XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves.

Requeixo e mel

Cada primavera, desde o ano 1991, o concello pontevedrés de As Neves convértese nun punto de encontro para milleiros de persoas atraídas por unha das citas gastronómicas máis representativas da comarca do Condado. A Festa do Requeixo e do Mel recoñecida no ano 2013 como Festa de Interese Turístico de Galicia e organizada en venres e sábado da Semana Santa, ten como protagonistas dous produtos tradicionais da zona, o requeixo e o mel.

O requeixo, un derivado lácteo elaborado a partir de leite de vaca, consumido habitualmente acompañado de mel, é o protagonista desta feira e distinguido co selo «Alimento Artesán de Galicia» desde 2023, conta cunha longa tradición histórica que se remonta ao medievo. Xa no século XII, segundo recolle a tradición da vila, os veciños e veciñas da parroquia de Cerdeira ofrecían este produto aos peregrinos e peregrinas que transitaban polo camiño coñecido hoxe como Sendeiro dos Frades.

A celebración da feira nestas datas responde a unha tradición moi arraigada da Comarca. Antigamente, as mulleres que elaboraban e comercializaban o requeixo acudían especialmente os venres á feira semanal do concello para vendelo. Durante a Semana Santa, ao tratarse duns días festivos, a afluencia de xente era maior, o que favorecía a venda deste delicioso produto artesanal.

Co paso dos anos, esta feira gastronómica converteuse nun evento de referencia en Galicia. Durante os días da celebración, veciñanza e visitantes tanto de dentro coma de fóra de Galiza, poden degustar o requeixo preparado segundo a receita tradicional, normalmente servido con mel da comarca ou acompañado de outros produtos da zona.

Esta XXXIII edición da Feira celebrarase o 3 e 4 de abril e conta cunha ampla programación cultural, gastronómica e deportiva para todas as idades e que botará a andar xa o 21 de marzo. O pregón terá lugar o venres 3 de abril, ás 13:00 horas, coincidindo coa xornada central da Feira, que reunirá gastronomía, música, tradición e actividades para todos os públicos arredor dos dous produtos máis representativos da identidade da vila.

Para o pregón deste ano contarán cunha referente do deporte galego. Será Teresa Portela, a deportista olímpica galega. Teresa está considerada unha das grandes figuras do deporte galego e español. A padexeira canguesa fixo historia ao converterse na primeira deportista española en competir en sete Xogos Olímpicos consecutivos, logrando ademais a medalla de prata en K1 200 metros nos Xogos de Tokio 2020, un fito que consolidou unha traxectoria marcada pola constancia, o esforzo e a superación. Acumula tamén 6 diplomas olímpicos, 17 medallas nos Campionatos do Mundo de Piragüismo, dúas delas de ouro, e outras 17 no Campionato de Europa, sete foron de ouro.

Ao longo da súa carreira deportiva acadou numerosos títulos internacionais e recoñecementos: foi distinguida dúas veces coa Real Orden do Mérito Deportivo, medalla de bronce en 2004 e medalla de prata en 2013. Ademais de recibir a Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 2019, converténdose nun exemplo de perseveranza e excelencia dentro e fóra da competición. A súa figura destaca tamén pola capacidade de conciliar a vida deportiva e familiar, sendo nai e referente para novas xeracións de deportistas.

A programación comezará o sábado 21 de marzo co I Memorial Manuel Guitián de bádminton no pavillón municipal (a partir das 10:00 horas) e continuará o domingo 22 coa andaina “Mitos e crenzas do Termes” (saída ás 10:00 horas dende a praza do Concello). O venres 27 celebrarase un showcooking con degustación no mercado municipal (ás 11:00 horas), mentres que o sábado 28 terá lugar a Andaina do Requeixo (saída ás 10:00 horas do Pousadouro) e unha xornada sobre os retos da artesanía alimentaria galega con cata de produtos no mercado municipal (ás 19:00 horas).

Entre as actividades destacadas tamén figuran a ofrenda floral das Mulleres do Requeixo o domingo 29 de marzo (ás 17:00 horas en Cerdeira), a III Xornada sobre a vespa velutina o luns 30 (ás 19:00 horas no CIPC de Taboexa), a cata de meles de Galicia o martes 31 (ás 19:00 horas na Escola de San Cibrán de Ribarteme), e a degustación “Sabores con marxem·” (ás 18:00 horas no mercado municipal).

A fin de semana grande desenvolverase o venres 3 e sábado 4 de abril, coa apertura oficial da Feira, o pregón, pasarrúas, actuacións musicais, animación infantil e concertos. O día 3 incluirá actuacións de Laura Mariño & Band, a charanga Os Tamega e a orquestra Panama Band. O día 4 celebrarase a III Exposición da Camelia (11:30 horas no mercado municipal), o III Certame de Música Tradicional Transfronteiriza (16:30 horas), actividades infantís e as actuacións do grupo 2Tipos, da charanga A Sorcha e da orquestra Charleston Big Band.

Durante estes días, o centro das Neves énchese de postos de venda, carpas gastronómicas e actividades culturais. O público pode probar o requeixo con mel, pero tamén outros pratos típicos como polbo á feira ou chourizos ao viño.

A festa convértese así nun espazo onde tradición, cultura e gastronomía se mesturan, creando un ambiente festivo que atrae visitantes de toda Galicia e incluso do país veciño Portugal.

Deste patrimonio podemos destacar a Fervenza e muíño da Ceña. Está moi cerca dos límites do concello das Neves e Salvaterra, desemboca o Río Xuliana no Río Miño e faino en forma de cascada.

A Lagoa de Medáns, na parroquia de Setados, é un recuncho para sentarse, respirar e tomar folgos ao carón do Camiño dos Pescadores.

Tamén podemos achegarnos a ver as Esculturas de Redondelo. Esta serie de obras de estilo moderno nunha ladeira rochosa do monte Coto do Facho de 184 metros. Son varias as esculturas realizadas en distintos materiais. A máis representativa é “O Xigante” na que representa a un xigante que se sentou a contemplar as belas panorámicas que dende alí se divisan do val do Miño. Foi inmortalizada en cemento por obra de Mario Iglesias González. Outra das esculturas é “Punto de partida”, composta por catro portas de aceiro, cada unha delas cunha apertura diferente e que representan os catro puntos cardinais, creación de Carlos Tejo. Unha circunferencia de granito con debuxos de sinxelos bonecos se localiza xunto a estrada. O seu autor é Manuel Rial Pérez e a obra non ten título. Outra de estas esculturas son unas pisadas de metal dispostas no chan e que ascenden ata a rocha. É obra de José Luis Pereira Rodríguez e se titula “Sendeiro do coñecemento compartido”.

En definitiva, unha festa que é unha mostra da riqueza gastronómica e cultural de Galicia, e un exemplo de como un produto tradicional pode converterse nun símbolo de identidade e orgullo para toda unha vila que nos amosa o máis bonito do rural galego e os produtos máis gustosos no padal do mundo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión