Cero+cero=cero

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

Chegamos ao ecuador da lexislatura municipal, veñen por diante dous anos de sobreactuacións, promesas e obras para convencer ao electorado. Vai ser tempo de inauguracións para o goberno municipal que ten preparada unha serie de actuacións de calado a medida que se achegue o maio do 2023.

Partindo coa vantaxe que da unha abafante maioría absoluta o PP vai inaugurar, sen contar obras menores, un centro xuvenil, unha nova praza en Seixo, o miradoiro do parque Alcalde Blanco, outra senda peonil entre Bagüin e Seixo e, se todo sae ben, o tan manido Auditorio. Estas serán as cartas de presentación para reeditar unha nova maioría absoluta de María Ramallo, se non lle poñemos remedio.

Pola outra banda comezan a escoitarse voces que reinciden en cantigas do pasado, do século pasado, facendo chamados ao argumento da unidade. Unidade do galeguismo, unidade da esquerda, unidade como mantra solucionador de todos os problemas e fórmula máxica para derrotar ao PP.

É evidente que nos resultados das últimas eleccións municipais tivo incidencia a presentación de moitas candidaturas consideradas de “esquerdas” fronte a un PP que só tivo como competencia pola dereita un Ciudadanos inexistente en Marín e fabricado a última hora.

Con todo non pode ser alleo aos resultados a incapacidade desas candidaturas por construír unha alternativa con credibilidade. E esa credibilidade só se acada con traballo e organización, non construíndo a casa polo tellado da “unidade”. 

A suma de cero e cero sempre da cero.

Estes chamamentos á unidade do galeguismo e da esquerda son un intento de disfrazar a incapacidade de gañar ao PP no terreo de xogo e tentar enganar ao pobo de Marín con fogos de artificio.

Ulo galeguismo? Ula esquerda? Non existe o galeguismo en Marín, non coñezo ningunha organización política que se reclame galeguista. Hai partidos nacionalistas, partidos socialdemócratas como Podemos, partidos como o PSOE que se din de esquerdas pero non o son, candidaturas independentes que saíron do BNG por ter unha liña ideolóxica distinta.

Unidade da esquerda? Quen ten que unirse? O PSOE con Podemos e co BNG. Un chamamento en abstracto á unidade da esquerda é un chamamento á asimilación, do nacionalismo político ou do nacionalismo sindical. Como acontece cada primeiro de maio co chamamento á unidade dos sindicatos. Ten que xuntarse a CIG ou a CUT con sindicatos tan amarelos como CCOO ou a UGT? Non.

As eleccións comezan a gañarse ao seguinte día de celebrarse. Se en catro anos non se fai un traballo de fortalecemento organizativo e de presencia social é imposíbel transformarse nunha alternativa real a quen está gobernando. 

E parece que non se camiña nesa dirección, unha vez mais preténdese facer a casa polo tellado para tentar sumar cero e cero. 

Marín, 10 de xuño de 2021.