Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
O Servizo de Axuda no Fogar é a columna vertebral do hoxe incompleto, precario e insuficiente sistema de coidados. O SAF constitúe para moitos millares de galegas e de galegos o único recurso asistencial e de apoio para atender persoas maiores, dependentes ou con discapacidade. Trátase dun recurso fundamental, que se desenvolve no propio domicilio das persoas beneficiarias, e que presta unha axuda imprescindíbel para o desenvolvemento da vida cotiá, o acompañamento e socialización e tamén a atención integral das súas persoas usuarias. Pero é tamén un soporte, mesmamente vital, para as familias (nos casos nas que as houber), que ven como atender a familiares dependentes se torna na práctica unha tarefa heroica, por non dicir esgotadora, moi dificilmente conciliábel con cargas laborais e profesionais ou outras atencións familiares.
Nun contexto marcado pola estrutural e grave insuficiencia de prazas de residencias públicas, de centros de día, e de recursos intermedios como as vivendas asistidas, o SAF acaba por absorber con moitos menos medios e capacidades das debidas unha inxente carga asistencial, padecendo tamén importantes listas de agarda. E faino ademais con carácter limitado, tanto nas horas de prestación de servizo como tamén na súa carteira funcional. E todo, a pivotar na evidente explotación laboral das traballadoras do SAF, que padecen condicións ultraprecarias, salarios de miseria, xornadas e ritmos de traballo extenuantes e unha clara desprotección tanto dos seus dereitos como da súa saúde laboral e mesmo integridade física. O asasinato de Teresa de Jesús Sánchez, traballadora do SAF do Porriño, en xullo do pasado ano foi o tráxico vértice que puxo o foco nunha realidade soterrada e invisibilizada.
O SAF é un servizo de titularidade pública pero na súa inmensa maioría desenvolvese cunha xestión privatizada a mans de empresas contratadas polos concellos que operan procurando e priorizando o seu rendemento económico. Esa privatización acaba por se tornar, na práctica, un agravante e acelerante da precarización das condicións nas que opera un servizo social de carácter esencial.
Xunta e Estado teñen a obriga de soster, cunha participación do 50% respectivamente, os custes do SAF. No entanto, na realidade son os concellos quen asumen a meirande parte da factura, a pesar de non contaren na meirande parte dos casos con suficiente capacidade económica. Os datos son incontestábeis: o custe por hora medio da prestación do SAF é de 24 euros horas, porén até agora a Xunta financiaba apenas a metade, 12 euros.
Unha realidade que se manterá nos vindeiros anos, a pesar do vergoñento acordo atinxido pola FEGAMP e o Goberno galego, no que o único avance é que este 2026 a achega da Xunta elevarase até os 16 euros, no vindeiro ano será de 17 e en 2028 de 18 euros. Concluído ese prazo, dentro de dous anos, o certo é que os concellos galegos terán que seguir asumindo do seu peto como pouco o 25% dos custes. Como mínimo tendo en conta que nesa altura o prezo real do custo por hora do SAF terá superado, con toda certeza, os 24 euros. Estamos, pois, ante un falso avance, avalado polo PSOE, que ademais se desprega polo PP en forma de indisimulada chantaxe aos concellos: ou aceptas estas migallas ou quedas como estas.
Fronte a ese acordo-trampa que consolida un modelo de infrafinanciamento que traslada aos concellos unha responsabilidade económica que non lles corresponde e pon en risco a calidade do servizo, os dereitos das persoas usuarias e as condicións laborais das traballadoras, o BNG reclamou, en troca, un compromiso real da Xunta para asumir o financiamento suficiente do SAF e cumprir coas obrigas que establece a Lei de Dependencia, para garantir que en 2027 asuma (coas achegas do Estado) o cento por cento do seu custe.
Porén, non falamos apenas de números en xenérico. Falamos de coidados. De dereitos e de dignidade. De aí que para alén de resolver o inmediato, que é garantir os recursos necesarios e as condicións axeitadas para a prestación do SAF, temos que avanzar tamén para facer realidade que este instrumento de benestar social sexa parte dun verdadeiro sistema público de coidados no noso País, un “Sergas” dos servizos sociais que debe ser xestionado e financiado pola Xunta de Galiza. Pero dotado tamén cos recursos que por Lei debe transferir o Estado, que xa acumula co noso País unha débeda de máis de 2500 millóns de euros en materia de Dependencia.

Primer comentario