Incendios forestais e bombeiros forestais. dúbidas e temores para o 2026

Xan Lois Cabreira

Deixamos atrás un ano terrible pola vaga incendiaria sobre o territorio. Miles e miles de hectáreas arrasadas, espazos naturais completamente perdidos, aldeas queimadas, desaloxos, angustia e ansiedade por perdelo todo, logo cinzas e terra arrastrada pola choiva cunha grave contaminación edáfica (e as augas). E case 70 Bombeiros/as Forestais feridos de diversa consideración. Algúns casos foron terribles. Cunha frecuencia no tempo cada vez máis estreita, a cidadanía galega, é testemuña directa do mal dos incendios forestais (do territorio) en Galicia.

Pasado este desastre, toca saber onde seguimos e cara onde queremos ir logo do pasado polo cal coma Bombeiros Forestais de Galicia queremos, debemos e temos que facer balance do acontecido e reflexionar dar uns apuntamentos e por en alerta á sociedade galega, a nosa xente, e non do que xa pasou nin do que ven senón do que xa chegou senón do que está (polo de agora) para quedar.

Primeiro apuntamento. No debate da maraña incendiaria das vagas de incendios forestais e seus responsables, seguemos sabendo o de sempre de quen demos son estes suxeitos/as os que intereses buscan etcétera, mais independente da responsabilidade directa de quen ou como se inicie o lume, non nos queda outra máis que aceptar os incendios forestais coma un problema de carácter estrutural. E dicir que as causas responden, ao meu ver, a un ordenamento territorial (de práctica inexistente) e o noso (endeble) modelo produtivo. Porque entendo, que si, son estas causas as que favorecen que os causantes de tal desfeita segan triunfais. Entendo que hai que afrontar o problema a fondo coma unha obvia necesidade urxente, dun xeito integro. Galicia, coa imposta cultura silvícola, na que se arborou o territorio con especies de madeiras brandas e rápido crecemento, piñeiro e eucalipto, nun territorio que non era forestal senón gandeiro e agrícola, e podemos ver que ese modelo forestal aínda hoxe non se asentou. As políticas de forestación masiva (e súas nefastas consecuencias) da administración franquista no seu día, chegan ate hoxe.

Nun espazo bioxeográfico atlántico pero ademais, abeirado ao Mediterráneo xeran uns resultados fabulosos a curto prazo para a produción madeireira (barata)pero tamén vai acompañada dunha biomasa “excedente” extraordinaria moi difícil de xestionar e claro susceptible de poder arder. En consonancia, por riba a fuxida primeiro das xentes no rural e o envellecemento agora dos que quedaron, co abandono das minguadas eiras antes cultivadas, que antes servían de efectiva barreira entre ese novo monte arborado e os núcleos poboados (a interface urbanoforestal). E conectados así os dous espazos, quédalle unha dura papeleta que lle resta tamén por xestionar ás comunidades veciñais de montes de virar ese monte (antes agrícola e gandeiro) que recibiron cara o que soñan, no que o económico, o ambiental e o social (monte multifuncional) se asente. Aviso moi serio: ese “eixo Atlántico”, tan densamente poboado e igualmente desartellado pode este ano, vivir un desastre do 2025 “ourensán” multiplicado exponencialmente, polo densamente poboado e igualmente desartellado territorialmente. Por riba todo enmpiorado, coa enxurrada masiva de veraneantes que todo o enche.

Segundo apuntamento. Resulta ser un paradoxo pero a propia loita contra os incendios como está constituída (centrada máis na extinción que na prevención) pode axudar indirectamente a “provocalos”, si a extinción se converte na columna vertebral desa loita en detrimento dunha actividade preventiva consistente na teoría, nun coidado de preservación integral dos nosos montes. Esta é unha análise obxectivamente perceptible a ollos da xente: si se inverte máis en extinguir o lume, obviamente máis intereses de empresas haberá en que o lume non se extinga. Helicópteros, avionetas, bulldozers, motobombas, EPIs, material etcétera. a ollos de calquera albíscase coma un suculento mercado nas empresas interesadas do sector. Sen disimulado sarcasmo, podemos chegar a conclusión de que se contribúe así lamentablemente a mantelos.

E dicir a extinción convertese en instrumento de cobiza para alguén. E niso tamén entra ao meu ver a Xunta, involucrada directamente ao converter a extinción na pedra angular da súa política contra os incendios. E desa contradición a seguinte reflexión: si se pagara mellor por previr, moi posiblemente o lume non sería empregado por case ninguén.

En canto a nós os Bombeiros/as Forestais (si con maiúsculas) infrautilizados e o que xa sabemos: traballamos nunhas condicións durísimas, moi en precario cando falamos por exemplo dos concellos e mal pagado para o traballo que é. Pero si, enlazando co exposto anteriormente e é outro dato obxectivo, os incendios nos dan traballo e insistir as condicións son durísimas. Cando hai un incendio, as brigadas de Bombeiros Forestais, as/os motobombistas as/os emisoristas, vixiantes das casetas, damos todo de nós. Vímonos arriba enfrontándonos no día a día á adversidade. Tamén dicir que nin sequera se lle debería, nin pasar pola cabeza a ninguén, que somos os culpables, de que haxa incendios. Arriscamos nosas vidas na fronte de lapas, tragamos inmensas bocaladas de fume, abrímonos paso para a extinción a lugares imposibles, ferímonos, sufrimos golpes de calor, caemos para logo volvernos levantar e continuar, pasamos sede e fame en xornadas extenuantes, esgotadoras para intentar pórlle couto a esta epidemia incendiaria, as veces, tomando decisións arriscadas pero precisas e calculadas en tempo récord. Si a dirección é boa e podemos, non erramos. Nós imos intentar estar sempre aí ao servizo da nosa xente, da sociedade galega.

Primer comentario

Deixa a túa opinión