Xosé “ Muxicas” é un veterano e prestixioso músico polivalente que desde hai catro anos exerce por segunda vez, xa o fixera no século XX, de director da rondalla de Zamáns. A temporada destas agrupacións musicais, acaba de comezar e para min foi un pracer tomar un café cun amigo e colaborador de ANP para que nos explicase como se presenta.

Cada rondalla ten as súas peculiaridades, a de Zamáns comeza a ensaiar en outubro, despois das festas, e fano ata que remata a súa temporada no mes de xaneiro. Sempre me chamou a atención esta situación porque en máis ou menos 8 meses sen ensaios, o normal para un analfabeto musical coma min, sería esquecer todo o aprendido, pero en palabras so señor director “ Non se esquece a técnica de tocar, non. É como andar en bicicleta”

É alucinante. Zamáns ten 840 habitantes segundo o censo do 2024, e na presente temporada máis de 70 persoas forman parte da Rondalla. E non só iso, senón que a presenza de cativos e cativas é tamén moi relevante. Aínda que tamén hai algún rondalleiro que non é de Zamáns, arredor do 8% da veciñanza forma parte da Rondalla. O éxito é incuestionable.

Eu, teño unha opinión moi crítica, o noso amigo e colaborador non a ten tanto malia que recoñece que ten erros notables. Na Guarda, onde se sitúa a acción, nunca xamais na historia houbo rondallas. E outra gralla na que eu non caira, pero el si, é que na rondalla que aparecía na película non existían cunchas, un dos instrumentos básicos destas agrupacións.

Este ano a rondalla de Zamáns ten unha importante novidade, e consiste na incorporación por vez primeira na súa historia, que se saiba , dun instrumento tradicional; a zanfona. A rondalla conta na actual temporada con 3 zanfoneiros. A iniciativa foi do propio Muxicas e contou coa colaboración de Carlos Vila, un zanfoneiro natural de Herville, e de Xaime Rivas natural de Vigo.

A zanfona é un instrumento medieval europeo, que seica entrou na península pola vía do camiño de Santiago. A zanfona da península ibérica é un tanto diferente á que viña de Europa porque na península caeu nas mans das clases máis populares.

Moitos son compostos polo propio Muxicas, pero hai máis xente de Zamáns que achega as súas composicións. De feito máis do 80% das pezas que se interpretan son da propia veciñanza da parroquia.

Teñen un feixe de saídas programadas, todas elas moi interesantes. Comezan o sábado 28 deste mes de novembro, xunto con varias rondallas de Vigo, facendo un pasarrúas polo centro esa cidade co gallo de faceren unha presentación rondalleira do Nadal .Logo estarán en moitos outros sitios como por exemplo en Vincios, polo barrio das Travesas de Vigo, no 2º certame de rondallas de Mos…ata que o sábado 26 comecen a xeira de andainas da rondalla pola propia parroquia de Zamáns, que se desenvolverán en días diferentes para poderen percorrer todos os lugares da parroquia. Tamén participarán no certame de Valadares. O día 6,teñen xornada dupla, despois da misa na parroquia, a rondalla cantará os reis, que se veñen cantando desde a noite dos tempos na tradición da agrupación, e pola tarde van a Gondomar. A temporada rematará o día 10 co certame do Porriño.

E así, compartindo a ilusión oceánica do director da de Zamáns polo mundo da rondalla e polo universo da música con todos os seus matices, rematou o agradable café partillado cun amigo e colaborador de A Nova Peneira, que unha vez máis reivindica o valor da organización colectiva da sociedade civil en calquera das súas formas.