Os socialistas de A Guarda recibiron nas últimas municipais unha mensaxe moi clara da cidadanía guardesa: Fin de ciclo. Seica o entenderon ben e inician un novo proxecto liderado por unha muller nova que afronta a súa tarefa con moita ilusión e responsabilidade. Ela é Fátima Rodríguez. E nós conversamos con ela para coñecer a súa valoración deste primeiro ano do goberno do PP en coalición coa ultra esquerda de A Guarda.
“ Neste primeiro ano a valoración do goberno de A Guarda é de suspenso rotundo”
O mandato actual ven de cumprir o seu primeiro ano. Como valoras esta primeira experiencia como voceira dos e das socialistas guardeses?
A miña valoración persoal é positiva. E a principal razón pola que é positiva é porque a valoración acerca do equipo de compañeiras e compañeiros que me acompañan é magnífica. Tomamos nota da mensaxe do pobo de A Guarda e estamos na oposición, no lugar que a vontade soberana das urnas nos colocou, cun único horizonte: Traballar polo ben común do pobo de A Guarda.
Sobre as eleccións, cal é a túa opinión acerca dos resultados na Guarda das ultimas europeas?
Ben, volvemos ser segunda forza. E parece que para o socialismo de A Guarda se albisca a luz ao final do túnel. Estou ilusionada e esperanzada, penso que iniciamos unha tendencia á alza que acabará por facernos recuperar a confianza da maioría social guardesa.
Ben, e agora tócache valorar a acción de goberno deste estraño equipo que forman o PP e unha persoa que presuntamente é de ultra esquerda?
Con total claridade quero dicir que a valoración deste goberno é a de suspenso rotundo.
Por que?
Por tres motivos:
-Carecen dun modelo de vila para A Guarda. Non hai nin un obxectivo ao que chegar, nin plan o modelo algún para desenvolver. Limítanse a xestionar como poden, e para iso mal, o día a día.
-A inacción política está á orde do día.
-Cando si hai acción, a ineficacia e a neglixencia son as súas características máis significativas.
Algún exemplo desa suposta neglixencia?
Levan perdidos cerca de 600.000€ en subvencións. E non é que tiveran que facer nada, son subvencións que nós lle deixamos conseguidas. Pero a súa manifesta incompetencia fixo que o pobo de A Guarda perda ese diñeiro. De feito acaban de perder unha subvención moi importante para un proxecto de dinamización comercial cuxa principal actuación ía ser na praza de abastos.
E por que se perdeu esa subvención?
O alcalde renunciou a ela. Alude a que carece de partida para facer fronte á achega municipal. Pero podería tela quitado doutro sitio sen problema, simplemente non quixo.
Vós tedes denunciado nas vosas redes sociais que a limpeza da Guarda é deficiente. Neste terreo tamén suspende o goberno municipal?
Cando o partido socialista gobernaba na Guarda, o PP na oposición, fixo demagoxia de maneira sistemática con este tema. Quen non lembra os famosos vídeos de Carrero?.A min venme á memoria aquel na alameda no que se laiaba de que houbese 4 lastras soltas, pois agora mesmo, a 12 de xuño do 2024, hai máis de 40 que están en mal estado. Así como cho digo, máis de 40.Ese é un caso particular, pero en xeral as deficiencias en limpeza e mantemento, neste ano de mandato do alcalde Carrero, son máis que notables.
O goberno actual acusouvos de ter deixado unha moi mala situación económica. Aquela acusación era unha trola?
É uha trola absoluta, unha mentira sen ningún tipo de matiz. E non é que o digamos nós , é o que di a conta xeral. Fíxate: a 31/12 do 23 o saldo en bancos do concello era de 3.270.640€.O saldo orzamentario foi positivo en 962.012€.O remanente de tesourería foi de 1.711.762€.Ese remanente vai poder ser aproveitado por este goberno para financiar obras e investimentos. Dicir que deixamos a A Guarda en mala situación económica simplemente non se sostén, é un disparate e os números amosan que non ten nada que ver coa realidade.
Cales son as actuacións máis urxentes que precisa A Guarda a xuízo do partido socialista?
-A conexión con Caminha
-O acceso sur ao porto
-Mellorar substancialmente a limpeza e o mantemento
E sobre todo e ante todo deseñar un modelo de vila e trazar un plan para executalo. Que modelo de A Guarda Queremos?, Como imos chegar a el?…A resposta a estas dúas preguntas na Guarda de Roberto Carrero por desgraza é: Nin se sabe.
Na recepción do Concello ao Atlético Guardés fostes convidados?
Non, non fomos convidados nin nós nin o BNG. E que amosa esta lamentable actitude? Pois que este goberno alén de suspender en xestión tamén suspende, pero suspende claramente, en calidade democrática. A vontade de integrar e de procurar consensos do alcalde actual é inexistente. Non nos chaman nunca e non nos preguntan opinión acerca de nada.
Por que votastes en contra do orzamento?
É un orzamento insuficiente para abordar as necesidades máis urxentes de A Guarda.
Como está a situación sanitaria na Guarda?
Mal, segue mal. E a Xunta nin está nin se lle espera.
