Xa logo cobrarán por respirar

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

O impulso a gañar, a competir, a vencer, a superar aos demais vólvenos parvos. Cando o obxectivo son os cartos, a loita é voraz e convértese nun proceder inhumano e asasino. Destrúe a vida mesma, cega e desestabiliza as relacións entre nós, secciona os sociais comportamentos e crea vocabularios paralelos para abondar na confusión. Crea moita tristura, clientes e consumidores en vez de usuarios, doentes e quizais socios. Inventa números en vez de persoas. Recréase en cifras e porcentaxes en vez de asistencias á necesidade, á vulnerabilidade, á marxinación dos que non dan andado o camiño. Estamos a tal altura rexidos polos cómputos, medidas, cifras e as rendibilidades pecuniarias que a nosa vida depende delas. O diñeiro volveuse moeda de cambio da verdade, do recato, da intimidade, do segredo, da maxia da vida. O diñeiro quere mercar amor, tenrura, cultura, saúde, a dignidade e por iso desaparecen estes esteos que nos fundamentaban, por iso cotizan moito máis as ruínas aparentes, as mentiras e a desvergoña, a impudencia, a verborrea e a vulgaridade. Os comúns convertémonos en debedores xa antes de comezar. Vimos de atrás sendo perdedores, pretendidos peixes que buscamos osíxeno na flor da auga, aire para sabernos con vida. Aire que, no seu momento -xa que consumimos- nos cobrarán, como ben habilmente privatizado nas grandes fortunas. Serán donos do aire como antes se fixeron dos ríos e auga, dos ventos, da paisaxe. Ben vedes as eólicas xigantes e os encoros.

Non está lonxe o cobro por respirar, mais estamos nesta situación crítica na que a Terra protesta e ardemos, asolagámonos na ruína. Detrás as multinacionais, grandes empresas que mudan as cotizacións e revalorizan a ganancia mentres a nós aplícannos novas imposicións e restricións de dereitos, apertar o cinto e volver a pagar. Así chegamos a esta bola de avaricia, no impulso obsesivo e abusivo dos cartos en beneficio. Este desequilibrio terrible vén dado en consecuencia dos sistemas que nos rexen, leis desequilibradoras e avaricia dos que queren gañar máis, competir, vencer e gañar cartos por riba dos demais. Cando debera ser un sistema capaz de redistribuír e crear posibilidades de vida, postos de traballo, facilitar a incorporación de quen non pode. Sobre todo atender aos máis prexudicados, aos que sempre perden.

Non hai moito os valores sociais parecían ir contra ese egoísmo, esa afección a contar billetes e moedas. Por riba dos que rin de nós acumulando indebidas riquezas e gozando de impunidade, protexidos polas leis. Esa mesquindade tamén é fame e morte. Moitas veces non son persoas, son sociedades evasivas, bancos, empresas e patronais que se esconden detrás dun nome e evaden a responsabilidade do reparto equitativo, de ser e de posibilitar o entendemento e a xusta distribución. Este desequilibrio produce enfermidades e pandemias, guerras, opresión, tiranías, sometemento, atropelos, abusos, violencia e a terrible inestabilidade das vidas, das sociedades, dos pobos, chegando á perturbación e o trastorno de toda a sociedade.

Era aí onde deberan intervir os poderes que nos representan coa lei e a liberdade de arrouparnos, co orgullo de defender causas xustas. Empezando por coutar abusos, esixir redistribución, protexer a quen é debedor. Esa é o que se agarda dos que gobernan, o auxilio que non ofrecen e que nos fai estar sometidos a leis desconformes. O mesmo que falta cando esiximos dereitos conculcados e retraídos.

Mais os gobernantes tratan con moita educación aos que teñen diñeiros, aos que apertan a corda dos débitos nos que eles tamén andan metidos. Os gobernantes compórtanse de modo egoísta e miran para onde lles convén, defendendo causas que “entenden” defendibles e correctas desde ese estado latente de servilismo, de silencio intencionado e respectuoso cos grandes.

Hoxe o mercado controla tamén aos gobernantes. Dirixen a industria desde un capitalismo financeiro neoliberal controlando aos grandes estados que, ao mesmo tempo, dividen o mundo e parcelan os seus feudos. Alugan o dereito a vivir, o osíxeno que respiremos. A ausencia de poderes políticos fai que nos rexan administracións oligárquicas e imperios de avaricia. Debemos mercar o que eles nos vendan para sermos dependentes do seu favor e alimento. Debemos obedecer e pagar a quen nos fai o favor de vender, porque nós non temos nin somos autosuficientes. Convértense en mafias, narcos, tiranos, mentireiros, crápulas e abusadores. Andan na sombra de calquera lei inxusta. Vence o traballo sucio, a trampa, o negocio solapado, o carto que todo adquire.

Urxe mudar o sistema que nos desequilibra e que crea tantos desfavorecidos e tan poucos favorecidos, ou sequera lúcidos. Haberá que recobrar o sosego, desprezar o estrés ao que nos someten, aprender a vivir de novo, a reconstruír o mundo onde se penalice a trampa e a mentira. Estas “democracias” de finanzas sometidas son sempre unha ruína e chegan a acabarnos. Aprópianse dos bens públicos para o seu negocio e para someternos. Deberemos re-inventarnos. Este capitalismo extremo tróuxonos aquí, a estas guerras nas que alimentan a venda de armas e dan lugar ás consecuencias sabidas, ao fracaso humano, onde controlan e oprimen persoas e pobos, acabando cos seus signos distintivos de Lingua e Cultura, de dereitos, na ausencia dun goberno propio e corrector.