Trátase de localizar aos cinco homes que permanecen desaparecidos
Na primeira fase localizáronse e identificáronse a dúas vítimas da dictadura
A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, veñen de manter unha nova reunión cos socios da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, encargados de investigar o posible paradoiro de 7 represaliados durante a guerra civil, para tratar de organizar os traballos previos para esta segunda fase da exhumación.
Nesta reunión tamén estiveron presentes o párroco de Soutelo e o arqueólogo que dirixirá as obras. Nesta II Fase de Exhumación da Foxa de Soutelo, en Salceda de Caselas, tratarase de localizar os restos de 5 homes paseados e soterrados no adro da igrexa, que non foron localizados na I Fase de escavacións en que apareceran só dous deles. Na actualidade aínda non se atoparon todos os desaparecidos en setembro do 36. Catro dos que faltan é posible que sexan veciños do Porriño (Severo Boente, José Cordal, Ramón Pérez e Leoncio Muíños), e o quinto, un veciño do Torroso, en Mos (Modesto Barreiro Cubillos). A nova escavación seguramente comezará no próximo mes de abril.
O proxecto, que foi presentado pola Concellaría de Cultura do Concello de Salceda de Caselas a finais de 2025 á Federacion española de Municipios e Provincias (FEMP), dentro do “VI Plan de Recuperación de memoria Democrática 2025-2026”, vai recibir a contía de 12.500 euros de axuda para completar a finalización da Exhumación que se iniciara en xuño do ano pasado nun dos laterais do adro da igrexa. Agora terase en conta outros testemuños orais dos veciños da parroquia e a documentación recollida polo historiador X.Ramón Paz Antón.
A alcaldesa de Salceda sinala que este proxecto supón un avance coa recuperación da Memoria Histórica e a dignificación das vítimas e o dereito dos seus e das súas parentes a recuperar os seus restos despois de tantos anos, para lles poder dar un enterramento digno.

Primer comentario