Complexo hospitalario universitario Alberto Quirón

Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero
– Mestre no CEIP de Salvaterra

Durante a pandemia, no ambiente das cociñas de Madrid —cidade distópica que, segundo Ayuso, “é España dentro de España e que non é de ninguén porque é de todos”—, abrazábanse con agarimo os ácidos ascórbico, acético e tartárico cos xelificantes e estabilizantes. Bailaban voluptuosamente o glutamato monosódico e o ácido sórbico cando se mesturaban cos correctores de sabor, metabisulfitos e nitratos potásicos. Co calor dos fogóns levitaban de fritideiras e cazolas formando unha nebulosa que flotaba no ar ata que os diferentes ingredientes dos alimentos precociñados estalagtitizábanse no teito.
Polo peso dos espesantes, as formacións graxentas remataban caendo ao chan para converterse nunha pátina sobre a que os membros das familias aprenderon a dar primeiros pasos de bailes de salón. As pingueiras que caían detrás do frigorífico e resto de mobiliario estalagmitizábanse durante a noite ata que, unha vez chegado o día, licuábanse e, devagar, ían sobresaíndo por debaixo dos mesmos para formar un charco xelatinoso ao seu redor.
Os fogares alimentábanse de comida ultraprocesada, o que lles incrementaba o apetito de forma artificial. Comezaban a comer e collían o rastro dos potenciadores de sabor, que anulaban a sensación de saciedade, e non paraban ata ter o estómago a rebentar.
Os contedores rebordaban latas de conservas, botellas de refrescos, caixas engraxadas de kebabs, pizzas e hamburguesas, sobres de ketchup e maionesa, envoltorios de bolería industrial e restos de patacas fritidas.
Daquela, na prensa tivera moito impacto a noticia de que, nun microapartamento, a unha familia que comía callos enlatados deulles un subidón de azucre en sangue, e eufóricos, empezaron a rir sen parar. De súbito, un fillo comezou a poñerse morado. Os pais pensaron que era produto da risa. As pupilas dilatáronse, as pálpebras pecháronselle, respiraba con dificultade e finalmente caeu ao chan logo de perder o coñecemento.
A fume de carozo levárono ao hospital. Tras varias probas, descubriron unha trombose arterial, producida pola inxesta continuada de alimentos insáns. As graxas trans consumidas durante tantos meses atascaran as súas arterias polas que xa só corría chapapote. O seu estado clínico non tardou en empeorar. As pernas infectáronselle de gangrena e, para salvar a súa vida, non houbo máis remedio que amputarllas.
Se isto non fose pouco, a situación complicouse aínda máis cando o postoperatorio comezou a prolongarse e, dende o Complexo Hospitalario Universitario Alberto Quirón —así chamado na honra dun gran filántropo e benefactor cuxa xenerosidade deixou pegada na sociedade madrileña—, comunicáronlle que se lle esgotara o crédito. Non leran a letra pequena do seguro médico antes de asinalo. Xa deixaran de ser rendibles e, a partir de aí, a ruína vital converteuse tamén en económica. A Sanidade Pública tivo que facerse cargo da convalecencia e non tardaron en descubrir que a gangrena da perna puido terse evitado se non houbesen reutilizado material clínico para aforrar custes.
Unha vez rematado o confinamento, fronte ao Complexo Hospitalario, un Maserati detívose na gasolineira da esquina.
—Encha o depósito —ordenou o condutor sen baixar a xanela tras decatarse de que a máscara que levaba o empregado era das que el mesmo puxera no mercado.
Negocio redondo para pechar o círculo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión