No pasado mes de xullo o pleno do Concello de Nigrán, cos únicos votos favorábeis do PSOE e a abstención do PP, aprobou provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Un plan que, ademais das discrepancias que se poidan ter co modelo de crecemento que estabelece, caracterizouse pola súa tramitación ás agochadas, negociado entre o goberno municipal e a Xunta de costas á veciñanza e sen trasladar ningún tipo de información ás forzas da oposición. Esta absoluta falla de transparencia non respondeu só á intención de manter ocultas determinadas modificacións que favorecen ao entorno de membros do goberno de Nigrán. É unha decisión plenamente consciente e planificada.

Con frecuencia á aprobación dun PXOM non é un acto pacífico. Isto é consecuencia da complexidade do documento pero tamén por tratarse dun proceso que xestiona expectativas, en non poucas ocasións infundadas, de mellorar a cualificación urbanística do solo, e é esta xestión de expectativas frustradas á que xera a maior conflitividade. Isto sábeo perfectamente o goberno municipal e por iso decidiu manter agochado o documento ata que se levase ao pleno, asumindo que a crítica fundada pola falla de transparencia faralles menos dano que a polémica que podería suscitar a información sobre el. Se acertaron ou non a estratexia só o constataremos cando a veciñanza teña ocasión de manifestarse, pero en calquera caso é unha absoluta falla de respecto á cidadanía e aos seus lexítimos representantes. O máis curioso é que provén dun alcalde que cando lideraba a oposición criticou con ansia ao anterior goberno pola opacidade na tramitación do plan xeral. Nada novo, aínda que, se ben é certo que a información trasladada polo anterior alcalde era escasa, a realizada con Juan González foi directamente nula. Nin unha soa reunión dos portavoces municipais co equipo redactor ou os técnicos do concello en todo o mandato.

A documentación do PXOM non foi trasladada aos grupos municipais ata que, literalmente, non lle quedou máis remedio, con motivo da convocatoria da preceptiva comisión informativa previa ao pleno de aprobación. Convocatoria que realizou co mínimo prazo legal posíbel, con apenas dous días hábiles. Esta é a consideración que mereceu o que se di o documento máis importante do concello, tratado como calquera outro asunto ordinario pese a súa transcendencia e a inxente documentación que o acompaña, e é tamén o desprezo co que o alcalde tratou ao conxunto da corporación e, o máis importante, á veciñanza a quen representan.

Pero esta falla de respecto á cidadanía non se limitou a exercela indirectamente a través dos seus representantes políticos, amosouna de xeito directo ao ignorar totalmente ao Consello Sectorial do PXOM, o órgano de consulta e participación veciñal creado ao efecto, que apenas foi convocado dúas veces neste mandato, unha no ano 2023 e outra pouca antes de levar o documento a pleno para aparentar a participación pública e tratar de evitar posíbeis problemas xurídicos.

As trabas á participación foron máis alá do desprezo realizado aos grupos políticos e ao Consello Sectorial, manifestándose tamén xuridicamente coa negativa a unha nova exposición pública do PXOM, explicitada xa no ano 2023 ao rexeitar o goberno municipal unha moción do BNG que así o solicitaba. Con iso o plan apróbase provisionalmente cun período de información pública realizado fai 13 anos, pese aos transcendentais cambios operados na planificación do solo e ás substanciais modificacións respecto do documento inicial. O propio informe xurídico municipal recomendaba que se contemplase a posibilidade de abrir un novo trámite de información publica con anterioridade á aprobación provisional do PXOM para reforzar a súa seguridade xurídica. Nin así.