Irán baixo lume demoníaco

Artigo de opinión A Nova Peneira
Óscar Lomba Álvarez é licenciado en dereito

Irán volve situarse no epicentro do tremor xeopolítico tras o ataque coordinado de Estados Unidos e Israel contra o corazón do seu aparello estatal, unha ofensiva que soborda o marco da confrontación rexional, expón a fractura profunda da orde internacional en plena crise estrutural do sistemamundo e abre novas fendas no equilibrio global, intensificando a pugna pola hexemonía.

O ataque masivo lanzado por Estados Unidos e Israel contra o corazón do poder iraniano non é un episodio máis na xeografía convulsa de Oriente Medio. É a irrupción violenta dunha contradición que levaba décadas xestándose no subsolo do sistema-mundo capitalista. Para comprender o seu significado cómpre afastar a ollada do balbordo inmediato e observalo cunha perspectiva máis fonda, como quen examina as cousas desde a distancia histórica, onde os feitos revelan o seu sentido oculto. Nel condénsanse crises poliédricas superpostas, tensións que operan en distintos estratos da realidade social e que agora estoupan nunha soa labarada.

Desde unha perspectiva que entrelaza teoría crítica e economía política, a escalada non pode separarse da crise estrutural do capitalismo contemporáneo. Vivimos unha fase de estancamento prolongado, de sobreacumulación e de rendibilidade minguante. Os centros imperiais tentaron conxurala mediante a financiarización. Cando esa vía se esgota, emerxe a destrución física do capital e a reorganización forzada do territorio. A guerra aparece entón como unha prolongación da política económica. O golpe sobre Irán, nó enerxético dunha das rexións máis decisivas para a circulación global, non responde ao capricho de dirixentes alporizados. Inscríbese nunha lóxica imperialista sistémica que só recoñece unha saída ás súas propias contradicións, a imposición violenta.

A acumulación por desposesión, tan presente na privatización do común e na expansión dos mercados financeiros, amosa na guerra a súa faciana máis crúa. O imperialismo busca apropiarse de recursos estratéxicos, controlar os grandes roteiros comerciais e redeseñar os estados para facelos máis permeábeis ás esixencias do capital. As bombas non caen sobre o baleiro, senón sobre mapas onde xa estaban trazados os corredores enerxéticos e os fluxos do investimento global.

O episodio revela ademais a metamorfose do poder imperial norteamericano. A imaxe clásica do estado-nación que declara a guerra dilúese ante un armazón transnacional de intereses. A alianza entre Estados Unidos e Israel é máis que a coordinación de dous réximes. É a expresión visíbel dunha constelación que reúne corporacións enerxéticas, industria armamentística, lobbys políticos e fraccións ou segmentos das elites rexionais que perciben na desestabilización de Irán unha oportunidade estratéxica. O estado de excepción normalízase e proxéctase sobre territorios enteiros cando a hexemonía xa non descansa no consenso.

A soberanía iraniana é vulnerada non só na súa integridade territorial senón na súa capacidade de decisión. Négaselle o dereito a definir o seu programa nuclear e as súas alianzas con outras potencias emerxentes. Actualízase así unha forma de colonialidade na que uns poucos deciden quen pode desenvolverse e quen debe ser disciplinado. A mensaxe é clara, a xerarquía internacional non se discute.

Irán encarna, aos ollos do establishment occidental, a indisciplina. Tentou consolidar un polo autónomo, estreitar vencellos con Rusia e China, cuestionar a unipolaridade financeira e militar. No transfondo xoga a xeografía do capital. Os novos roteiros euroasiáticos, os corredores que enlazan Asia Central co Mediterráneo, os ductos de gas e petróleo, constitúen o taboleiro real sobre o que se desprega a ofensiva. Os mísiles seguen o ronsel dos oleodutos.

Nada disto se esgota no territorio da materia. A guerra é tamén un fenómeno da conciencia, un teatro onde se configuran percepcións, onde a espectacularidade mediática traza fronteiras mentais, fabrica significados e xera adhesións soterradas. A vella narrativa do eixo do mal regresa, apenas disfrazada baixo novas tonalidades. O inimigo é esculpido como unha ameaza absoluta, unha sombra que permite simplificar o mundo até reducilo a dúas cores.

A violencia preséntase como unha anomalía, como un recurso extremo en defensa dunha suposta civilización ameazada. Porén, nas periferias do sistema, a excepción convértese en norma. Alí, a ameaza non é un episodio illado, senón unha presenza constante, unha paisaxe permanente da vida cotiá, onde a guerra deixa de ser acontecemento para transformarse nunha condición da existencia.

Nas metrópoles actívase outro mecanismo. A guerra ofrece unha descarga emocional, un goce escuro que reafirma identidades e sutura fracturas internas. Mentres se proxecta a ansiedade social cara ao exterior, a desigualdade e a deterioración das condicións de vida quedan momentaneamente relegadas. O inimigo externo ordena o caos doméstico.

Porén baixo o estrondo das explosións persiste unha pregunta máis silenciosa, a da reprodución da vida. A guerra non é só estratexia e cálculo. É interrupción brutal da cotiandade. En Teherán, nais que buscan medicamentos que xa non chegan. Traballadores do petróleo que perden o seu sustento. Comunidades desprazadas. Infraestruturas civís reducidas a entullos. O ataque ao corazón do poder é tamén un ataque ao corazón social.

A teoría da reprodución social obriga a mirar alí onde a análise xeopolítica adoita calar. Cando a auga potábel é un obxectivo militar e os hospitais perden electricidade, alguén sostén a vida en condicións extremas. Esa carga recae de novo sobre mulleres e comunidades empobrecidas. En tempos de paz o sistema xa extrae valor do traballo reprodutivo non remunerado. Na guerra esa extracción vólvese descarnada, máis visíbel e brutal.

As consecuencias despréganse como un abano incerto. É difícil imaxinar que un golpe desta magnitude quede sen resposta. O armazón das alianzas rexionais pode activarse e derivar nunha guerra prolongada de desgaste, con risco permanente de escalada. Ao mesmo tempo, o ataque acelera a consolidación de bloques alternativos. China e Rusia, aínda que non interveñan directamente, poden profundar a súa cooperación con Irán, fortalecer mecanismos financeiros que eludan o dólar e consolidar corredores comerciais paralelos. Paradoxalmente, a ofensiva podería debilitar a orde que pretende reafirmar.

No plano social global, as repercusións non tardarán en sentirse. As sancións e as tensións enerxéticas impactarán en Europa e outras rexións. Inflación, encarecemento de subministracións, deterioración do poder adquisitivo. O descontento pode traducirse en protestas ou en repregamentos nacionalistas. As elites, amparadas na emerxencia, reforzarán dispositivos de vixilancia e recortarán dereitos en nome da seguridade. A democracia corre o risco de baleirarse aínda máis, convertida nunha forma sen substancia.

A dimensión ecolóxica completa o cadro. Un conflito no corazón petroleiro do planeta deixa cicatrices que non se borran. Refinerías incendiadas, verteduras, emisións masivas. A pegada ambiental da guerra acelera a crise climática e alonga a fenda entre humanidade e natureza. O capitalismo na súa fase bélica non só explota a contorna, devóraa para sosterse un pouco máis.

Este ataque debe lerse como un momento de condensación dunha crise civilizatoria máis ampla. Non é un desvío accidental senón a manifestación extrema dunha orde que, ao perder a súa capacidade de persuasión, recorre á forza. Os seus efectos serán profundos, reconfiguración de alianzas, intensificación de conflitos sociais, devastación ecolóxica e un sufrimento que recaerá, unha vez máis, sobre os máis vulnerábeis.

A guerra é o síntoma visíbel. A doenza permanece nas estruturas que a fan posíbel. Pensar este episodio esixe algo máis que describilo. Esixe imaxinar outras formas de organización social capaces de crebar a lóxica que converte a destrución en método de goberno. Sen esa transformación de fondo, os mísiles seguirán trazando no ceo as liñas invisíbeis do sistema que os necesita.

Primer comentario

Deixa a túa opinión