De novo lola ferreiro, violeta sempre

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Días atrás, despois de dous eternos anos, xuntamos na súa memoria. En Compostela para falar dela e sentir menos cruel a súa ausencia, contando pequenas cousas emocionadas, revisando fotos. Quedei de, xa con máis sosego, contar algo daquel tempo de loita aínda en ecos sabendo que xa falara dela, aquí nestas mesmas liñas cando se produciu a súa despedida.

Un día pediume que lle escribise algo, só palabras. A ela, que soubo ser ese ser desatado, tranquila e firme que estaba ben e na certeza de vencer, que mesmo estaba onde ela quería, cos seus afectos, as súas amizades, a súa familia, as súas angueiras, o seu traballo, os presos e presas políticas, as cousas que lle gustaban, a marxinalidade na que tanto había que facer e na que sempre estaba envolta, tamén das intervencións para pór en claro e coutar todo aquilo discriminatorio ela, e con todo fervor, asumía como compromiso vital naquela loita que aínda levamos dentro e, moitas veces, non sabemos como enfrontar.

Nestes días foi aniversario daquela nova e o enorme baleiro. Un día chegou a fatal noticia. Ninguén sabe como foi, tristemente foi. Posto a divagar creo que botaba en falta sobre voar as alturas para ver en perspectiva, lonxe da toxicidade de tanta crueldade e mentira, de tanta falsidade e roubo. Si, necesitaba parar, deter o tempo e mirarse na distancia onde -por fin- recrearse na beleza da xustiza, na verdade. Decidiu subir a algures e quedar nese alén descoñecido para voar na infinita liberdade que tanto aquí se nos resiste. Pode que aínda ande detrás dunha nube, atenta a calquera mareira, a calquera tormenta nova. Quizais mire e se sinta avergoñada de como van as cousas por aquí desde o espectáculo que temos diante dos ollos. Si, semella lamentable nesta bola azul, desde as alturas. Verá, que tamén nós vemos que está chea de penchas e guerras, de odios e violencias. Moita xente con problemas mentais, derivamos neste urxencia  de angustias. Pero tamén outra parte de xente, sobre todo aquela que está ben privilexiada pode estar tola de atar e está no poder, de calquera maneira e que quere gobernar o mundo. Diso ela sabía moito. Si, un mundo que ser resiste a resolver os problemas nosos. A eles chégalles con resolver os problemas propios a base de maiores desigualdades, fames, horrores que todos os días vemos no ámbito social, xa consideramos normais dentro dos activos de calquera circunstancia. Normalizamos a morte violenta, todos os días, o odio e a ira, a mentira en calquera momento e ocasión.

Era Lola Violeta, Lola Ferreiro, a miña amiga. Amiga na paz e na loita, nesa indagación que descobre a verdade, ou quere, e de paso descobre a moita farsa que nos envolve. Esa persoa sinxela á que boto en falta para falar e para rifar. Viámonos con certa frecuencia. Chamabámonos e liabámonos nos novos aconteceres, nos nosos asuntos pendentes. Escoitaba a miña música e a do grupo no que milito, A Quenlla. Tiña moita ilusión nos nosos proxectos clarificadores. Un día pediume que lle escribise algo, para falar dela, que describise a súa crónica vital e reducilo a palabras. Non era preciso fose moi meditado o texto, catro trazos, quizais un verso solto e libre, sen cómputos de ningún tipo. Sen rimas e sen ritmos. Palabras que desen un perfil axeitado daquel ser que agora boto tanto en falta.

Eu valoraba e estimaba os seus comentarios e confidencias. Tamén os seus xuízos, aínda contraditorios dos que andaban ao meu redor, nalgunha ocasión tan precisos e necesarios e tan cheos de razón. Por ambas partes faciamos na prensa ou nos libros a nosa expresión a modo de relato. Non deixabamos nada fóra. Era a miña cómplice e deume moitas claves ás tantas dúbidas propias da nosa común anarquía, para facer uso da liberdade ata consecuencias distraídas.

Sei que non lle gustaban algunhas das miñas amizades. Canta razón tivo en tantas ocasións. E contábame o por que, xa que as súas consideracións despois abondarían en contundente razón.

Sempre disposta a botar unha man aínda desde o silencio, desde a loita contra os xigantes, non todos poñían medo. De súpeto sucedeu aquilo, que golpe terrible! Quedou nunha néboa pousada nun solpor.

E nós nesta hecatombe, orfos dela e da razón que se perdeu sen saber onde. Nadaba contra corrente encabezando concentracións, dando a cara sempre, alzando a voz para manifestar a certeza da paisaxe identitaria. Agora, aparece diante de nós un mundo patas arriba -crimes, guerra, parcialidades, a xustiza inxusta, dereitos LXTBI postos en cuestión, demoras, o dereito a protestar vixiado, os dereitos sen acadar pospostos, a esquerda dividida e confrontada, os patriarcados, as masacres, o aborto de novo en cuestión, as corrupcións, o racismo, os presos políticos, o comercio de armas, a inacción climática, …a indignación constante. Foi así, chegamos a este estado de cousas mirando a esta xente que nos gobernan.

Gardareite, tamén no medio deste caos, dentro da miña caixa pequeniña e agradecida das memorias, esas que sempre me acompañan e non sucumben nin ás escuridades nin aos esquecementos. Imaxinarei a conversa pousada, arranxaremos o que poidamos, que para máis non dan os días. Cómpre gardar na memoria, sobre todo aquilo que máis queremos!

Primer comentario

Deixa a túa opinión