Un ano máis os próximos 8, 9 e 10 de maio a festa da Sementeira chega á parroquia de Corzáns, no concello de Salvaterra de Miño. E esta vai ser unha edición un tanto especial pois os nosos amigos da Sementeira fan 18 anos de vida, e en consecuencia acadan á súa maioría de idade. O sono que un pequeno grupo de amigos comezou hai case dúas décadas con moita ilusión pero con poucas expectativas realistas, acabou por se converter nun evento dunha dimensión extraordinaria que cada ano congrega a milleiros de persoas no recinto no que se celebra. Evidentemente o resultado amosa que a asociación que organiza esta festa, a Asociación Cultural Quinta do Piñeiro de Corzáns, está a facer moi ben as cousas. E nós, como a calquera outro colectivo que traballe para conservar o que é unha parte da identidade colectiva do noso pobo, o pobo galego, así llo recoñecemos e valoramos. Falamos con Fran Gordillo, o secretario da AC e alma mater desta festa
Francisco Gordillo, Secretario da AC Quinta do Piñeiro de Corzáns.
“Cando eu non estea, a Sementeira vai seguir estando con seguridade”
A Sementeira chega á súa maioría de idade
Pois si, calquera o diría cando comezamos con ela, pero esta é a nosa 18º Festa da Sementeira. E nós non podemos máis que expresar a nosa gratitude a todas as persoas que ao longo destes anos colaboraron para que este evento tan bonito puidera existir, e o noso tremendo orgullo polas inmensas cantidades de apoio que recibimos da veciñanza non só de Salvaterra senón da comarca do Condado.
En que días teremos a Sementeira 2026?
A fin de semana do 8, 9 e 10 de Maio.
A Sementeira é Fran, ou é algo máis que Fran?
A sementeira é moito máis que Fran. Eu se cadra podo ser a cara máis visible, pero A Sementeira ten un colectivo de persoas detrás, e todos desenvolvemos moito traballo para que poida ser realidade.
Historicamente a Sementeira sempre foi en dous días, e foi na edición anterior canto tomastes a decisión de aumentar a 3.Por que motivo?
Ben, pois porque quixemos facer unha Sementeira máis inclusiva e dedicar un día a recibir a nenos e nenas que están en centros de atención á diversidade. Esta atención á inclusión social pretendemos que sexa un sinal de identidade da nosa festa, porque dar espazo a todos e a todas fainos mellor como sociedade, e este ano será, igual que o ano anterior, o venres, o primeiro día do evento.
Non sei que programa teredes este ano, pero vaivos ser difícil superar o do ano anterior, que fora dunha grande calidade
Cada ano faise máis difícil superar a calidade dos programas dos anos anteriores, non pola dimensión da Sementeira, que afortunadamente non deixa de medrar, senón pola cuestión económica. A dispoñibilidade económica non é ilimitada e os cartos dan para o que dan. Pero, honestamente penso que estamos no mesmo nivel có ano anterior, un nivel moi elevado, e que ademais é o nivel no que temos que estar.
A entrada segue sendo de balde os tres días?
Si, total e absolutamente de balde durante os tres días que dura a Sementeira.
Como vos financiades entón?
Facémolo coas achegas do Concello e da Deputación, coa publicidade de empresas e negocios que colaboran con nós, e co que consuman os asistentes nas distintas barras que haxa no recinto da festa.
Estades contentos coa colaboración do tecido comercial e empresarial de Salvaterra?
Estamos moito máis que contentos. Estamos agradecidos e emocionados. Cada ano esta colaboración é máis importante, ata o punto de que en ocasións hai empresas que nos chaman a nós para ofrecernos a súa achega.
Fainos un resumo do máis importante do programa?
Para min todos os grupos que veñen son igual de importantes, e esu estoulles moi agradecido. Dígovos os que me acordo de memoria: Teremos ao grupo “Bareixa” , coa cantante Iris Abril, que van facer a súa presentación na Sementeira, o DJ Sapoconcho, os espectaculares Storrentos…O sábado temos a clásica saída dos tractores a primeira hora da mañá, que pasearán por distintas zonas de Salvaterra e As Neves,…. O sábado asemade teremos espectáculos infantís, o grupo “ Kortalumes”, Xes estará tamén con nós, a orquestra “Bravú Xangai” de Xurxo Souto….”Caimán do Río Tea”..
Caramba, Xes e Xurxo Souto, pois si que vai ser difícil superar para o ano que ven
Ha, ha, ha….O ano que ven xa veremos o que acontece. De momento imos centrarnos nesta edición na que si, temos moi bo programa.
A sementeira propiamente dita chega o domingo?
Si, cos grupos “Son da Raia” e “Naiama gaiteiros” amenizando e ás 14:00 h teremos o pregón
Que o fai este ano?
Os membros dunha confraría madrileña chamada “O Chuletón”..Estarán con nós algúns dos seus representantes máis importantes:Fernando Romay,Iñaki Cano, Sergio Pazos, Aarón Guerrero, Jota Abril, Poty Castillo…..
E despois do pregón?
Ben, tamén estarán os nosos amigos “ Os Carunchos” tocando por todo o recinto e despois ás 4 da tarde comezamos coas nosas míticas “olimpíadas agrícolas”, teremos un grupo local “ Hijos de Puchini” e remataremos cos “Festicultores “ e “Son das Tabernas”.
As expectativas de asistencia?
Sempre que o tempo nos axude son moi elevadas. Cada ano se achega máis xente a acompañarnos, de feito estamos tratando de poñer unhas lanzaderas para conectar a festa con Ponteareas, O Porriño, Salceda e Vigo para que a xente poida vir e gozar da festa con tranquilidade e seguridade..Isto último aínda non o temos pechado,estamos tratando de facelo.
Nestes 18 anos algunha vez tivestes mal tempo?
Si, de feito un día do ano pasado nos choveu. Afortunadamente só foi un par de horas de mañá e logo parou. Se as previsións deran moita chuvia pois teriamos que valorar mudar as datas
Algunha vez se deu ese caso?
Non, afortunadamente de momento nunca pasou.
Canto che leva organizar cada Sementeira?
Algo máis de medio ano.
Sinceramente Fran, Non estás canso?
Todos os anos. Todos os anos digo que é a última vez, pero estou tan comprometido emocionalmente a gústame tanto facer o que fago que mentres o corpo aguante e a saúde me respecte penso que seguirei.
Algunha edición tivestes algún problema de seguridade ou de orde pública?
Nunca xamais. Toda a xente portouse sempre de marabilla.
Segues coa mesma ilusión de sempre?
Absolutamente si.
Cando Fran Gordillo non estea a Sementeira vai seguir existindo?
Estou seguro que si. Ninguén é imprescindible, e desde logo que eu tampouco o son.
O Concello pórtase ben con vós?
Si, a verdade é que non temos queixa. Sempre aspiras a algo máis, claro, pero o certo é que se portan ben.
