
Existe unha inxusta tendencia propia de cada xeración que consiste en crerse a si mesmos o cénit da evolución, o que lles leva a desprezar tanto aos que estiveron antes como aos que veñen despois, especialmente aos que veñen despois. Cando era neno lembro a persoas da xeracións dos meus avós poñer a feder á xeración dos meus país. Cando era mozo recordo o desagradable que era que as persoas da xeración dos meus pais sempre minusvaloraran á nosa. E agora que son home vexo como somos nós os que poñemos a caldo aos rapaces e rapazas que constitúen a xeración posterior á nosa. As críticas a quen han de continuar a nosa viaxe polos camiños da vida baséanse fundamentalmente en dous aspectos:1) o suposto desleixo da mocidade que lles levaría a non implicarse nas circunstancias da realidade que lles afectan.2) A suposta viraxe á dereita das persoas máis novas que levaría a multiplicar a existencia de mozos e mozas fachas.
Vaiamos por partes:1) A mocidade actual vive nun contexto moito peor ao que vivimos nós cando eramos mozos. Probablemente sexan a primeira xeración en moito tempo que vivan peor que a xeración dos seus país. O acceso á vivenda, un dereito humano básico imprescindible para calquera mozo ou moza que desexe iniciar un proxecto vital persoal, é unha dificultade de dimensións estratosféricas. A especulación dos grandes tenedores, que acumulan enormes cantidades de pisos que poñen no mercado só para alugueiros turísticos, multiplicou os prezos de tal maneira que é imposible mercar e moi difícil alugar. Neste contexto vemos un fenómeno que era case imposible de albiscar cando nós iniciabamos a nosa aventura pola vida autónoma: Os pisos compartidos. Son innumerables os mozos e as mozas moi formados, con graos universitarios, cuxo soldo non lles permite outra cousa que pagar unha habitación nun piso que terán que compartir con outras persoas.
Os seus traballos son precarios, traballan moito e cobran moi pouco. Nesas condicións case resulta lóxico certo desleixo e desinterese polas circunstancias sociais. Bastante teñen con poder vivir. É un erro, abofé que si que o é. O desinterese pola política fai que sexan outros os que ocupen o seu lugar na toma de decisións que a eles tamén lles afectan. Pero é un erro comprensible, en base ás circunstancias que lles tocou vivir. Circunstancias das que non son responsables. Nós démoslle o mundo así.
Porén esa só é unha parte da realidade, non toda a realidade. Existen tamén moitos mozos mozas que se organizan política e socialmente para tratar de defender os seus dereitos. É unha mocidade lúcida e combativa que está nas loitas feministas, na defensa da terra,na defensa da lingua, na expresión da solidariedade con todos os pobos asoballados do mundo…e en calquera causa que implique mobilizarse por un mundo mellor. Si, malia que o sistema trate de minimizalos, tamén existen. Son moitos e moitas e é un deber ético das persoas adultas que temos conciencia política polos en valor, darlles espazo e deixalos pasar cando lles toque, porque teñen todo o dereito a gozar das condicións necesarias para poderen vivir con dignidade.
2)A viraxe á dereita dunha parte da mocidade si que é verdade. Insisto, só dunha parte,pero é unha tendencia moi perigosa que non convén ignorar como fan, ao meu xuízo de maneira irresponsable, algúns columnistas ben intencionados.
As redes sociais máis populares entre a mocidade son Tik Tok e Instagram. Na primeira o número de seguidores que ten Vox multiplica por 4 á suma dos do PP e o PSOE( 792.000 Vox, 71.000 o PP e 156.000 o PSOE) e na segunda os seguidores de Vox multiplican por 2,7 á suma dos do PP e os do PSOE( 1 millón Vox, 170.000 o PSOE e 193.000 o PP).
Parece incuestionable que existe un grave problema coas simpatías das persoas mozas. Cal é o motivo de que centos de miles de mozos e de mozas estean achegándose cara a unha forza política de ultra dereita?..Non é que se volveran tolos, nin que sexan estúpidos. A razón está, ao meu xuízo nas respostas sinxelas e falsas, que os fascistas ofrecen a problemas moi complexos: Ti non tes casa, tes un traballo de merda, tes que agardar unha eternidade a que che atenda o teu médico cando estás enfermo e non tes axudas sociais por culpa do “moro, do panchito, ou do negro” que entrou no teu pais e roubou os teus dereitos.
A falta de expectativas provoca que ese tipo de mensaxes abxectos e falaces poidan chegar ás persoas que aínda non están o suficientemente formados para poder comprender que están sendo enganados. Mentres non construamos unha sociedade decente que non deixe a ninguén atrás non o imos poder evitar. Pero si minimizar, se seguimos batendo para impedir que organizacións políticas que representan o peor da historia da humanidade poidan acadar cotas de poder, e se nunca paramos de facer pedagoxía para tratar de convencer a máis mozos e máis mozas de que dean o paso desde o desleixo ata o activismo. Porque esa mocidade que está en calquera loita por un mundo máis xusto a min si me representan.
