Salustiano Guerra García – concelleiro do BNG de Salceda de Caselas

No pleno ordinario celebrado en febreiro 2026, aprobouse unha proposta do BNG, relativa á constitución dunha nova comisión municipal, para analizar e debater sobre asuntos estratéxicos para a veciñanza de Salceda de Caselas.

Cando se rexistrou esa proposta, pretendiamos configurar un lugar de encontro de todos os grupos presentes na corporación, onde puideramos debater sobre asuntos que van máis aló do tempo que pode abranguer un mandato municipal. Pretendiamos que cada grupo político puidese fixar a súa posición a respecto de proxectos que teñan a consideración de “estratéxicos” para o devir deste concello.

Faciamos esa proposta nun momento no que para outros o importante era quen manipulara unha fotografía para tirar da mesma un membro da corporación, asunto que xa fedía despois de 5 meses de que tivera acontecido tal feito.

Pretendiamos (e pretendemos) que o debate político xire ao redor do que a veciñanza espera de nós; altura para ofrecer proxectos que poidan mostrar á veciñanza un futuro para unha Salceda que ilusione e con condicións de vida atraentes de poboación.

A devandita comisión tardou 6 meses en constituírse e, se se fixo a 1ª reunión foi (novamente) a instancias do BNG. Imaxinamos que os moitos asuntos que a Sra. Alcaldesa debe atender, impedirían que ela, como Presidenta da Corporación, tivese tempo antes para convocar aos representantes de cadanseu grupo para formalizar a constitución desa comisión.

E cando instamos a súa constitución, solicitamos que fora incluído na orde do día un punto a debate: o anuncio dun posíbel acordo coa Zona Franca para a construción dun centro de negocios e auditorio, nos terreos municipais do “peri” da Gándara (zona do centro de saúde).

Dito doutro xeito, e xa no eido do esperpento, o BNG quería saber se a Sra. Castiñeira sabía para que se tiña aprobado a constitución dunha comisión de asuntos estratéxicos, se a Sra. Castiñeira consideraba esa obra que anunciaba (da man do Delegado da Zona Franca, o Sr. Regades) un asunto estratéxico para Salceda.


Mais o panorama xa comezou a albiscarse con negrura, pois cando se convoca unha comisión ás 13:30, a seguir doutras 2 comisións, para debater sobre un asunto estratéxico, o primeiro que cae é a careta e pon ao descuberto a falta de interese de quen convoca, a Sra. Alcaldesa, para tratar coa seriedade debida un asunto de tal entidade.

Mais outro capítulo do esperpento aínda estaba por chegar.

Exposición a cargo do concelleiro do “PSOE” das conversas mantidas co delegado da zona franca, sinalando que a perspectiva era a de de asinar un convenio entre as dúas administracións, despois do cal levarían o asunto para “debater” na comisión; é dicir, “unha vez cociñado e logo de asinalo poríase a debate.

Por parte do BNG requiriuse á Sra. Castiñeira para que informase se ese hipotético proxecto o consideraba estratéxico, pois, que sentido tiña levar a debate un asunto xa pactado coa zona franca?.

O debate vai máis aló do hipotético proxecto (de momento só moita publicidade), o debate é onde situar unha infraestrutura como esa, cunha teórica capacidade para acoller actos de 500 persoas?.

O goberno municipal, falto de ideas e sen disposición a escoitar a ninguén, ofrece os terreos que obterá co desenvolvemento do “PERI” da Gándara, unha zona da vila con destino residencial, difícil de xustificar se o que se pretende é que as persoas que no futuro poidan residir desa zona, teñan as condicións urbanas e ambientais necesarias para unha boa calidade de vida.

Non cabe dúbida que este asunto, no caso de madurar, xerará un importante debate entre a veciñanza.

Agora ben, o fondo desta exposición é: cal foi a intención da señora Castiñeira apoiando a proposta do BNG para constituír esta comisión de asuntos estratéxicos?, fuxir da polémica pola manipulación dunha foto e a imaxe dun concelleiro da oposición?, buscar acubillo á sombra do BNG para ocultar as súas limitacións?.

A veciñanza de Salceda merece moito máis que anuncios que sirvan para auto-promoción nas redes; asuntos, como o que aquí se analiza, teñen que ser tratados no ámbito institucional que corresponde e dando pé ao debate e participación de todas as representacións no Concello e, mais aínda, abrindo a participación ás entidades sociais.

En definitiva, os incumprimentos do goberno a respecto das propostas do BNG aprobadas polo pleno é unha constante, mais disto habemos falar outro día.