
A finais do pasado mes de novembro facía unha desas visitas que ás veces non queda outra que facer, aínda que as gañas de facela non sexan moitas. Foi sentarme no salón da persoa visitada e espetoume a seguinte pregunta :” Que opinas de la corrupción del sanchismo?”. A evidente intención provocadora que amosa unha pregunta de tan pouco rigor deixa ben claro que hai persoas ás que nada do que se lles diga serve para nada, pois contra o poder dos seus apriorismos non hai argumento racional que valla. Pero, como non imos renunciar á construción dunha sociedade decente, non queda outra que seguir batendo ata o infinito nos seus corazóns, coa esperanza de que de cando en vez o poder da palabra abonde para convencer a alguén.
Vai, xa que logo unha vez, máis: A corrupción é inherente á nosa especie porque responde a pulsións humanas moi profundas: A ambición, o egoísmo, o instinto de supervivencia…Existiu no pasado, existe no presente e vai seguir existindo no futuro. Ata tal mundo é imposible de erradicar que países como por exemplo China, que castigan determinados supostos de corrupción política coa pena de morte,non a dan eliminado e de cando en vez almorzamos coa nova da condena á pena capital a algún funcionario corrupto no xigante asiático. A corrupción é transversal, e existe en calquera organización que xestione orzamentos públicos( ben é certo que nalgunhas máis que noutras).Incluso forzas políticas de elevados estándares éticos e dun rigoroso control interno do comportamento dos seus cargos públicos, como por exemplo o BNG, non son inmunes a que mañá lles poida aparecer calquera crápula que coa man esquerda berre Galiza e ceibe e coa dereita vaia trincando os cartos.
A corrupción, sexa moita ou pouca, é sempre mala, e sexa onde sexa é sempre censurable. Debe de ser rexeitada e combatida coa mesma firmeza se dea onde se dea. Pero a corrupción non é en ningún caso un elemento que deba de influír á hora de determinar cales son a nosas simpatías ou antipatías políticas. É o modelo social que propoñen as distintas forzas políticas o único criterio a ter en conta para decidir que é o que nos gusta, e que é o que nos desgusta. Así pois con corrupción ou sen ela, eu son nacionalista porque entendo que o pobo galego é un pobo de seu e só o noso pobo ten dereito a decidir cal é o seu status político. Por outra parte teño a convicción de que se foramos nós mesmos os que xestionásemos os nosos propios intereses, a calidade de vida do conxunto do pobo galego sería bastante mellor que a que temos agora que son xestionados en boa medida atendendo aos intereses de outros.
Asemade eu son de esquerdas, con corrupción ou sen ela, porque entendo a necesidade da existencia dunha res publica coa densidade necesaria para cubrir as necesidades humanas básicas da totalidade de persoas que estamos neste mundo. A liberdade que proclaman os liberais só é a patente de corso para que os que teñen poder poidan facer o que lles pete, e é o camiño máis curto para que unha sociedade sexa o máis parecido a unha selva: os fortes e poderosos viven, e os que non o son morren.
En relación aos modelos sociais propostos pareceume significativo que nas últimas semanas puideramos coñecer unha gravación na que un alto directivo dunha grande empresa privada, que ten na sanidade a súa área de negocio, apelaba a facer máis grandes as listas de espera dun hospital de Madrid con obxecto de facer máis grande tamén a súa conta de resultados.
Esta empresa xestiona entre outros o hospital Povisa de Vigo que atende creo que a máis de 100.000 usuarios e usuarias do servizo galego de saúde. E non, o que dixo este directivo, non foi nin un accidente nin foi ningún tipo de lapsus. É un modelo, é o modelo da dereita, e consiste en deteriorar conscientemente a sanidade pública para permitir a entrada de empresas privadas no sector e que un reducido número de persoas se lucren a conta de prexudicar a saúde das maiorías sociais.
Se a ti,amigo lector ou lectora, este modelo de organización social si que che convence, na dereita está o teu sitio, con corrupción ou sen ela. Pero se es dos que pensas que cos dereitos humanos básicos non se pode facer negocio en ningún caso, por favor, con corrupción ou sen ela, non permitas que goberne a dereita.
