Un oasis de humanidade
Tino Lago
O centro Juan María é un centro de educación especial situado no concello de Nigrán na parroquia de Parada. Nace no ano 1984. Ocúpase da formación de rapaces e rapazas con capacidades diferentes. Nun primeiro momento da formación académica, e posteriormente da formación ocupacional con obxecto de facilitar a inserción dos seus usuarios e usuarias no mercado laboral. E que, como cada ser humano, teñan a posibilidade de ter unha vida independente, autónoma e digna. Na actualidade acolle a 104 usuarios e usuarias dos 3 concellos do Val Miñor alén dos concellos de Vigo e de Mos .As persoas usuarias pasan grande parte da súa vida alí, desde moi nenos ata que conseguen unha formación adecuada para a súa inserción laboral. Así por exemplo Santiago vende traballar en Eco Taller especialistas en fabricar exquisitos xabóns de aromas diversos. Hai tamén talleres de pinturas, carpintería ou manualidades. De feito algún dos cadros feitos polos usuarios e usuarias do centro foron expostos nos concellos de Nigrán e Gondomar. A asociación exerce tamén a modo de centro de día, pois as persoas usuarias reciben atención entre as 9.30h e as 17.30h.Agora mesmo 10 dos seus usuarios e usuarias están facendo unha formación remunerada de 3 anos de duración, traballando nun local de roupa da praza E de Vigo.
Eu coñecín a tenda de casualidade, como cliente. Chamoume a atención e a miña curiosidade innata fixo que agromara esta reportaxe. Eles están en pleno corazón de Vigo, na praza elíptica na planta baixa .Son o segundo local a man esquerda e permítome recomendar a todas e todos os nosos lectores a súa visita. Alí poderán encontrar roupa de grande calidade , fabricada no país galego e unha atención exquisita.
Nós achegámonos a coñecelos mellor e alí estaban 6 das 10 persoas traballadoras : Nati, Alicia, David, Santiago, Lili e Mari, ademais de Montse unha das docentes do Juan María, e de Lola, a deseñadora. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Cantas persoas do centro traballan na tenda?
10, 6 mozas e 4 mozos
Como se cruzan os camiños de Lola e do centro Juan María?
Ben, eu tiña unha marca de roupa “LOLOLA” desde hai 14 anos. Coñecín ao coordinador do centro de casualidade. El explicoume que lles fixera unha enquisa aos mozos e mozas sobre as súas preferencias laborais
E estaban interesad@s en traballar en comercio?
Pois si, moitas persoas amosaron interese neste mundo. Entón comezaron a explorar coa administración autonómica a posibilidade de conseguir unha subvención que financiase este proxecto. Alberto, o coordinador do centro presentoume a idea
Cal foi a túa valoración a priori?
Encantoume
Cando empezastes?
Comezamos en decembro do 2019 e estaremos ata principios do 2023. O obxecto é a preparación dun certificado de profesionalidade de auxiliar de comercio .Fan a parte teórica no centro con dous docentes e a parte práctica no local
Agora contádeme vós rapaces e rapazas, que facedes exactamente na tenda?
Atendemos ao público,, facturamos, facemos albarás, aprendemos a facer paquetes, a manexar o TPV..todo o que se fai no traballo nun comercio.
Como valorades a experiencia?
Moi positiva–Resposta Unánime-De feito Lili e Alicia, se cadra as dúas máis entusiastas, afirman que desde que están na tenda as súas vidas cambiaron a mellor de maneira manifesta
E os clientes que tal con vós?
Moi ben son todos moi amables
Ben, eu a primeira vez que entrei aquí foi como cliente e fun un pouco pesado pedíndovos o tícket . Algún pesado coma min haberá supoño?
Ha ha ha ha ha ha ha ha. Non, os clientes son todos moi educados e amables
E a túa valoración a posteriori, Lola?
A miña é extraordinaria. Non pode ser mellor. É un pracer, un orgullo e unha honra para min, compartir un proxecto vital con estes mozos e estas mozas marabillosas persoas .
Canto tempo están na tenda?
Están seis horas e media en quendas rotatorias de dúas persoas. Están de luns a sábado , e se por algún tipo de campaña como o Nadal ou as rebaixas hai que vir o domingo, pois no comercio é o que toca,
Como é o proceso da elaboración da roupa que vendedes?
Deséñoa eu coa axuda deles, de feito na colección de inverno quero que participen moito máis. E a roupa fabrícase en Salvaterra
Só a vendedes na praza elíptica?
Tamén se vende no centro de Nigrán, e nunha caseta que temos no paseo da Ramallosa. A partir do 15 deste mes de xuño a caseta ímola situar en praia América. Tamén dispomos de tenda on line
O voso proxecto é precioso, pero por desgraza ata os proxectos marabillosos precisan de cartos para poder seguir adiante. A análise económica como é?
Moitas grazas. En relación ao asunto económico pois estamos nunha época moi difícil e a nós tamén nos afecta desde logo. Comezamos en decembro do 19 un mes moi bo para as vendas, pero claro logo chegou o confinamento e, igual que para todos, para nós foi un golpe duro. A economía é complicada ,porque date de conta que son 14 nóminas a pagar. É certo que boa parte é subvencionado pero hai que sacar tamén das vendas que poidamos facer
E para rematar, despois destes 3 anos que?
A nosa ilusión é que todos e todas poidan inserirse no mercado laboral. E que nós poidamos continuar indefinidamente coa tenda coas promocións sucesivas do centro
Moitas grazas e moita sorte. Encantoume falar con vós
1 Trackback / Pingback
Comments are closed.