Tino Lago
O pasado 12 de febreiro finaba na cidade de Vigo Xesús Alonso Montero aos 97 anos de idade. O vello profesor nacera na cidade olívica en novembro de 1928. Don Xesús era un dos intelectuais máis importantes da Galicia contemporánea, de feito chegou a ser presidente da RAG entre os anos 2013 e 2017. Na súa longa vida cultivou todo tipo de xéneros literarios amosando nas súas páxinas dúas características significativas en toda a súa obra literaria: O compromiso social cos máis desfavorecido, e o amor a Galicia. Don Xesús non era nacionalista, mesmo ten mantido leas importantes con destacadas figuras do nacionalismo galego. Pero tamén se pode querer moito ao noso país sen ser nacionalista como era o caso de Alonso Montero. O que si era o intelectual falecido era comunista. Foi moitos anos militante do Partido Comunista de Galicia. Non se debe falar da súa figura sen ter en consideración a súa faceta política, pois Xesús Alonso Montero foi un ser político desde o principio ata a fin da súa vida. Ao meu xuízo os panexíricos á súa produción intelectual son en verdade moi merecidos, pero os que prescinden da parte política da súa vida son manifestamente incompletos. Xesús Alonso Montero foi escritor e tamén foi político.
Asemade foi profesor. Eu tiven a fortuna de ser o seu alumno na Universidade de Santiago alá polos anos 90 do século pasado. E foi un dos mellores profesores que tiven nunca: lúcido, divertido,erudito, cordial e profundamente humano. Na súa figura converxían unha extraordinaria erudición cunha moi agradable simpatía. Lembro con especial cariño unha brincadeira que de cando en vez gastaba aos seus alumnos e alumnas nas súas clases. Era algo parecido a isto:” Vostedes van ter a fortuna de poder dicir que foron alumnos dun home ao que algún día lle dedicarán as letras galegas”.Estou seguro de que vai ser así, e abofé que me encantaría poder vivir o suficiente para chegar a velo. Antes de me despedir quixera dedicarlle algún dos versos que a el tanto lle gustaban e que fosen apropiados para describilo como ser humano. Non é fácil, pero creo que estes fermosísimos de Blas de Otero son moi apropiados:
”Solo está el hombre. ¿Es esto lo que os hace
gemir?Oh si supieseis que es bastante.
Si supieses bastaros, ensamblaros.
Si supierais ser hombre, sólo humanos….”
Creo que o vello profesor si que o sabía, ser home, só humano.
Don Xesús chegou a vello cunha saúde en aparencia extraordinaria, aínda conservaba a mobilidade e autonomía suficientes para ir dando un paseo pola rúa Venezuela de Vigo desde a súa casa ata á da súa filla onde adoitaba ir xantar. De cando en vez coincidiamos e lembrabamos tempos pasados nas terras de Compostela. Quedáronnos pendentes dúas cuestións que tiñamos pactadas para o inicio deste ano; unha entrevista para ANP e unha charla sobre a relación de Lorca con Galicia que se comprometera dar en Celanova.
Pero non vai poder ser, morreu e todo se acabou. Non quixera romantizar a morte falando de cuestións metafísicas, non creo niso, e teño a sospeita de que don Xesús o consideraría unha parvada. Despídome de vostede profesor, expresando os meus mellores desexos de que unhas palabras que lle gustaban moito poidan algún día facerse realidade:
“En pé os escravos da terra
En pé os que non teñen pan
A nosa razón forte berra
O xénero humano forma a internacional”
Ata sempre profesor. Foi un pracer compartir un anaco do camiño da vida con vostede.

Primer comentario