No último pleno, o BNG no Porriño conseguiu o compromiso de que as asociacións vencelladas coa loita feminista asentadas no noso municipio poidan contar cun local propio municipal. A abstención do PP fixo que a moción saíse adiante. Dende a forza nacionalista esperan que esta vez o alcalde Alejandro Lorenzo cumpra o acordado en sesión plenaria.
A Marcha Mundial das Mulleres da Louriña, dende a súa constitución, está a ser referencial no activismo feminista do val. A súa acción vai máis alá da convocatoria das manifestacións do 8M ou do 25N. Traballan para colocar na axenda dos concellos da comarca a loita pola igualdade.
No último pleno, o BNG do Porriño presentou unha moción na que solicitou outra vez un local para a Marcha Mundial das Mulleres. A forza nacionalista considérao necesario. Sería unha mostra de compromiso coa igualdade e co obxectivo de nutrir o movemento asociativo feminista do noso concello. Deste modo, o goberno local debería pór a disposición un local municipal para uso exclusivo de asociacións que traballen a prol dos dereitos das mulleres.
A Marcha Mundial das Mulleres da Louriña fixo unha solicitude de local en varias ocasións e a resposta sempre foi negativa. Mentres que outros colectivos sociais contan con un espazo municipal no Porriño, segundo o goberno do PP non existe dispoñibilidade de ningún espazo para este grupo.
“O único que esperamos é que agora o alcalde do PP, Alejandro Lorenzo, cumpra co acordado no pleno. Desgraciadamente, non sería a primeira vez que o incumprise”, afirma Míriam Martínez, membro do grupo municipal nacionalista. O Bloque denuncia a falta de cumprimento do acordado recentemente en pleno a respecto da convocatoria da Mesa de Coordinación e Seguimento sobre actuacións de Violencia de Xénero. Xa que acordárase que nesta ían estar presentes os grupos da oposición e ningunha das dúas forzas que a constitúen foi convocada para a última reunión. Tamén en marzo de 2025 se aprobou a constitución dun Consello Local de Igualdade coa representación de todos os axentes sociais e non se ten dado paso ningún para facer efectivo o acordo. “O respecto polos órganos democráticos non son o forte do alcalde”.
Por outra banda, seméllalle á forza nacionalista chocante que, a pesar de que no 2025 houbo un incremento de feminicidios, non houbese unha actuación extraordinaria por parte dos poderes públicos. Recordoulle o BNG a Alejandro Lorenzo que O Porriño foi especialmente golpeado por casos gravísimos de violencia de xénero que aínda non tiveron ningunha reacción na actuación do goberno municipal máis alá dos minutos de silencio. Especialmente cuestionable é a situación das traballadoras do SAF.

Primer comentario