8M: Nin submisas, nin depredadoras. Feministas

Carme santos

Carme Santos

Este 8M quero escribir desde a complexidade. Desde a gratitude. Desde a autocrítica. E tamén desde a firmeza.

Porque, se algo aprendín mirando ás mulleres da miña familia, ás miñas amigas, ás miñas compañeiras no ámbito científico-administrativo e ás amigas e compañeiras da miña etapa política, é que o feminismo real non é un apoio puntual nin unha consigna que se activa cando convén. É resistencia cotiá.

Traballo a diario con mulleres que están nos laboratorios e nos despachos do CSIC, sostendo proxectos brillantes mentres manteñen maternidades en épocas nas que a conciliación segue sendo unha carreira de obstáculos. Traballo con investigadoras que adían publicacións, adían ou renuncian á maternidade mentres consolidan a súa carreira ou multiplican o seu esforzo para que ninguén poida cuestionar o seu mérito. Traballo con xestoras rigorosas e eficientes que coñecen mellor ca ninguén os engrenaxes do sistema e que, aínda así, teñen que demostrar constantemente que a súa autoridade é lexítima. E fano sen ruído épico, sen vitimismo performativo, cunha ética de traballo que impresiona.

Nada disto é casualidade, malia que moitas veces non sexamos conscientes. É herdanza das loitas feministas, das que están e das que xa non están, das que abriron camiño en contextos moito máis duros e das que herdamos os froitos deste esforzo colectivo.

E quero dicir isto en primeiro lugar, despois de reflexionar moito —con decepción incluída— sobre os escándalos que salpicaron membros dos partidos de esquerdas nos últimos tempos. Inicialmente a decepción pesaba e impoñíase a sensación de que demasiadas veces desde a política non se está suficientemente á altura. Pero cando afondo na reflexión, decátome de que iso é mercar o discurso do patriarcado e do neoliberalismo, ademais de ser un relato absolutamente inxusto. Explícome.

Por unha banda, é profundamente decepcionante ver como determinadas mulleres da dereita actual —Isabel Díaz Ayuso, Cayetana Álvarez de Toledo, Rocío Monasterio; malia que dá igual o nome— negan o machismo estrutural e ridiculizan o feminismo, cando elas, queiran ou non, son vítimas do mesmo machismo cás demais e están atravesadas pola mesma estrutura patriarcal que nos castiga a todas.

Non vou ser eu quen diga que non chegaron ao seu posto por cualidades e esforzo persoal, pero non por iso deixan de ser utilizadas para maquillar un machismo que nas súas organizacións segue intacto. Porque, malia que logran chegar a esas cotas de poder, son igualmente cuestionadas, mesmo polos mesmos que as apoiaron, algo que negarán sempre. E negaranos por simple supervivencia nos seus partidos. Ata aquí, incluso podo sentir algo de empatía.

Pero co que non podo empatizar en ningún caso é con que, vivindo as dificultades de ascenso para as mulleres nas súas organizacións —ascenso que se lles permite para camuflar ante a sociedade o seu machismo por rédito electoral— teñan esa incontrolable violencia dialéctica cara ás mulleres feministas, e que o máis amable que nos digan sexa “tolas”, “feminazis” ou “hipócritas”, desacreditando loitas colectivas e impugnando avances conquistados. Ademais de eticamente reprobable, defender os mesmos mantras que nos fan dano a todas, no fondo, é profundamente irresponsable.

Se ser “feminazis” significa defender que nenas e nenos teñan os mesmos dereitos, que as mulleres cobren o mesmo ca os homes polo mesmo traballo, que a maternidade non penalice carreiras, que a discapacidade, a orixe humilde ou a pertenza a unha minoría étnica ou racial non multipliquen a exclusión e que existan leis que nos protexan contra a violencia machista, entón a palabra deixa de ser ofensiva e convértese nun eloxio: pois si, somos “feminazis” con orgullo, e iso é síntoma de que estamos facendo as cousas ben.

Dito isto, sinalalas non nos exime da autocrítica.

Porque desde posicións progresistas, e desde espazos que se declaran feministas, temos que revisar prácticas, liderados e dinámicas internas.

Hai membros moi destacados da esquerda que non estiveron á altura e que fixeron un dano enorme á causa feminista, á igualdade e ás propias mulleres con comportamentos absolutamente repulsivos: denuncias por acoso, agresións sexuais, violencia contra as mulleres, utilización da prostitución, encubrimento e un longo etcétera que nos avergoña, nos provoca noxo e nos obriga a actuar con contundencia. Para min, toda esa xente traizoou as ideas e valores feministas da esquerda, e non hai ningún tipo de escusa para minimizar o dano que fixeron.

Pero, pese a todo iso, hai que lembrar a hemeroteca, porque hai diferenzas fundamentais entre o tratamento destes casos e a actuación histórica da dereita no referente ao avance nos dereitos e oportunidades das mulleres. Sen as leis feministas impulsadas e aprobadas en solitario pola esquerda social, moitos dos avances non serían posibles.

Cos partidos da dereita sería máis ben todo o contrario: retrocesos, impunidade, silencio, revitimización da muller e ataques masivos contra nós. Os partidos da dereita votaron sistematicamente en todas as cámaras lexislativas en contra das leis feministas, ou opuxéronse directamente recorrendo a tribunais, medios de comunicación, ridiculizándoas, negando o machismo e a violencia estrutural contra a muller e, ao mesmo tempo, beneficiándose dos dereitos conquistados pola loita feminista: cotas de igualdade, permisos de maternidade e paternidade, protección fronte á violencia machista, políticas de conciliación e un longo etcétera.

E máis: o punto máis diferenciador entre os partidos de esquerdas e de dereitas é que, sen as leis feministas da esquerda progresista, os homes responsables deste tipo de condutas —acoso ou outros delitos de violencia machista— hoxe non terían que responder ante a xustiza. Grazas ás leis e políticas progresistas, agora teñen que render contas perante os tribunais, os medios de comunicación, as súas organizacións políticas e fronte á sociedade. Sen as leis feministas, ficarían impunes. Esa é, por dicilo así, a xustiza poética do maior triunfo das mulleres no seu conxunto e do movemento feminista en todos os recunchos da sociedade. Estes señores van ser xulgados polas mesmas normas que votaron a favor, pese a non creren nelas. Iso é o éxito do feminismo na súa máxima expresión.

Porque é certo que o machismo non é alleo a ningunha organización e que o feminismo non é patrimonio de ningún partido. Pero o que é absolutamente incompatible é afirmar que “apoias” e “defendes” a muller ao mesmo tempo que negas o machismo estrutural que sofre e non fas nada por eliminalo da sociedade, salvo facer demagoxia e carroñería electoral mentres te dedicas a poñer paus nas rodas ás leis e medidas para erradicar o machismo e as violencias contra as mulleres.

Por iso, tampouco abonda con que unha muller chegue arriba. A pregunta é como chega e que fai cando está alí.

O liderado feminino non é automaticamente feminista. Ter un máster en igualdade non converte a ninguén en feminista. E utilizar o discurso da meritocracia para negar os privilexios estruturais non é emancipador: é servir ao poder patriarcal e neoliberal de sempre.

Por iso mesmo, este 8M non pode ser só unha denuncia cara a fóra; ten que ser tamén unha mirada cara a dentro. Porque o machismo non opera unicamente desde os homes: tamén vive en nós cando reproducimos competencia feroz, cando sospeitamos da que destaca, cuestionamos a reivindicativa, desconfiamos da politizada, criticamos a que lidera, descualificamos a que ten ambicións lexítimas, examinamos con lupa a que fala alto; mentres premiamos a docilidade e a submisión, pero castigamos o empoderamento e a autonomía.

O machismo pretende convencernos de que a muller óptima é a que volve á cociña cun sorriso doce e voz pequena, ou a que ocupa un cargo reproducindo os esquemas máis duros do poder tradicional. Por iso non queremos ser nin submisas nin depredadoras. As feministas loitamos porque non cremos nin na concepción da muller como ser submiso que cala nin na que exerce contra outras mulleres o machismo que queremos erradicar. Porque o noso inimigo non son os homes: é o machismo.

Por iso o feminismo non pode limitarse a colocar mulleres nos mesmos esquemas de dominación. Ten que transformar a maneira de exercer o poder: incorporar o coidado, a cooperación, a corresponsabilidade e a xustiza social como eixos centrais. Non como debilidade, senón como fortaleza social.

Este 8M é unha chamada á coherencia e á valentía. E, sobre todo, a non permitir que os nosos erros sexan utilizados para desmantelar décadas de dereitos conquistados.

Por iso, e para rematar esta longa reflexión, celebramos as que investigan, as que coidan, as que gobernan, as que educan, as que lideran, as que escriben, as que emprenden, as que protestan, as que sosteñen familias e institucións. Celebramos as que chegaron antes ca nós e as que están a abrir camiño agora.

Porque cando unha muller avanza soa, resiste.

Cando avanzamos xuntas, transformamos.

Primer comentario

Deixa a túa opinión