Ismael Pato

A Sumud Flotilla, a misión humanitaria por Palestina que cruzará o mediterráneo cara Gaza, pasou por Vigo este setembro. Tivemos a oportunidade de convivir con eles unha tarde, antes da súa partida e puidemos ver coma viven o día a día na embarcación. Entre os seus integrantes atópanse persoas de todo o mundo que poñen o seu empeño en cortar o bloqueo que viven os palestinos, desposuídos da súa terra. Unha denuncia contra o xenocidio que pasa por arriscar as súas vidas ante as ameazas das forzas armadas de Israel. Isto é o Kate Tenacity, a flotilla da liberdade.

Na dársena sorpréndome por non atopar a embarcación. Ollo cara os lados e non a alcanzo a ver, mais basta con mirar de fronte e apreciar que, á outra beira do porto, alí está. Non foi difícil recoñecela, nela ondeaban varias bandeiras e a nave enteira era unha obra de arte urbano. A bandeira palestina érguese co vento no cumio do mastro Definitivamente, a Sumud Flotilla está en Vigo.

Chego á gasolineira marítima onde reposta o Kate Tenacity. Recíbeme Ali Shah, doutor e activista de Reino Unido. Preséntame a outros dous integrantes, ensíname o barco. En cada recuncho hai un “Free Palestine” e as paredes fican cheas de símbolos da paz e mensaxes polos nenos de Gaza. No salón, entre adhesivos reivindicativos contra o xenocidio e outras causas sociais, destaca unha ilustración de Rosalía de Castro.

Do you want to drink something?Ofrécenme amablemente café ou zumes da modesta neveira que hai na cociña. Pregúntolles se podo fotografar e deixan que percorra as estancias con liberdade. Mergúllome nalgunhas conversas da cuberta.

Tomás Alberto é o capitán a cargo desta fase da misión, non é a primeira na que participa e nesta ocasión non chegará ata o final. Na anterior fora retido ao oeste de Chipre polo exército de Israel en augas internacionais. Tras a detención e os abusos que sufriu foi trasladado a Estambul para o seu regreso, namentres a súa familia chegara a contactar con dúas embaixadas ao non saber nada sobre o seu estado. Esta nova acción pararía en Sicilia para reorganizarse e continuar a Gaza.

“Estou convencido de que Israel emprega a violencia para deter que volvamos, por iso é importante esta misión” di Frank Romano, avogado francés-americano. “Estamos apremando con éxito a Israel, o impacto da flotilla mobilizou á causa palestina e iso non lles gusta. Se non fósemos sería coma dicir: parabéns, o voso emprego da violencia tivo éxito en que non vaiamos a Gaza. Non podemos mandar esta mensaxe, non podemos ter medo, non podemos ser intimidados. Cada vez que imos, levamos aos medios. Na última Sumud Flotilla cando deixamos Barcelona ninguén estaba falando de Palestina. Cinco días despois, ao chegar a italia, despois de noite e día movendo aos medios, todo o mundo falaba do xenocidio. Pasando pola opinión pública á acción directa, algún día, con sorte pronto, Palestina será libre”. Romano, que tamén foi secuestrado e torturado na anterior misión, foi ameazado polo exército de Israel cunha pena de tres anos de prisión se regresaba. “Eu creo que é mentira” declarou en roldas de prensa.

O KateTenacityé un pesqueiro noruegués de máis de sesenta anos no que o óxido contrasta coas pinturas propalestinas. Agora mesmo atópase en reparacións para garantir a súa seguridade e en primavera de 2027 sumaranse outras embarcacións no mediterráneo.

“O meu nome é Cormac O’Daly, son de Dublín, Irlanda. Fago parte de misións humanitarias a Gaza dende hai 16 anos, a primeira delas en 2010, un convoi terrestre. Estiven nas últimas dúas misións e entrei nisto porque son un home irlandés e nós tamén fomos vítimas do colonialismo. Agardo que nesta misión seremos interceptados, torturados, encarcerados e deportados”.

As expectativas reais de chegar ata Palestina non son moitas entre a tripulación. Son conscientes de que Israel os interceptará e deportará, mais non en balde. Unha das rapazas na proa cóntame que cada vez que se achega unha flotilla a Gaza, o exército de Israel deixa momentaneamente de vixiar as costas palestinas. Entón os gazatís poden pescar libremente por unhas horas e os nenos poden xogar na praia. “Nós, europeos, brancos, somos o cebo” -di.

A última hora da tarde comeza unha reunión telemática co comité de terra e outras delegacións. Frank Romano fala por videochamada namentres o resto dos compoñentes escoitan en silencio, atentamente. Durante a tarde respirouse unha certa tensión. Dous integrantes mantiveron unha seria conversa en cuberta e agora debátese coma continuar e a posibilidade de que outros grupos formen parte da misión. “Son moitas horas xuntos e isto implica realmente un risco físico, non é doado” – coméntame borboriñando unha compañeira.

Chega Samir Slim, cargado de pizzas do seu restaurante, que serán a cea da Sumud Flotilla antes da súa partida, á mañá seguinte. Samir, de orixe libanés, foi coñecido por expulsar do seu establecemento a un grupo de turistas israelís que o trataron de forma despectiva. Isto provocou que fora acusado de odio e antisemitismo por lobbys sionistas coma ACOM, que chegou a dicir que o hostaleiro fixo unha “glorificación do terrorismo”. Pola contra, o xulgado de instrución número 4 non atopou indicios de delito de odio e arquivou a causa.

A mesa está servida na Sumud flotilla.