Alberte Román
Hai unhas semanas comezáronme a aparecer no timeline dunha rede social diversos vídeos con títulos do tipo “Como saber q estás numa casa tuga sem saber?”. Tuga é un xeito coloquial de dicir portuguesa, para quen non souber. Nas micropezas, as persoas comezaban a enumerar unha serie de ítems, tais como, na casa hai un deshumidificador, úsanse varios cobertores nas camas, a xente ten de vestir roupa de abrigo cando está no interior, hai varios produtos contra o barolo ou directamente, vai máis calor fóra do que dentro da casa. Se xa non había ben de evidencias do relacionamento histórico entre ambas marxes do Miño, velaí outra constatación de que malia levarmos varios séculos separados, a cultura galaico-portuguesa permanece. Alén da brincadeira, a verdade é que eses vídeos podían describir perfectamente o que se vive en grande parte das nosas casas. Evidenciase, sobre todo, en construcións anteriores aos anos setenta e oitenta.
Poderíase dicir que non ter resolto o problema da humidade é o fracaso da arquitectura, como disciplina, neste país. Que nun país como o noso non se teña propiciado unha arquitectura que dese solución ao problema da humidade é significativo. Si, chove, e chove moito, mais non somos a única zona do planeta onde se dan estas condicións, e noutros lugares teñen conseguido ter lares para vivir que ofrecen unhas condicións de confortabilidade que aquí non se dan en grande parte delas. Alguén dirá que é cuestión máis de quen constrúe e do que se quere gastar. Sendo certo, obvia a responsabilidade de quen deseña e asina. No tempo vivido, padecín non poucos espazos de traballo onde a principal característica era a incomodidade de estar. Eran edificios públicos que parecían pensados para maior lucimento de quen asinaba a obra, mais que para quen alí tiña que estar traballando. Por desgraza, exemplos hai abondo. E non é frío, é unha sensación de humidade ambiental que paraliza. Durante décadas na Galiza o debate arquitectónico estivo centrado no controvertido termo do feísmo. Así, falábase máis de tixolos á vista que de como se vivía nese interior.
Segundo o IGE, o 30% das vivendas na Galiza presentan problemas de humidade. Unha porcentaxe alta, se temos en conta que a humidade está por tras de non poucas doenzas respiratorias. É curioso que nos centros de saúde, mentres as pantallas informativas si mencionan outras causas como orixe de problemas respiratorios, non fagan mención a como as condicións ambientais dunha vivenda poden estar na orixe de moitas desas doenzas.
Non podemos obviar que a humidade non nós afecta a todas por igual. A humidade sabe de clases sociais. Quen a padece en maior medida son as camadas sociais máis vulnerábeis. En grande parte, ese parque de vivendas con problemas de humidade están no mercado de aluguer, e nesas condicións debería estar prohibido que puidesen ser alugadas. Ollemos cara Inglaterra, onde desde outubro pasado vigora unha lei que obriga os propietarios a actuar de urxencia ante problemas de humidade nas casas en aluguer. A lei, coñecida como Awaab’s law, marca obrigas e prazos para actuar. Por desgraza, o nome da lei fai referencia a Awaak Isaah, unha crianza morta en 2020 por causa da exposición prolongada ao barolo na casa que os pais tiñan arrendada. Na Galiza, a humidade como problema de habitabilidade e saúde está nas axendas políticas? Non vexo tal. Cumpre, pois, colocar a cuestión no debate social, e avanzarmos cara unha lexislación que protexa a nosa saúde, tamén nas casas.

Primer comentario