Pola liberdade dos pobos, contra o Imperialismo

Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago
Traballador do Sergas

O mundo atópase nunha situación crítica, o Imperio consciente do seu declive económico e de “lexitimidade” forzada pretende frear esta situación da peor forma posíbel, coa violencia. Non asume a sua decadencia e revólvese violentamente para manter os seus privilexios e continuar espoliando o planeta.

Mentres China aumenta a sua prosperidade económica, e se coloca en primeira posición, e Rusia resiste os intentos de destrución pola vía militar, a economía dos EEUU está cada día máis endebedada. Unha débeda superior aos 38 billóns de dólares, que aumenta unha media de 5.888 millóns diarios.

Trump e os membros do seu goberno falan claro ao resto do mundo: se non facedes o que queremos, iremos a por vós. E os gobernos lacaios de Europa aplauden coas orellas esta nova estratexia e asumen o reparto de papeis que fai o Imperio. Vós “europeos” encargádevos de Rusia, até o último ucraíno, e EEUU do seu “patio traseiro” e do resto do mundo.

Os que moven os fíos puxeron a un bufón á fronte do goberno dos EEUU para romper con todo, para tratar de dar marcha atrás a súa lenta agonía. As normas internacionais, a ONU, a diplomacia, xa non serven. Agora a única lei que vale e a do máis forte, a do matón de colexio, a do chulo acosador que atemoriza e pega. A lei do que bombardea Caracas e secuestra ao Presidente Maduro, a lei da agresión contra Irán nun conflito que non se sabe como pode rematar, a lei dos bloqueos criminais, do roubo de barcos petroleiros e do bombardeo e asasinato de lanchas no Caribe. Canto máis débiles se senten máis violentos se volven.

Todo o que está acontecendo desde fai anos está relacionado e forma parte do plan imperial de acoso e derribo dos países soberanos que se resisten a entrar polo aro da dominación e o espolio dos seus recursos.

Non podemos separar o xenocidio do pobo palestino do derrocamento do goberno Sirio por uns cortadores de cabezas financiados por occidente. As agresións e ameazas a Irán forman parte do acoso e derribo da China, igual que a guerra na Ucraína organizada para debilitar a Rusia. As masacres no Congo, no Sudán, o ISIS e organizacións similares no Sahel forman parte do mesmo escenario. O imperio aliméntase de sufrimento e sangue humana.

Os pobos que queren exercer a súa soberanía libremente son sancionados e acosados polo imperialismo estadounidense coa colaboración do resto dos países chamados occidentais. Organizan contra eles “revolucións” de cores, son difamados en todos os medios de comunicación con mentiras, medias verdades e ocultación da realidade para convencer a unha opinión pública adurmiñada dunha realidade que non é. Son infiltrados por ONGs financiadas pola CIA, que debaixo desa fachada humanitaria e desinteresada tentan agochar as súas intencións desestabilizadoras e criminais.

Estamos no tempo de tomar partido. Ou escollemos someternos e padecer a distopía que nós ofrece a camarilla violadora e pedófila que dirixe os EEUU ou apostamos polo Antiimperialismo e a salvación da humanidade.

Por iso é importante entender que ante a agresión a Venezuela, Cuba ou Irán debemos estar do lado dos agredidos e non dos agresores. Debemos defender a soberanía de ese países para decidir libremente o seu futuro sen imposicións e bloqueos.

Por eles e por nós, se queremos unha Galiza liberada temos que ter claro en que bando estamos:

No dos opresores que nós levan polo camiño da guerra: o Estado Español, a Unión Europea e a OTAN. Instrumentos que garanten a nosa dominación e o noso espolio material e humano, que nunca permitirán que gobernemos nós na nosa terra.

Ou no bando dos países que defenden a súa soberanía e loitan pola sua autodeterminación, e a convivencia pacífica entre os pobos do mundo. Colocarse no medio é tamén tomar posición, a do opresor.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.

Marín, 1 de Marzo de 2026.

P.D.: Escrebo estas letras o día anterior ao inicio da agresión de EEUU e Israel contra o Irán. Repítese o que xa vimos en Gaza ou Líbano, bombardeo de escolas, ximnasios e hospitais. Esta agresión conta, unha vez máis, coa colaboración de moitos países-colonias con bases militares ianquis, e dos países “civilizados” de Europa.

EEUU utiliza as bases militares que ten no estado español, mentres o presidente oponse coa boca pequena a esta guerra. Vaia cinismo.

Irán foi o país agredido, e polo tanto ten todo o dereito a defenderse dos atacantes que queren unha transformar unha sociedade milenaria en cinzas para satisfacer os seus intereses económicos. Non caben equidistancias nin xustificacións estúpidas, se somos antiimperialistas só podemos estar co agredido, nunca co agresor.

Primer comentario

Deixa a túa opinión