Donald Trump ou a construción do relato en tempos de emerxencia climática


Oliver Álvarez Barranco

Na política actual asistimos con frecuencia a un fenómeno desacougante: a substitución deliberada da verdade por relatos deseñados para moldear a percepción pública. Isto é o que está a acontecer nestes días nos Estados Unidos en relación coa política ambiental.

O presidente Donald Trump -negacionista confeso da evidencia científica do cambio climático- acaba de desartellar a “endangerment finding”, determinación formal que permitía regular as emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel federal nos Estados Unidos. Esta medida significa un dos maiores retrocesos regulatorios do país, pois elimina a base xurídica que daba soporte á Axencia de Protección Ambiental (EPA) para poder actuar fronte ao quecemento global, ignorando o consenso científico sobre os riscos asociados ao cambio climático e debilitando os mecanismos institucionais deseñados para protexer o interese público. Asistimos deste xeito a un dos exemplos máis extremos da confrontación actual entre realidade científica e ficción política.

Trump e todas aquelas persoas que constrúen a realidade con feitos alternativos esquecen unha cuestión fundamental: a verdade non é algo moldeábel á vontade. Dicía Gaston Bachelard que a ciencia era só outro xeito de facer maxia, que tanto a maxia como a ciencia son formas humanas de imaxinar o mundo e transformalo. Para el a diferenza está no xeito en que o facemos, así como no método racional que se aplica. Mesmo así, sabemos que desde os antigos e antigas xamáns até as científicas e científicos dos nosos días, a procura do coñecemento rigoroso sempre foi sustentado baseándose nun método -aínda que fora un ritual- porque no caso contrario só estaríamos a falar de artificios.

Sabemos que Trump non é un xamán, nin un científico, senón máis ben un personaxe que se apresenta aos seus acólitos como un novo gurú. Un feirante ambulante que ofrece apócemas e ungüentos discursivos, que vende certezas fáciles, promesas sen fundamento e que o aposta todo ao seu carisma. O seu obxectivo non é o de dar a coñecer a realidade, senón o de manipulala para obter adhesión, poder e beneficio. É coñecedor de que a cidadanía pode caer no engano, que está famenta de efecto e de espectáculo, mais do mesmo xeito, é consciente de que só se lles pode enganar unha vez e por iso ten presa.

En termos medioambientais a realidade está constituída por procesos físicos obxectivos e medíbeis -aumento de temperaturas, niveis de CO₂, eventos climáticos extremos, retroceso de glaciares, acidificación dos océanos- que non dependen da opinión humana. A verdade, no tanto, forma parte dunha interpretación social desa realidade, baseada nun consenso e que, a pesar de que poida estar aliñada cos feitos, pode tamén ser manipulada, cuestionada ou deformada por diferentes discursos.

O que Donald Trump debería entender é que coa revogación da “endangerment finding” non se pode modificar a realidade física do quecemento global. O único que acadará será redefinir a verdade institucional sobre o mesmo. A realidade ambiental seguirá sendo obxectiva aínda que a verdade pública sexa negociada. Só cando os gobernos respectan a evidencia científica a verdade e a realidade poden ficar aliñadas. Mais, cando a verdade distórcese, a realidade continúa o seu decurso e nalgún intre, rematará producindo consecuencias que ningún discurso poderá agochar por moi elocuente que sexa.

Cando un goberno decide negar a validez da ciencia ou desartellar os mecanismos institucionais que permiten traducir a realidade en políticas públicas capaces de protexer á cidadanía, o que está a facer non é modificar o clima e mitigar os seus efectos negativos, senón debilitando a nosa capacidade colectiva para enfrontar os retos que supón o cambio climático e o quecemento global do planeta.

Eis, quizais, o maior risco ao que nos enfrontamos hoxendía, ao da narrativa política que substitúe á responsabilidade de gobernar, e que deixa á sociedade cada vez máis exposta ante unha emerxencia climática global que non agarda a que o relato póñase ao día.

Primer comentario

Deixa a túa opinión