que destaca tanto a calidade da súa escrita coma o compromiso coa lingua e a cultura galegas.

Nos próximos meses terán lugar diversos actos ao redor da figura e a obra de Olga Novo, entre eles a entrega do propio galardón, que consiste nunha escultura feita polo artista Anxo Baranga inspirada no universo dos libros, símbolo do saber, da memoria e da resistencia cultural.

Premio das Letras Galegas Vivas

O premio, que concede a Biblioteca Sabela Labraña, ten un carácter honorífico e nace co obxectivo de recoñecer anualmente a traxectoria dunha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo. A súa finalidade é pór en valor, non só a calidade literaria da súa obra, senón tamén o compromiso cultural, social e político da persoa premiada, con especial atención ás mulleres e á súa contribución á literatura e cultura galegas.

A Biblioteca Sabela Labraña propón ás institucións galegas a creación dun premio similar sen ter que agardar ao pasamento das persoas homenaxeadas, como acontece co Día das Letras Galegas, co fin de mostrar e celebrar o dinamismo da lingua galega.

Xurado e escolla da persoa premiada

A elección da persoa premiada realízase anualmente a partir de propostas que se fan chegar á Asemblea Cultural Galega de Barcelona. O xurado estivo composto por Lito Caramés (profesor de secundaria, crítico de arte e escritor), Amador Castro (escritor), Alba González (propietaria da libraría La Repunantinha), Helena González e María Xesús Lama (profesoras de Estudos Galegos e Portugueses na Universidade de Barcelona).

Despois da avaliar a obra e o compromiso das 28 persoas candidatas presentadas e a súa implicación no activismo social ou cultural, o xurado escolleu a Olga Novo como gañadora do III Premio das Letras Galegas Vivas.

O xurado salientou da profesora, poetisa e ensaísta Olga Novo que é unha muller de luz mitolóxica; argonauta na escrita. Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesora de bacharelato en varios institutos galegos e, tamén, profesora de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes e de literatura na Universidade Bretaña Sur, en Lorient.

Desde A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004) até Cráter (2011) e Feliz idade (2019), revelouse como a escritora que atopa xeitos novos nos seus poemas para dicir, no século XXI, o corpo, o sexo, a necesidade dos vínculos e a experiencia do amor.

Premio da crítica española, premio da crítica galega e Premio Nacional de poesía, considera nunha entrevista para Nós diario que ″todo poema nace da intensidade creativa, do trallazo, e desde logo non procura a perfección formal, senón a emanación do amor″.

Desde 2010 a Casa da Cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome.

Sobre a Biblioteca Sabela Labraña e a ACGB

A Biblioteca Sabela Labraña conta cun fondo de máis de 2.000 libros en galego ou sobre a cultura galega, e desenvolve actividades continuadas para promover a lingua e a cultura galegas en Cataluña. Organiza un club de lectura en galego, presentacións de libros, unha xuntanza anual de escritoras e escritores galegos residentes en Cataluña, unha ″ludotega″ para crianzas e conta-contos infantís en bibliotecas públicas catalás.

A Biblioteca Sabela Labraña forma parte da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), unha entidade independente, asemblearia e comprometida co país e co desenvolvemento dunha cultura galega crítica. A entidade organiza actividades relacionadas coa cultura e a música galegas, así coma actos reivindicativos en defensa do país e en solidariedade con causas sociais. Entre as súas iniciativas destacan o festival Primavera Son, que se celebra no mes de maio. A entidade foi galardoada co Premi d’honor col·lectiu Vila de Gràcia 2024, outorgado polo Districte de Gràcia de Barcelona.